Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A miña débeda con Alicia

sábado, 14 de septiembre de 2019
Coñecín a Alicia Tella-Villamarín Ferreiro a fins do ano 1985. Daquela eu comezaba os meus estudios de bacharelato en Mondoñedo e empecei a frecuentar a Biblioteca Pública Pena Trapero na procura da bibliografía necesaria A miña débeda con Aliciapara os meus traballos escolares.

Dende o primeiro momento Alicia amosóuseme non só como unha eficientísima bibliotecaria (hoxe podo afirmar con rotundidade que é unha das máis profesionais e mellor capacitadas que nunca coñecín), senón tamén como unha figura amiga disposta a axudar ante calquera atranco que nos labores formativos lle xurdisen a un rapaz noviño como o que eu era entón.

Cos anos aprendín a apreciar na súa xusta valía a excepcional personalidade de Alicia: xenerosa, afable, hospitalaria e, sobre todo, nobre de corazón e amiga dos seus amigos.

Andando o tempo os meus estudios universitarios obrigáronme primeiramente a desprazarme a Lugo e, máis tarde, a Santiago, mais nunca deixei de achegarme pola Biblioteca de Mondoñedo e pola casa de Alicia e de Juan Puchades Quilis ―quen foi profesor meu nos tempos do instituto, un, por certo, dos mellores educadores cos que tiven a fortuna de atopar.

Polo outono do ano 1990, sendo eu estudiante de segundo curso de Filoloxía Hispánica, o poeta e estudioso lucense Claudio Rodríguez Fer ―a quen coñecera algúns meses antes e quen logo sería profesor meu e hoxe bo amigo― animounos a un grupo de rapaces a botar a andar pequenas investigacións sobre a vida e a obra de Álvaro Cunqueiro, a quen xa se sabía que a Real Academia Galega ía dedicar o Día das Letras Galegas de 1991. O traballo que a min se me propuxo, tendo en conta que era o único mindoniense do grupo, foi o de procurar na miña cidade natal calquera tipo de escrito cunqueiriano aínda non édito ou non compilado e, xa que logo, susceptible de ser exhumado. Pois ben, desta encomenda ―da que xurdirían os meus primeiros artigos «serios» como investigador, xa que ata daquela só publicara textos de creación moi inocentes en publicacións locais― saín ben gracias á axuda inestimable de Alicia, quen buscou aquí e acolá, removeu ducias e ducias de xornais de época e desempoou varios faiados de Mondoñedo ata dar con varios números da revista Galiza dirixida por Cunqueiro nos tempos da República que ata entón se descoñecían, amais de con moitos vellos programas de festas e algúns artigos de revistas mindonienses que contiñan escritos do autor do Merlín e familia practicamente ignorados. Con todo aquel material, laboriosamente rescatado e magnanimamente cedido por Alicia, principiou a miña vida como estudioso da literatura galega.

Anos máis tarde, por volta de 1997, ideei un volume monográfico no que se percorrería a bio-bibliografía de tódolos escritores mindonienses dende o século XVII ata os nosos días. Quixen, amais, que a monografía tivese tamén un longo apéndice no que se historiasen en pequenas fichas técnicas tódalas cabeceiras de prensa que na historia de Mondoñedo foron. O resultado daquela aventura tomou corpo un ano máis tarde no meu libro Escritores mindonienses, fermosamente ilustrado por Puchades. Na súa “Introducción” deixei constancia do meu agradecemento a Alicia, recoñecendo que “nunca agradecerei o suficiente os moitos datos, materiais, suxestións e conversas que fixeron posible este volume”. Quero renovar aquí ese agradecemento, xa que tal volume nunca se tería chegado a publicar sen o insondable desprendemento e a incansable axuda que a cotío me prestou Alicia durante todos aqueles meses de fatigosa investigación.

Hoxe teño a fortuna de contarme entre os amigos de Alicia. Se boto a ollada atrás, véxome aínda como aquel rapaz de catorce anos que, nervioso e dubitativo, se chegaba por vez primeira á Biblioteca Pena Trapero de Mondoñedo, e podo lembrar, tamén si, a humanidade oceánica e a sabedoría profunda que faiscaban dos ollos e a verba daquela bibliotecaria a quen tanto debo e deberei sempre.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES