Para que vale un dicionario
Xiz, Xulio - viernes, 20 de septiembre de 2019
Miña nai contaba con rotundidade que todo o que aprendera na súa nenez na aldea pontesa de O Freixo escola incluída-, nos primeiros anos trinta do seculo XX, procedía dun diccionario que había na casa, ao que acudía para saber o que despertaba a súa curiosidade. Noventa anos despois, dúas das súas bisnetas de oito anos veñen de estrear neste comezo de curso cadanseu diccionario de galego e castelán, nos que entraron coa avidez do sedento diante dunha fonte limpa e caudalosa.
Unha delas, Alicia, asombrouse de que na portada aparecese VOX, preguntándolle á súa nai como era posible esta aparición nun diccionario, tendo esta que explicarlle a orixe latina da verba e que se trataba dunha editorial xa histórica.
A outra, Noa, en canto comezou a curiosear no interior, exclamou sorprendida: Andá!, se é igual ca Internet, abraiada diante da existencia dun marabilloso libro que fose quen de proporcionar a información tan doada coma a da Rede que nos invade.
De seguido, coma a súa bisavoa, comezaron a buscar palabras que lles chaman a atención, referidas neste caso á escatoloxía: o máis natural desde que o mundo é mundo. E invadiume a convicción de que imos pechando un ciclo, volvendo a valorar a nunca perdida importancia dun diccionario na man, desde aquel único medio formativo de antano, pasando polo acontecido cando estas nenas tiñan arredor de tres anos, que pretendían mover co dedo a xeito de pantalla- unha foto a cor que aparecía nas páxinas de La Voz de Galicia.
E o de Vox, xa se sabe, publicita que algo queda; e se escolles por nome un vocablo con historia, mellor ca mellor.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora