Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Escravos do poderoso cabaleiro

domingo, 22 de septiembre de 2019
Lendo ou escoitando o anaco do texto de Lucas que fai referencia ó diñeiro, cómpre indicar xa desde o principio que nos atopamos aquí cun tema moi central en Lucas: o tema dos pobres, da preocupación de Xesús por estar entre os pobres e necesitados, compartindo con eles amizade e proximidade.

Por que e para que se comportaba así Xesús? Simplemente, para que os pobres se tornasen conscientes da súa dignidade (tantas veces negada polos de arriba, é dicir, por aqueles que tenden a se crer máis dignos cós pobres simplemente por teren unha mellor posición social ou económica). Tamén para que pobres e necesitados do mundo saiban do amor que o Deus Pai de todos lles ten a eles dunha maneira moi especial. Unha dignidade de seren fillos de Deus, que os convida a viviren con alegría a súa vida. Poden saber así que son queridos polo Deus que non fai diferenzas entre os seus fillos. O noso Deus quérenos a todos por igual. E, se houbese diferenzas no seu comportamento, serían sempre a favor daqueles fillos seus máis desfavorecidos ou máis discriminados polos demais. Pois, á fin e ó cabo, non deixan de seren eles en realidade os que máis se lle parecen ó seu fillo “preferido” e “benquerido”, é dicir, a Xesús.

O exemplo ou a parábola de hoxe é exclusiva de Lucas. Nos outros redactores dos evanxeos non aparece, aínda que eles non deixen por iso de estar tamén na mesma liña de Lucas. Este, en calquera caso, é moi decidido na cuestión do lugar ou da función que debería ter o diñeiro na vida dun seguidor de Xesús.

Por suposto, a parábola resulta moi actual e doada de entender, se temos presente o que case un día si e outro tamén se nos di ou se nos recorda desde os medios de comunicación sobre a corrupción política. Pois fálasenos, efectivamente, tamén na parábola do comportamento corrupto dun administrador de diñeiro alleo (un diñeiro que polo tanto non lle pertence). Este administrador utiliza fraudulentamente eses diñeiros en proveito propio, enganando con iso o seu dono. Mais, ó se ver collido e descuberto, manobra arteiramente para poder contar con amigos que o axuden e apoien cando, de aquí a pouco, se atope no paro. Pois el non está afeito a traballar, senón unicamente a manipular e a se aproveitar dos bens dos demais.

Está ben claro que o que aquí se loa non é o comportamento fraudulento do administrador infiel, senón a súa habilidade para conseguir amigos. Isto último si que é importante. Un bo seguidor de Xesús non pode pecharse en si mesmo ou quererse só a si mesmo. Polo menos, co mesmo ardor co que un se ama a si mesmo (e ninguén pode deixar de facelo) hai que amar tamén os demais. O mandamento de “amar ó próximo coma a un mesmo” era xa mandamento importante no Antigo Testamento. De modo que un non pode nin debe odiarse nunca a si mesmo. Se así fose, tería que odiar tamén os demais.

Pois ben, da mesma maneira que un é moi amigo de si mesmo, ten que ser tamén moi amigo dos demais. De todos. Hai que exercer de amigo e de irmán de calquera co que nos atopemos na vida. Dándonos nós a eles e dándolles tamén a eles o máis que poidamos daquilo que temos e el precise de nós. Pois non está ben entre irmáns que a uns lles sobren cartos e posesións e a outros lles falte. As tremendas desigualdades sociais e económicas que se ven por tantos sitios non son cousa de Deus, senón nosa, dos que nos comportamos inxustamente cos demais coma se non fosen irmáns nosos. Enténdese así ben a aplicación ou conclusión que tira Xesús da súa parábola do administrador infiel: “Facede amigos coas riquezas inxustas”.

Porque toda riqueza é inxusta cando é resultado dunha inxusta opresión sobre aqueles dos que inxustamente nos aproveitamos. E disto ben sabemos que hai moito por aí adiante e a tódolos niveis. Mais, como seguidores que queremos ser de Xesús, temos que saber (e sobre todo practicar) que un cristián non pode ser escravo dos cartos, dese “poderoso caballero” que o poeta castelán Quevedo identificaba co “don dinero”. Lucas ponnos en boca de Xesús aquela inmorredoira frase que, desde a perspectiva de que somos todos irmáns, vale e valerá sempre como norma de comportamento social e humano: “Non podedes servir a Deus e mailo diñeiro”.

O diñeiro fai falla para moitas cousas, mais o que non debemos facer é convertérmonos en “escravos” del e acugulármonos así de cada vez máis e máis cousas. Un faise escravo del cando non é solidario coas necesidades dos demais. Da maneira que sexa, porque hai moitas maneiras de ser solidario. Hoxe hai moitas ocasións de se facer solidario. Porque hai moita xente no mundo que o están a pasar mal. Mentres que neste momento, segundo se nos di, os máis ricos se fixeron aínda máis ricos, a xente máis ou menos normal e os pobres fixéronse aínda máis pobres.

Todo isto aféctanos a todos. A Igrexa mesma como institución e organización necesitaría tomar máis en serio as palabras de Xesús. Lembraredes o que dixo nalgún momento o papa Francisco: “Cómo me gustaría unha Igrexa pobre e para os pobres!”. Frase que eu polo menos sei que a algunhas persoas ben situadas ou acomodadas non lles gustou moito cando as dixo. Por iso o interese do papa Francisco por reformar as finanzas do Vaticano para que tamén alí, e en primeiro lugar, sexa verdade o de non “servir o diñeiro”, senón unicamente a “Deus”. E, naturalmente, dicir aquí “Deus” equivale a dicir persoas pobres ou necesitadas. Pois está ben claro que só poderemos servir a Deus se servimos de verdade a xente, os irmáns nosos do mundo enteiro.

Non pensemos que este non facérmonos escravos do diñeiro nos entorpecerá ou nos danará na nosa vida. Todo o contrario. Gañaremos con iso en felicidade e en persoas que pola súa parte nos dan ou ofrecen o que teñen: a súa amizade e o seu amor. Sabemos todos ben que este tipo de cousas non se mercan con cartos. É así como será verdade aquilo que hoxe nos conta Lucas de “facer amigos coa riquezas inxustas”.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES