Morrer en Galicia
Editorial - viernes, 01 de febrero de 2008
Había en tempos neste país dous xeitos de contemplar o pasamento dunha persoa, desde o punto de vista da mesma morte. Ou se morría de repente, ou o que morría xa levaba tempo encamado. Ademáis, claro, da morte de desgracia.
Con estas tres especificacións cubríase o amplísimo abano que hoxe ten a ciencia para determinar as causas e o xeito da morte dunha persoa.
Que en Galicia o feito de morrer sempre foi importantísimo desde o punto de vista cultural e social, e tivemos e temos un culto especial polo tránsito vital dos nosos devanceiros, dos nosos veciños, dos membros da nosa familia.
E aínda que neste culto ou consideración nunca existiron ou non se tiveron en conta as estatísticas, agora sábese que Galicia é unha das comunidades españolas con maior tasa de mortalidade, sendo anualmente de 1.082 mortos por cada 100.000 habitantes, o que a convirte na segunda de España despois da veciña Asturias, tendo rebasado nos últimos tempos a Aragón e Castilla-León.
E agora sábese perfectamente de que morremos: do corazón ou dos pulmóns, de accidente, na estrada...
Na mortalidade inflúe que a nosa poboación sexa moi maior, a climatoloxía, a orografía, as estradas. O certo é que temos un record que os entendidos terán que analisar pero que así, a simple vista, non é para poñerse moi ledos.
Vivir en Galicia pode ser unha regalía, pero a morte róndanos en maior medida que ós habitantes das outras comunidades do Estado. Moito hai de imponderable neste tema, pero algo haberá no que poidamos intervir. A ver se na campaña electoral nos din o xeito de ir a mellor nas nosas cifras de mortandade.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora