Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que sorte tiven de nacer en Vilalba

martes, 17 de septiembre de 2019
Raíña das festas, damas e cabaleiros de honra, Excma. alcaldesa do concello de Vilalba, autoridades presentes, amigos e amigas,Moi boas tardes a todos.

Quixera agradecer en primeiro lugar ao concello por acordarse de min, e por outorgarme a tan grande honra de ser pregoeiro das festas do San Ramón e Santa María. Eu,en verdade, non teño tan claro ser merecente deste privilexio, de feito a miña primeira reacción foi preguntar se lles fallara alguén,pero xa que me convidaron, e cabendo a posibilidade de que non faga méritos no futuro,confésolles que non dubidei moito en aceptar esta encomenda que me fai tanta ilusión. Hoxe é unha data que lembrarei sempre, porque ser pregoeiro das festas da vila que me viu crecer, e da que presumo tanto, é algo moi especial e que me fai sentir fondamente
orgulloso e agradecido.

Eu, infelizmente, facía uns anos que non podía estar presente nestas festas de San Ramón, o cal sempre me causa certo pesar, porque non me gusta perderme as que na miña xuventude, eran as datas máis emocionantes do ano. Esa conta atrás ansiosa para que chegara o San Ramón, o dia da bicicleta,as atraccións no campo da festa, os simultáneas de xadrez, da xira, os concertos, das saídas nocturnas. Lembro que as primeiras veces que os meus pais me deixaban saír alén das 12 da noite era no San Ramón e iso cando tes 14 ou 15 anos é emocionante. Emocionante para min, e para os meus pais pois soían esperarme espertos, e non sempre se respectaba a hora acordada para volver.

Co tempo, un comeza a darse conta que as festas en Vilalba son datas especiais, sobre todo (que me desculpen a París de Noia e a Panorama) porque acostumamos a vivilas e compartilas con familiares, amigos e persoas que nos queren. Aínda así,estas festas de Vilalba diferéncianse doutras moitas pola ampla axenda cultural destas datas, de actividades dedicadas a todas as idades, con visibilidade para a música tradicional, e que ten como un dos puntos álxidos a entrega dos premios do Certame Literario, un certame con prestixio e moi recoñecido en toda Galicia.

Estes días pasados,mentres pensaba de qué falar neste pregón, verbalizaba un feito do que sempre fun consciente, unha especie de mantra persoal que me repito frecuentemente: ¡Qué sorte tiven de nacer en Vilalba (e de ser de Vilalba)!E aínda que non son obxectivo, penso que hay razóns que o poden fundamentar.

Dígoo porque estou convencido que hai poucas vilas do seu tamaño en Galicia ou en España cunha cantidade e variedade de servizos e institucións que fan que sexa un sitio con inmensas vantaxes. E refírome a institucións socio-sanitarias, educativas e culturais e deportivas. E ter boas institucións públicas, fai que todo o mundo poda disfrutar de servizos que contribúen ao desenvolvemento social, e que democratizan as oportunidades na nosa sociedade. Polo meu traballo, teño a oportunidade de coñecer outras realidades, principalmente de Africa e Centroamérica, na que se carecen destes servizos e institucións, e que fan que o desenvolvemento humano e social sexa mais precario. Por iso penso que é xusto, nestes dias de celebración, pór en valor ás institucións de Vilalba, fondamente arraigadas no noso día a día.

SANIDADE

Qué sorte tiven de nacer en Vilalba, porque entre outras cousas nacín nunha vila que conta con excelentes servicios sanitarios, unha das primeiras vilas do seu tamaño na provincia, e en Galicia, que contou cun centro de saúde con servicio de urxencias, e ese tamén foi dos motivos que fixo que a miña nai escollera esta vila como destino profesional despois de terminar a residencia. Vilalba sempre foi pioneira en servizos sanitarios onde non había hospitais. De feito, é pioneira en materia de saúde xa dende o séclo XVII, cando contabamos con dous hospitais. Un, o de San Lázaro de Mourence e o de Santa Catalina, entre a Praza de Santa Maria e a de Porta de Cima. O concepto de hospitalidade, hoxe intimamente unido á saúde, referíase naquel entón a un lugar onde se practicaba a caridade cristiá nos que, ademais de prestar auxilio e coidado ao enfermo, tamén servían pata atender aos peregrinos e pobres.

E aínda que non hai constancia das doenzas que se vían nese hospital, segundo o historiador vilalbés José Luis Novo Cazón, posiblemente no hospital lazareto, fóra das murallas de Vilalba estaban os apestados, xente con lepra, tuberculose, peste... e no de Porta de Cima doenzas que provocaban menos estigma. Posiblemente a tuberculose era a principal causa de morte... polo menos, sabemos que desde o século XVII ao XX era a causa de morte mais frecuente en Galicia e España. ¡Qué tremenda ironía!Que en pleno século XXI, siga sendo a principal causa de morte infecciosa no mundo e que un mal tan antigo sexa o a diana do meu traballo actual.

Deixando este pequeno apunte histórico, en Vilalba sempre tivemos bos médicos, eu mesmo lembro a excelentes profesionais, bastante renacentistas, que ademais do seu traballo destacaban noutras actividades, como o Doutor José Ramil,que era radiólogo e investigador en arqueoloxía, fundador e director do museo da prehistoriae arqueoloxía de Vilalba, o Dr Zoilo López Ron, xinecólogo, forense e escritor ou María José Carrasco, médica, relixiosa e misioneira en Malawi, entre tantos outros.

Un dos médicos que teñen certa culpa na miña carreira, posiblemente sexa o Dr Bermúdez, eminente radiólogo que se acaba de xubilar no HULA e que viviu moitos anos en Vilalba. Sempre me fascinou a súa capacidade para o diagnóstico sen tan sequera tocarche. De feito, cando era pequeno eu pregunteille á miña nai, ¿qué é Bermudez? E ela díxome: Radiólogo. Pois eu quero ser como Bermúdez. Seguro que o dicía non so pola súa capacidade profesional, senón tamén polas súas cualidades humanas, pola súa bonhomía e sempre boa disposición cos pacientes.

Pero Vilalba tamén e berce de grandes investigadores en saúde. Por citar un par deles, o Dr Andrés Otero Carballeira, catedrático de Veterinaria en León, con importantes estudios europeos en temas de seguridade alimentaria ou o Dr Emilio Bouza, catedrático de microbioloxía na U. Complutense. De feito, lémbrome dunha anécdota. Sendo eu residente de primeiro ano, estabamos nun congreso de infectoloxía con outros residentes de Madrid, e comezamos a falar dos nosos xefes. E un deles, que se formaba no Gregorio Marañón comezou a falar do seu, dun tal Profesor Bouza, dicindo que era unha eminencia, un dos investigadores con más publicacións científicas en España. Eu naquel momento non o coñecía. E de repente di, pois é galego coma ti. Eu dixen, home, polo apelido pode ser. E dime, “sí, es de un pueblo pequeño de Lugo...” e xa co ollo levantado dixen eu, “¿non será Vilalba?” E dixo, “eso, de Villalba, de donde salen tantos famosos”. As circunstancias da vida, fixeron que anos despois, o Dr Bouza e eu colaboráramos nun estudo de diagnóstico de tuberculose en Mozambique e que antigos residentes seus viñeran a Mozambique a traballar con nos.

Como vedes, Vilalba ten tradición con institucións sanitarias, médicos e investigadores en saúde, pero tamén hai institucións socio-sanitarias dende hai moito tempo, que teñen xogado un papel fundamental no benestar da xente maior e da xente menos favorecida da nosa comarca. O Asilo de Vilalba, institución centenaria, que durante a guerra tamén foi hospital de sangue, ou o centro da terceira idade, a Cruz Vermella, ou Maria Mediadora, que durante tantos anos acolleu a rapaces e rapazas que non tiñan un entorno familiar apropiado para a súa educación e desenvolvemento. ¡Qué sorte temos de nacer en Vilalba!


EDUCACIÓN

E qué sorte tivemos de nacer en Vilalba, porque hai institucións educativas que garanten una formación académica pública de calidade. Se hai tantas persoas que conseguiron sobresaír alén da nosa comarca, a nivel autonómico e estatal, case en calquera disciplina, podémosllo atribuír ao queixo de san Simón, ao roscón, as augas, etc... pero seguramente que as nosas institucións educativas tiveron algo que ver, sementaron coñecementos e leccións que serven para toda a vida e que favorecen todo o que aprendemos despois. A impronta que deixaron os centros educativos, o parvulario, o colexio, ate o instituto, na miña mocidade é algo que me acompañará sempre. Son anos que fan patria, os que fan que sempre me considere vilalbés antes que nada. Tamén agora, co tempo, apreciamos mais o labor que fixeron mestres e profesores nas nosas vidas, xa dende o parvulario, xente como Matilde Jato ou María Dolores, que nos ensinaron cousas tan importantes como aprender a ler ou a contar. Non sei se naquel momento apreciaba tanto o seu traballo, me recordan na casa que Matilde chamou un par de veces porque me quedaba durmido nos recreos, mentres os demais saian a xogar, pensando que me dera un ictus ou tiña algún trastorno do sono. Por sorte, parece que se resolveu co tempo.

Do Mato Vizoso, onde pasei os oito anos da EXB, so teño bos recordos de grandes mestres, que son moitos, aínda que os que mais horas me deron foron Dona Irene, Dona Maria José, Dona Esther, Paredes (que, aínda que moi respectado igual que os demais, por algún motivo non levaba o Don diante). A nos sentábannos por orde alfabético nas clases, e sempre me tocaba ao lado do meu amigo Toni, hoxe famoso e admirado xornalista deportivo da Radio Galega, que naquel momento xa non vía moito. Eu, que me sentaba ao lado seu, nos colocaban na primeira fila,era o encargado de ditar as cousas que os profesores escribían no encerado. Pero moitas veces, os que sentaban ó final, me dicían, “berra mais, que non se escoita”... e así non tiñan nin que levantar a cabeza para escribir no caderno.

Tamén me gustaría pór en valor a Asociación de Pais de Alumnos, a tantos pais e nais que de forma voluntaria, organizaban no eido extra académico, deportivo e cultural. Gracias a APA, comezou a miña paixón polo baloncesto. Daqueles adestramentos e partidos por toda a provincia conservo momentos inesquecibles, un pouco bipolares. Como case todos os do equipo éramos do mesmo ano, o primeiro ano da categoría (cada unha abranguía dous anos) perdiamos todos os partidos e o outro gañabamos case todos. Non sabíamos se eramos bons ou malos, ou era cuestión dos 3-4 cm por cabeza que medrábamos entre ano e ano.

Gañando ou perdendo, pasámolo moi ben, moitos o poden testemuñar, incluíndo a nosa alcaldesa, que naquel tempo era delegada de campo, a médica e a psicóloga do equipo. Ademais de deportes, a APA do Mato Vizoso tiña e ten unha banda de gaitas, que hoxe e recoñecida dentro e fora de Galicia. Síntoo polos do Insua Bermúdez, pero qué sorte tiven de estudar no Mato Vizoso! Como consolación, o deus do azar, agraciounos co premio da lotería, que non é pouco.

Despois veu o instituto, que é cando te xuntas cos rapaces da comarca e cando se comezan a tomar as primeiras decisións para elixir unha profesión ou carreira. Penso que o IES Basanta Silva sempre tivo un capital humano moi profesional e moi preparado, e qué vou dicir eu se meu pai da clases alí. Foi alí onde me xurdiu o interese polas ciencias, aínda que non polas exactas. Isto de ter un pai no instituto facía que houbera unha esixencia grande por facelo ben e unha vontade mutua de non coincidir no instituto. Eu lembro que por aquela época, non sei agora, tiña o sobrenome de “carniceiro”. Non xurdiu o alcume por facer algún tipo de sacrificio nas aulas. Co tempo eu souben que se debía a que comezou a utilizar unha bata branca para non mancharse co xiz do encerado que había que borrar varias veces en cada clase.Eu lembro que cando lle preguntei por ese sobrenome (nun tempo onde meu pai estaba un pouco contrariado porque tiña habido certos estragos nas aulas) respondeume sen inmutarse: “Pois non sei, será porque traballo con animais”.

Meu pai sempre tivo un sentido do humor afiado a pesar da súa aparente seriedade.
Pero as institucións educativas non se acaban coas estritamente obrigatorias, senón que en Vilalba sempre tivemos oportunidades de participar en actividades formativas no campo da música, e foi un dos primeiros concellos, fora de Lugo, en contar cun conservatorio de música. Polo tanto, ¡qué sorte tiven de nacer en Vilalba!

A min, dende pequeno sempre me gustou cantar, e a miña nai, animada tamén polo querido cura Don Xesús, decidiu inscribirme no conservatorio, alá polo ano 1990. Qué importante foron todos eses anos para o a miña paixón actual pola música, aínda que agora sexa un humilde ouvinte como humilde afeccionado. Foron moitas os esforzos e as horas invertidas, pero síntome moi afortunado por ter tido profesores tan bos, como Toni Orosa, cunha sensibilidade e paciencia sen límites, ou Aurelio Chao, que daba clases teóricas con paixón e man esquerda.

Verdadeiramente Vilalba é unha vila musical, e é unha sorte que a xuventude se poda expor á educación musical dende ben pequenos.

CULTURA e DEPORTE

Pero que dúbida cabe que Vilalba é unha vila de cultura, e as institucións culturais xogan un papel fundamental na vida de Vilalba. Moitas tamén relacionadas coa música, con varias asociacións musicais ou de danza, como a Banda de Música de Vilalba, entre Lusco e Fusco, bandas de gaitas do Mato Vizoso, as corais Polifónica e Luar, Buxos Verdes, entre outras. Tampouco podo esquecer o coro da igrexa, co que tamén aprendemos a cantar e a tocar a guitarra. Non podo non agradecer a Ernesto Yáñez tantos ensaios en María Mediadora, e tantas cancións e vivencias compartidas en Vilalba e noutras moitas parroquias. Pero tamén institucións importantes como o Centro Recreativo e Cultural, a Casa da Cultura, o Museo de Arqueoloxía, ou o Instituto de Estudios Chairegos (IESCHA)... En fin, tantas institucións responsables de tantas xornadas, ciclos, e momentos para se expor á cultura local e allea. E, da man da cultura, moitas veces está o deporte, e por suposto que non podemos esquecer as institucións deportivas, as escolas do Racing, as escolas deportivas municipais, as organizadas polas APAs, a casa da xuventude...

En Vilalba temos a sorte de contar con boísimas instalacións deportivas, e non é casualidade que o Deportivo veña todos os anos a preparar a temporada a Vilalba.

Tampouco podo esquecer os centros de artes marciais, que levan o nome de Vilalba a tantas competicións galegas, e nacionais. Posiblemente Antonio Montes non viu peor taekwondoka que o que lles fala, pero con élaprendemos moito sobre perseveranza, sacrificio e constancia.¡Qué sorte tiven de nacer en Vilalba!

Neste percorrido polas institución de Vilalba, falei de educación e sanidade, e no fondo, falar de educación e de sanidade públicas é facer unha homenaxe a dúas persoas marabillosas, meus pais. Maite e Antonio, que sen ser de Vilalba, chegaron á Terra-Chá hai mais de 37 anos, para quedarse. Quen lles ía dicir a unha xove pediatra da Rúa, en Valdeorras, e a un matemático dunha aldea de Silleda, nas terras do Deza, que ían rematar sendo dous vilalbeses máis, adicando toda a súa vida profesional á educación e a saúde dos xoves desta comarca. Realmente eles son vilalbeses por elección, que é o que ten mérito. Nacer en Vilalba é unha sorte, pero débollo a eles, e desde aquí aproveito para agradecervos todo o que tedes feito por min, polos meu irmáns Daniel e David, por facilitar un futuro de proveito neste mundo tan complexo como estimulante.

Este agradecemento é extensivo a tódolos vilalbeses e vilalbesas, por nacemento ou por elección, porque son os que están detrás de todas estas institucións das que levo falado. E por vos, pola vosa forma de ser, a inquietude por ter servizos de calidade. Moitos rapaces tivemos a sorte de medrar aquí, e é xusto recoñecer que lle debemos moito a Vilalba e os vilalbeses. No meu caso, despois do instituto e da facultade decidín que o que mais me gustaría facer sería poder dedicarme a encontrar solucións para algunhas enfermidades relacionadas coa pobreza, enfermidades que lastran o desenvolvemento social e sanitario de moitos países, como en Mozambique onde traballo.

Quería poder dedicarme a loitar contra o famoso círculo pobreza-enfermidade. Os máis pobres son os mais vulnerábeis a ter certas doenzas, e o ter a doenza implica facerse mais pobre e perder moitos recursos. Traballar para tentar romper este círculo é ao mesmo tempo, tentar garantir que o lugar onde un nace non determine as posibilidades de desenvolverse ou de alcanzar unha esperanza ou calidade de vida razoable, é moi gratificante. Como dixen varias veces, eu tiven a sorte de nacer en Vilalba e ogallá, Vilalba continúe a ser un espello ao que outros sitios se podan mirar.

Queridos amigos, hoxe son vésperas dos días grandes das festas patronais desta
vila tan especial, tan singular, e deséxolles de corazón que disfruten das xuntanzas, e das comidas(aínda que é a miña obriga dicir, con certa moderación), e sobre todo, que aproveiten para porse ao día e compartir tempo cos seus amigos e familiares.

Non quixera acabar sen unha pequena sorpresa, un pequeno atrevemento se mo permiten. Eu son dos que non entende un pregón que non sexa cantado. Os pregóns, dende a idade media eran discursos, anuncios importantes que se facían en lugares públicos, que se musicaban e co tempo chegaron a converterse en xéreno musical. Pois ben, eu tentei facer unha pequena cantiga, que tivera un estilo de música tradicional, tipo alborada, e que fala do que para min é esta vila, da que me sinto tan orgulloso e da que presumo tanto.

O dito, feliz San Ramón e feliz Santa María!

Canto a Vilalba

Nas noites dende a distancia,
se non me escoita ninguén,
eu canto pra ti Vilalba,
fogar que me viu nacer

Crecín nesta chaira inmensa,
xentil e traballadora,
que acolleu ós meus pais
cando viñeron de fóra.

As débedas son eternas,
non penso que pagarei.
Teu nome aos catro ventos
a todo o mundo direi.

Seduces co teu castelo,
que olla sen preguntar,
na beira do Madalena
os versos fante soñar.

Es música nos camiños,
feridas no cementón,
lambuxes con “e” por erro
e amigos no corazón

Nas noites dende a distancia,
se non me escoita ninguén,
eu canto pra ti Vilalba,
fogar que me viu nacer.

(Texto do Pregón das festas patronais de San Ramón e Santa María de Vilalba, lido polo médico, investigador e profesor o 30 de agosto de 2019 no Auditorio Carmen Estévez da capital de A Terra Chá, que rematou cantando, acompañándose coa guitarra, este seu "Canto a Vilalba")
García-Basteiro, Alberto
García-Basteiro, Alberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES