4. O Tear
A muller que moito pasea,
non tece a súa tea
4.1. Elementos
4.1.1. Pezas de soporte do tear
Este instrumento está composto dunhas pezas xerais, que serven de soporte -a xeito de piares- a uns listóns de madeira, onde están fixados os caneleiros. Éstes sosteñen aos lizos e ao peite (1).
4.1.2. Os Lizos
Son dúas varas horizontais paralelas, provistas dunha porción de fíos grosos, que teñen

no medio un lazo. Están sostidos duns cordeis, que pasan por dúas roldadas de madeira, suxeitas aos extremos dunha travesa. Debido a acción duns pedais (premedeiras), que a tecedeira move cos seus pés, os lizos posuen un movemento alternativo de baixada e subida.
4.1.3. O Peite
Trátase dun aparello dentado de cana ou de madeira. Por cada dente do peite hai que introducir dous fíos e, logo, cómpre suxeitar todos os fíos, labor que nalgunhas comunidades parroquiais recibe o nome de renoar. Este utensilio, situado no canal de madeira, está sostido dunha trabe da parte superior grazas a dous listóns de madeira, dispostos perpendicularmente.
4.1.4. Os Orgos
Son dous elementos de estructura cilíndrica, que teñen como función enrolar o fío ou a tea.
A. O Orgo do liño
É unha peza cilíndrica, situada nun dos extremos do terar, que ten como misión envolver os fíos da trama. Éstes son tensados por medio dun trebello de ferro (2), que por riba do lenzo fíxase a él por medio dunhas puntas saíntes, a xeito de serra.
B. O Orgo do pano
Trátase dun fragmento cilíndrico, que ten como función suxeitar o comezo do lenzo, que se estira cunha corda delgada atada ao pecho e ao torno(3), para ir logo

envolvendo a tea segundo vaia saíndo.
4.1.5. A Lanzadeira
É unha pequena caixa de madeira, que leva un trebello de forma cilíndrica, no que se envolve o fío, que vai a ser usado para tecer.
4.2. Funcionamento do tear
Mentras teña o meu tear,
camisa non me ha de faltar.
Denantes de poñer en marcha o tear, dispoñense as canelas, que se colman de fío por medio da caneleira (4). Logo, as canelas pasan á lanzadeira .
Para dispoñer a urdime no tear a tecelá estende os fíos entre o orgo do liño e o orgo do pano, pasando os pares por un lizo e os impares por outro. Logo, coloca os seus pés nas premedeiras, impelendo de contado cada unha delas dun xeito alternativo. Isto da lugar a que os lizos suban e baixen, e que a trama separese en dúas series, que coordinan nunha sucesión de orde o mesmo movemento. Este e intre no que a muller, xa unido o cabo do fío da canela a un dos da trama, lanza coa súa man dereita a lanzadeira entre elas (series) mais por diante do peite (pente). Coa man esquerda colle a lanzadeira, altera a orde dos lizose apreixa con moita sacudida o fío co peite (pente), que move coa man non ocupada pola lanzadeira. Desta maneira volvese a realizar o labor de esquerda á dereita ata que finalice a actividade. Logo pisa a outra premedeira invertendo os fíos pares e impares, de modo que pasan abaixo os que estaban arriba e viceversa. Volve a pasar a lanzadeira, pero en sentido contrario ao de antes e tamén aperta co peite este novo fío da trama como fixo co anterior (5).
NOTAS
1. Tamén recibe o nome de pente.
2. Recibe o nome de trombollo.
3. Tanto o pecho como o torno son pezas, que serven para amarrar o inicio do lenzo.
4. Instrumento dos tecedores, que tiña forma de roda, para realizar as canelas.
5. GONZÁLEZ REBOREDO, X.M., e MARIÑO FERRO, X.R.: Diccionario de Etnografía e Antropoloxía de Galiza, Vigo: Negra Trea, 2010, páx. 411.