Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A ver... conselleiro!

jueves, 26 de septiembre de 2019
Mentres escribo, escoito o trouquelear dun pequeno tractor conducido por un veciño meu, xubilado, que anda a facerlle as voltas a unha finca que nin ata o de agora deu nada, nin nada vai dar unha vez remate a cadea de triturar as malas herbas, as ortigas e as silveiras que inzan ó albedrío con estas primeiras choivas despois de tanto sol.

Economía improductiva, en toda a súa dimensión. É dicir, traballar para quentar o corpo e para que non se oxiden os eixos do tractor nin os cilindros do motor.

Acontece isto despois de ter acabado de ler a entrevista que -onte, para min- publicou este xornal e na que me dá que a medida que lle foi contestando as preguntas ó redactor veuse vindo arriba (poñéndose cachondo, que diría o máis castizo) e acabou por ver debuxado no seu ideario un futuro para o noso agro que, sinceramente, ata onde alcanza a miña vista dende onde estou escribindo -e podo asegurarlle que cara algures é máis dunha ducia de quilómetros- non dou visto, nin eu nin o meu veciño do tractor.

El porque, xa xubilado da emigración, non creo que estea nestes intres planificando ningún proxecto labrador, e eu porque denantes de imaxinar unha "aldea modelo" en calquera pobo da miña parroquia, vexo que calquera deles precisa denantes de nada que se acometa un complexo plan de deforestación, que non sei canto pode costar nin canta man de obra precisará, para poder limpar os centos de hectáreas que noutrora foron campos de millo, eixidos froiteiros, eidos de pasto, centeeiras e pataqueiras e que agora están colonizadas ata os propios tellados das casas, por vidos, amieiros, carballos e castiñeiros crecidos durante o último cuarto de século ó amparo do silencio no que, inverno tras inverno, foron sumíndose por inanición a inmensa maioría das aldeas que me rodean.

Só así podo entender que se atreva a asegurar que o "abandono de terras é unha vantaxe competitiva en Ourense", supoño eu que, seguindo a máxima de que unha vez que un chega ó fondo do mar xa todo son vantaxes porque o único camiño que queda é o de volver subir, por máis que nos pulmóns xa non quede aire ningún que nos permita saír a flote.

Non lle vou negar -iso si- que cando lin a proposta das denominadas "aldeas modelo" comecei a ver algo de luz entre as sombras de tanta carballeira inzada que na miña terra de Celanova xa nos está ocultando ata os horizontes. Iso, xunto á recuperación do banco de terras, parece que me devolveu algo de ilusión por esta terra erma pola que só campan os vellos co seu mini-tractor quentando o corpo e consumindo gasoil.

Ora ben, se realmente cre en todo canto di, permítame unha última consideración. Para poñer en marcha o seu “espectacular” proxecto non agarde a que os alcaldes se lle poñan á cola na sala de espera do seu despacho e deseñe un plan de actuación por comarcas denantes de que ó meu veciño xubilado se lle esnafre o motor.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES