Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 27 de septiembre de 2019
Berrando sentimentos

Senta nun penedo que hai á beira do camiño e contempla a vida pasar. Porque a vida pasa tal como flúe, como discorre a auga dun río, de calquera río. Tamén os pensamentos aboian mentres o sol se pon por detrás dun outeiro. Pensamentos que van e veñen por unha pel que latexa e súa ante unha ansiedade que está aí, que sempre estivo aí. E deita en silencio apegado a esa pel que o reconforta, que o fai xemer, que o eleva silandeiro por un desexo eterno. Olla o pardal que acocha por entre unhas toxeiras e vese melancólico ante unha ollada que lle lanzan desde unha foto. Debuxa un compás de espera nesa soidade que o aperta. E mentres un gaio voa para cruzar ese río calquera, voan os seus soños na procura dun tacto suave e húmido, na busca dun instante platónico, sentimental. Berra por ese latexo que nota no seu peito e por esa Pingas de Orballosensación que lle chega de cando o berro queda en silencio. O home ergue do penedo e busca o horizonte para perderse entre os recunchos da memoria, de cando deixou caer un salouco por un saúdo ó outro lado do teléfono. Hai momentos nos que o home flota polo universo que non ten fin e acariña, aloumiña un corpo que o tenta e que o ve máis alá do desexo. Berra por ese momento que non chega. Berra por ese anhelo que o mata. Berro por ese silencio de estar á súa marxe. Berra por esa pel que súa, que queima, que cingue. Berra por ese xemido que ambiciona. Berra por ela.

Chove sobre un berro que esgaza

Chove. Chove sobre o sentido duns diálogos que caeron nun ir e vir de oracións, de frases auténticas e sinceras. Pero ó mesmo tempo brillan eses diálogos baixo uns sentimentos que se soltan, que rabuñan na intelixencia de cada un. Chove sobre a rúa mollada. Chove sobre mollado. Chove e aí vai o lixo, a xenreira, a ansiedade, a pesadume do que foi. Non obstante, uns poucos raios de sol baten contra esas pingas de auga para que se reflicta un silencio melancólico, un instante eterno e unha beleza que vai e vén por toda a conversa. Chove nos soños que se soñan e nas realidades que non se inventan. Chove sobre a rotonda do meu peito, e de tantas voltas que dan os latexos sinto unha dor, un anhelo que me deixa sen alento. Chove sobre o que se escribiu e sobre o que non está escrito. Chove sobre un berro que esgalla, que esgaza, sobre un xogo ou partida que vai máis alá de ganar ou perder, sobre atrancos que hai que retirar para poder pasar, sobre silencios cheos de saloucos e sobre ruídos cheos de silencio. Chove congoxa pola mañá, chove medo pola tarde, chove angustia pola noite e chove ansiedade a todas as horas. Pero locen pensamentos que non caen en saco roto. Pensamentos que sobrenadan nas pingas de auga e que brillan baixo unha luz que namora. Chove e a alma queda limpa de impurezas. Chove e unha bágoa esvara pola meixela abaixo. Chove e un sorriso deita sobre un retrato.

Podo facer e desfacer

Se quero podo facer perfectamente todo o que me dea a gana. Así de simple. Ninguén manda en min. Ninguén me aconsella e tampouco me deixo aconsellar. Para que? Se alguén te aconsella é baixo o seu prisma. Penso eu. Podo escoitar a Richard Gere no musical “Chicago” ou a Los Guajiros del Puerto en “Veo, veo”. Podo coller camiño de A Valenzá e mirar de esguello para a rúa A Canella, por exemplo, ou podo Pingas de Orballobotar a correr ata a rotonda da Familia. Quen me vai dicir que non faga tal cousa? Quen me vai parar os pés? Teño liberdade para facer e desfacer. Liberdade para berrar! Liberdade para pensar! E penso, vaia se penso! Tamén teño liberdade para soñar! E soño, vaia se soño! Podo escoitar a Nina Simone en “Feeling Good” ou a Jerry Goldsmith cos títulos finais da película “O premio”. Podo lanzar un asubío que se oia incluso en Lobios ou podo quedar en silencio para asimilar certo asunto moito mellor. Quen me vai prohibir a min que soñe cunha estrela que viaxa polo espazo sideral e deixa un ronsel que abraia, que apampa. Quen me vai prohibir que lle pegue unha patada ó mundo ou que baile sobre a á esquerda dunha rula. Se quero podo escoitar a Billie Holiday ou confiarlle catro desexos a un espírito libre, por exemplo. Hai por aí espíritos libres que te escoitan, que te queren aconsellar incluso (se é que me deixo aconsellar, claro) e que te ven coma un libro aberto que, vaia por Deus, haberá que pechar. Péchoo, por se aquel.

Perdido no tempo

Xemen as gallas dos amieiros cando se rozan entre si e un lóstrego furga nun penedo coma se quixera buscar o punto vermello do inferno. Toda treboada ten o seu momento. Berra o gaio de tal forma que semella que remata o mundo e a páxina dun libro conta historias para que alguén intente soñar coa forza do vento sobre un viraventos ou sobre un bambán cheo de ilusións. Non todo corre na mesma dirección. Cae unha bágoa de alacrán sobre a antena dun saltón, mentres un astronauta contempla o ir e vir das ondas do mar, o ir e vir do centeo que se dobrega, que se cimbra, que se abanea. Quero voar sobre a congoxa dun pensamento. Quero sentir o agarimo dun neno. E quero quedar de pasmón ante a escala musical do silencio. Corre un can polo lameiro abaixo e catro palleiros levan a cabo un baile nocturno na aira do concello. Bastará tan só un seitureiro para eliminar as matogueiras dunha novela barata. Non todas as novelas contan historias para envolverte ou para involucrarte nunha aventura. Menos mal que un simple sentimento xa é toda unha aventura, unha andaina. Intento cruzar o río Arnoia por onde é máis fondo. Afogo. A auga arrastra os recordos que foron e sepulta a inocencia do que fun. Pido que ninguén chore por min. Que nin tan sequera se me recorde. Porque todo o que fun quedará perdido no tempo. E o tempo, moitas veces, é efémero, pasaxeiro, curto, pasadío...
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES