A cor das noticias
Pinto Antón, J.A. - viernes, 27 de septiembre de 2019
A máis habitual é a negra. Onde vai que nas facultades ensinan que unha boa noticia non é noticia. Que a realidade non pode estropear un bo titular. Que o sangue sempre vende.
Pero millóns de persoas invisibles saen cedo a traballar. Volven cansos. Terman da familia. Miles de mulleres corren cada día para se manter en forma ou porque lles peta. En moitos colexios non hai episodios de bulling. A maioría das persoas convive razoablemente. E ata nos lugares con exceso de decibelios a xente prohíbese o insulto.
Pero nos medios imponse a cara escura da moeda. Apostan polas tristes guerras, contaminación, terrorismo, o feo submundo das drogas, o Armagedón inminente do cambio climático. Ameazas contra a saúde: a primeira epidemia do ébola foi mediática, a do Congo agora, invisible: son negros.
Cousiñas que venden. As malas noticias corren como a pólvora polas redes. A sobredose de substancias mediáticas tóxicas afunde no medo, condena ao pesimismo. O espello do prime time mostra o peor de nós mesmos.
Hai outra cara da moeda. Este século non é como o sanguinario s.XX: expolio colonial, dúas guerras mundiais, os peores canallas con millóns de mortos no lombo: Leopoldo II de Bélxica, Hitler, Stalin, Mao. E alumnos menores: Mussolini, Franco, Pinochet, Videla
As guerras seguen matando pero infinitamente menos que as grandes carnicerías do pasado. Trunfa a vida: menos mortalidade infantil e de mulleres de parto. A xente vive máis: 71,4 anos de media, con máis comida e mellor saúde (OMS). Sistemas sanitarios, sobre todo públicos, enfrontan con éxito epidemias que dezmaban ata hai ben pouco. A mediática gripe A enriqueceu ás farmacéuticas pero cobrou menos vítimas que o coche nun país pequeno.
O ollo da televisión mostra o rostro da fame nos máis febles e iso é unha vergonza, pero non pode ocultar que os dous xigantes demográficos, China e India alimentan a súa poboación.
Medios, redes, organizacións internacionais fan evidentes as tiranías e somos conscientes do valor da liberdade. Rexeitamos a intolerancia e as discriminacións. A sociedade reivindica dereitos para minorías, infancia, mulleres, outras orientacións sexuais. E para os outros veciños, plantas e animais.
Aínda que a incultura berre máis, a cultura avanza. A xente alfabetizada é maioría, cando o analfabetismo dominaba hai pouco. O traballo, cada vez máis en mans de máquinas e robots é menos esclavizador que para os avós.
O mundo ten zonas escuras. Hai tiranos e minorías aplastadas. Trompetería de populismos e da extrema dereita. Desigualdade insufrible. Ameazas contra o planeta. Pero o avance en dereitos humanos, saúde, alimentación, cultura, seguridade, progreso humano é espectacular. Non son agasallos: son conquistas sempre pendentes.
Noticias non-noticias. Impactan máis os lóstregos mediáticos que as fermosas cores do arco da vella.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora