Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A presenza de Castelao en Compostela

jueves, 19 de septiembre de 2019
Castelao está presente en Santiago a través de varias exposicións.

Por un lado temos 13 estampas da traizón. 80 anos da súa publicación no Salón artesoado de Fonseca, alí onde se reuniu por primeira vez o Parlamento Galego. Esta mostra leva o nome dun álbum de debuxos de Luís Seoane que aparece exposto xunto con pezas de Castelao, Camilo Díaz Baliño e outros artistas, así como recortes de prensa que retratan os tempos aos que se refire o título.

Esta mostra producida pola Fundación Luís Seoane e comisariada por Mª Antonia Pérez xunto con Silvia Longueira, ten o obxectivo de mostrar, dende unha óptica político – social, o contexto no que se produce o álbum e as obras que acompañando á de Seoane a avalan. Percorremos, con eles e co corpus documental que se adxunta, os días do Golpe de Estado, a represión, e tamén os apoios á Ditadura que reclaman para o “Generalísimo” o Principado de Galicia ou a doazón do pazo de Meirás.

“A derradeira lección do mestre” está presente; non podía faltar se temos en conta as palabras dunha das comisarias que afirmou que nesas estampas, Seoane, quixo mostrar os asasinatos dos mestres e a dor da rapazada. Tal vez non haxa nada máis cruel: segar a vida dos que ensinan e provocar o pranto dos que aprenden. Por iso Castelao tiña que acompañar ao Seoane máis comprometido. “A derradeira lección do mestre”, reproducida en grandes dimensións, cubriu a fachada da Universidade de Barcelona aqueles días, e así se recolle nunha das novas de prensa que se mostran e nas palabras das presentadoras que lembran que xustamente mentres se realiza a inauguración está a ter lugar a Diada en Cataluña.

Por outra banda está a exposición Castelao grafista na Fundación Torrente Ballester organizada pola Real Academia de Belas Artes, producida por Turismo de Galicia e que conta coa colaboración do Ministerio de Asuntos Exteriores e o Instituto Cervantes para poder divulgar a obra deste artista nunhas cen cidades do mundo; con este obxectivo editáronse 150 caixas que serán distribuídas e depositadas nas bibliotecas destes organismos. Dedicada unicamente a Castelao, asociase coas outras dúas exposicións que arredor deste intelectual, pasaron por Compostela neste ano: A derradeira lección do mestre e Alba de gloria.

E aínda falta outra con presencia de Castelao; na Fundación Granell podemos ver Figurando lembranzas, unha mostra, comisariada por Mercedes Rozas, na que accedemos a obras de Luís Seoane, Abreu Bastos, Arturo Souto, Castelao, Eugenio Granell, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Maruja Mallo, Ángel Botello, Manuel Pailós e Mario Fernández Granell. Todos eles compartindo a experiencia vital de vivir lonxe das orixes por mor do exilio ou emigración. De aí que a comisaria recolla o título do libro de Seoane, Figurando recuerdos, publicado en Bos Aires en 1959 para darlle título a esta exposición, que forma parte do proxecto “Imaxinando Compostela” do Consorcio de Santiago. Quitáronllo todo e quedaron coas lembranzas, con elas na equipaxe marcharon, e unha vez lonxe retrátanas para non esquecelas. Van deixar constancia dos lugares (en palabras da comisaria) para gardalos na caixa do peito coma un tesouro: o paraíso perdido do que nunca quixeron irse e ao que sempre estarán desexando regresar. O souto dos gatos é un agasallo de Castelao a Otero Pedrayo, cando este o visita en Arxentina; un cadro que poucas veces (ou ningunha) saíra do pazo de Trasalba, unha estraña obra na que os gatos colgan da árbore coma froitos (en tódolos sentidos) da crueldade.

Eu animo a ver estas exposicións, a recobrar a Castelao e con el, aos que foron compañeiros en todos os sentidos: os artistas e intelectuais comprometidos que certificaron un tempo no que a humanidade deixou de merecer ese nome.
Moitos anos despois, están aquí.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES