Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Danzas Brancas

lunes, 28 de enero de 2008
Celebrouse estoutro día na Casa do Concello de Redondela, unha reunión de rexedores municipais que teñen na súa xurisdición unha danza branca ou gremial, que das dúas maneira as denominan os etnógrafos. En Galicia, pero sobre todo nos pobos da costa, estendéronse as chamadas danzas das espadas, dos palillos ou dos arcos. Pérez Constanti en "Notas viejas galicianas" di que constituían un número imprescindible en festas patronais e sacramentais.

Hai estudosos que miran nelas unha oríxe pagá. Dísque estaban consagradas a festexaren a chegada da primavera. Outros, os máis, vencéllanas aos gremios ou confrarías. Clodio González Pérez dí que en 1565 estaban obrigados a bailala na procesión do Corpus en Santiago de Compostela os individuos do gremio dos xastres: “…a los sastres, su dança con que ellos bayan muy bien aderesçados...”. O P. Amoedo, na súa obra Carmen patrium sive Pontevedra (Bolonia 1787), que verqueu ao galego no século pasado Xoán Manuel Pintos, describe as que se bailaban en Pontevedra deste xeito: "Iban tamén, nos hombos dos homes altos,/ con muitas galas, mui bonitos nenos,/garridas penlas, con cariñas de anxo/… Unha referencia ao pasado do baile nas “penlas” que eran bailadas por homes, e non por mulleres como agora.. Das moitas que houbo só queda a de Redondela.

Fermín Bouza Brey tamén se ocupou deste patrimonio etnográfico contabilizando en Galicia un variopinto número de danzas, moitas delas xa perdidas e outras recentemente recuperadas. O mesmo que aconteceu na provincia de Ourense. Na Galicia interior o drama da despoboación das aldeas e parroquias que contaban cunha danza peculiar puxo en perigo estes grupos coreográficos, recollidos por Casto Sampedro e Folgar no “Cancioneiro Musical de Galicia”, e agora mellor estudados por Mariló e Xulio Fernández Senra na obra “Danzas Gremiais e Procesionais da Provincia de Ourense”.

Estas danzas sufriron no devalar dos tempos moitas vicisitudes. Unha Real Cédula de 1777 asinada por Carlos III ordenaba que non se permitisen tales coreografías “que pueden servir a indevoción y al desorden de las procesiones…”. Argumento utilizado séculos despóis, en 1956, polo inefable e tridentido bispo de Ourense, Temiño Sainz, que prohibíu danzar a de Fontefría e mandou queimar os traxes dos danzantes, segundo conta o historiador Enrique Bande.

Este patrimonio etnográfico aínda pervive grazas á querencia e amor pola súa cultura de moitas colectividades parroquiais que se esforzan en representalas unha vez ó ano, o día da festa.

A vixente Lei de patrimonio cultural de Galicia, dos noventa e nove artigos, dedícalle ao patrimonio etnográfico unicamente tres, limitándose as medidas de proteccións destes bens a facerllelas exéquias, intervindo unicamente “Cando estean en previsible perigo de desaparición, perda ou deterioro”. Será entón cando a Consellería de Cultura “promoverá e adoptará as medidas oportunas conducentes ao seu estudo”. No dereito comparado as leis catalá e das Illes Balears, con moitos menos artigos, son máis coidadosas nas medidas proteccionistas.

Ante tal situación, a asociación de concellos galegos reunidos en Redondela acordaron: a) constituírense en asociación para protexeren este patrimonio ameazado, tan de noso; b) instar ao Goberno galego a modificar a actual Lei 8/1995 do patrimonio cultural de Galicia; c) organizar unha exposición itinerante de tódalas danzas brancas; e, d) investigar e publicar un inventario de todas elas e fomentar o intercambio, para a súa maior divulgación.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES