Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A cidade fainos cidadáns

viernes, 20 de septiembre de 2019
A cidade está entretecida de rúas, edificios públicos, fontes con estatuas e sen elas, casas, prazas, parques. Pero é moito máis. O número de habitantes non define a grandeza da cidade. Iso só é demografía. Nela colle o mundo enteiro: un microcosmos, a aldea global.

A cidade non é só o teatro de grandes infraestruturas, viadutos e equipamentos arquitectónicos de deseño, que neste tempo de faraóns sempre multiplican o presuposto inicial. Hai que dotar a esas obras imprescindibles do perfume e da presenza das persoas. Hai que afacelas á estatura humana, recuperando os valores de convivencia e calidade ambiental.

A cidade constrúese como lugar de encontro e intercambio. Recorda Ortega, ‘hai que saír das casas se queremos atopar a cidade’. Nas casas satisfacemos necesidades cotiás pero na cidade construímonos como cidadáns, como “animais políticos, zoon politikon, di Aristóteles.

Non son as casas, nin os palacios, nin as fermosas esculturas das prazas as que fan a cidade, que tamén, senón as persoas que se relacionan nos espazos públicos. Pero a cidadanía, compromiso das persoas libres, hai que conquistala. Non é empadroamento senón o dereito e o deber de participar na vida da cidade. A cidadanía é ingrediente esencial da liberdade.

A Grecia máis luminosa relanzou a cidade, un invento con miles de anos no lombo. Un milenio despois, superado o réxime feudal, reinvéntase con persoas capaces de crear as condicións da súa propia liberdade. “O aire da cidade fainos libres”. Non fai vasalos nin súbditos, nin metecos nin escravos: crea cidadás e cidadáns.

Só alí son posibles as utopías de Platón e Bacon, de Tomás Moro e Campanela. E as nosas. Só alí foi posible o espertar das luces da razón e os principios da liberdade, da igualdade, da fraternidade que cimentaron a modernidade, a democracia e os dereitos humanos.

A cidadanía está entretecida de xentes, identidades, culturas que se funden e mesturan no crisol das rúas e da convivencia. A cidade éche creación humana na que todos somos inmigrantes porque sempre será proxecto para a igualdade. Educa para a cidadanía, os intercambios e a convivencia.

É necesario que os cidadáns reivindiquen e ocupen a cidade. A súa saúde ecolóxica está en relación directa coa presenza de nenos xogando nas prazas, en relación inversa co matonismo dos coches nas rúas. As cores da cidade non son as do cemento e o ladrillo senón as das caras da xente, os ollos dos nenos, o tempo pausado dos vellos.

A cidade educa no respecto, na participación, na tolerancia ante os que son diferentes. A cidade integra e socializa. Tamén pode marxinar e condenar á exclusión social. Éche espazo onde a xente non goza en solitario da liberdade senón onde a liberdade é tarefa de todos. Si, a cidade fainos libres, pero cada día temos que aprender a respirar en liberdade.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES