Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Infrahumano era Epulón

domingo, 29 de septiembre de 2019
As parábolas dos textos dos evanxeos adoitan ser moi clariñas e o seu sentido enténdese normalmente moi ben. O que pasa é que ás veces non as tomamos suficientemente en serio. Hoxe temos diante unha parábola máis de Lucas, impresionante como todas as súas. Ademais, tamén esta parábola é exclusiva del. Quero dicir, outros textos dos evanxeos non a refiren. Como xa outras veces comentei, en Lucas hai unha preocupación moi notábel por presentarnos a estima que ten Xesús dos pobres, da súa dignidade, da súa función na Igrexa e do seu destino.

Por iso, a Igrexa de Xesús ten que ser unha Igrexa dos pobres, onde eles se sintan a gusto como en casa propia. Como isto con frecuencia non funciona así, por iso o papa Francisco anda dicíndonos, un día si e outro tamén, que temos que irnos acostumando a ver e a practicar esa estreita relación entre a nosa fe cristiá e a xente pobre e necesitada. A Igrexa ten que aprender de novo a irse desprendendo de xeitos de proceder que teñen máis parecido cos comportamentos de xente rica e podente ca cos modos de ser e de vivir de xente sinxela, traballadora, sufrinte e necesitada.

Por que? Simplemente porque Xesús se comportou tamén así. El fíxose pobre cos pobres, sufrinte cos sufrintes, necesitado cos necesitados. Os que polo menos en intención nos consideramos seguidores seus teremos que seguilo tamén nese comportamento seu. Do contrario, non poderemos ollarnos a nós mesmos como verdadeiramente cristiáns, por moito que o creamos ou proclamemos.

A min sempre me chamou a atención na parábola de hoxe a naturalidade, para dicilo dalgunha maneira, con que nela se conta, sen máis preámbulos, que o pobre Lázaro morreu e foi recibido no ceo e que o ricachón tamén morreu e que non foi acollido entre os xustos. Non se di nada directamente sobre a relixiosidade ou moralidade nin do rico nin do pobre. Polo que se ve, todo semella indicar que en Lucas van estreitamente unidas, por un lado, pobreza e salvación e, polo outro, riqueza e condena. Isto está naturalmente en relación co que -como lembraredes- Lucas poñía en boca de Xesús no anterior domingo: “Non podedes servir a Deus e mailo diñeiro”.

Na mensaxe hai algo fundamental. Xesús vén dicirnos que todos (sexamos da ideoloxía, da cultura, do país ou da relixión que sexa) temos un mesmo Pai, aquel que invocamos dicindo “Noso Pai que estás no ceo”. Que en consecuencia todos somos e debemos comportarnos entre nós como irmáns.

Agora ben, que é ou que significa o feito de que en tantas partes do mundo haxa uns que fan esmorga case a diario, sentados ou deitados sobre feixes de billetes, e outros teñan que rebuscar no lixo para poderen atopar algo pra comer?

Iso significa simplemente que non existe verdadeira irmandade. Pois ben, ese non é o plan de Deus nin o seu proxecto. Xesús denuncia ese estado de cousas con toda claridade. Para el Lázaro ten a mesma dignidade de fillo de Deus có rico. Mais ese rico, co seu comportamento, abdicou da súa dignidade de fillo de Deus e de irmán dos demais para se facer escravo dos cartos, xa que -tal e como el vivía e se comportaba- o seu señor non era Deus senón o diñeiro. Deus, en cambio, maniféstase no seu fillo Xesús como Pai de todos, creando liberdade e fraternidade. O rico, ó se facer escravo do diñeiro e se converter en adicto a un consumismo desenfreado, perdeu toda dignidade. Lucas nin sequera lle pon nome, como si llo pon a Lázaro. É unha persoa, pois, sen dignidade e sen nome, por máis que a tradición posterior lle inventase un nome, o de Epulón (do “epulor” latino, que ten que ver coas enchentes ás que tódolos días se dedicaba).

O texto de Lucas vénnos dicir, non que o diñeiro en principio sexa cousa mala. O que é malo é facérmonos escravos del, permitindo que nos poña unha venda nos ollos para non ver os necesitados que temos ó noso lado. A actitude inmoral, non cristiá, do rico non está propiamente en que o rico sexa rico. Pode ter adquirido esas riquezas co seu esforzo, co seu traballo ou coas súas lexítimas habilidades. O malo do seu comportamento consiste en que non se deixa conmover pola pobreza e miseria do seu irmán necesitado que está á súa beira.

Non o olla coma irmán seu, senón coma un infrahumano ó que só se lle permite que poida atrapar debaixo da mesa algunha frangulla de pan ou os desperdicios dunha boa tallada de carne.

Cando consideramos os demais como infrahumanos e deixamos polo tanto de velos como iguais a nós, convertémonos entón en seres inmorais e deixamos en calquera caso de sermos cristiáns se é que nalgún momento anterior o eramos. E ben sabemos que o malo do mundo de hoxe son precisamente as tremendas desigualdades que existen entre uns e outros en relación coas posibilidades de seguir vivindo cun mínimo de dignidade.

En resumidas contas, o noso destino, a nosa pertenza ou non ó que no Novo Testamento se describe como “reino de Deus”, xógase ou decídese nisto: en se exercemos ou non a misericordia e a bondade de irmáns coas persoas que estean ó noso lado, ó noso alcance. Ó longo da nosa vida, atoparémonos seguramente con moitos “Lázaros” que nos interpelarán dunha ou doutra forma, se é que non levamos os ollos pechados ou afastamos a vista.

Polo tanto, se con algo verdadeiramente valioso temos que ir enchendo as mochilas ou os macutos no noso peregrinar pola vida ha ser precisamente con actos de bondade e misericordia cos irmáns nosos máis necesitados. Porque en última instancia son eses actos os que verdadeiramente salvan. Non os outros moitos posíbeis actos de correcto cumprimento de boas normas rituais ou exteriores, mais que se realizan á marxe do que verdadeiramente importa, que é o seguinte: o exercicio efectivo da nosa común fraternidade con calquera dos nosos irmáns ou irmás do mundo enteiro, fillas e fillos igual ca nós dun mesmo Pai Deus.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES