Por fin, a Romaxe de Crentes Galegos en Vilalba
Ferreiro Currás, Anxo - miércoles, 11 de septiembre de 2019
Co lema de FERRADOS DE CORAZÓN imos celebrar, por fin xa que logo, con ánimo a ferrados, o sábado, 14 de setembro, a Romaxe de Crentes Galegos na praia fluvial de Vilalba, preto de onde remata O Paseo dos Soños do Madalena. Onde aparecen persoeiros da Terra Chá que dan pé para soñar por Galiza con abundancia e esperanza desde esta capital.
Digo por fin, eu irimego de toda a vida, pois xa veredes. Esta romaxe percorreu e está a percorrer vizosa por toda Galiza dende que naceu no Pedregal de Irimia, hai 42 anos. Andou na contorna desta vila, por Campo de Santa Isabel e Penas de Rodas en Otero de Rei, San Alberte de Roca en Guitiriz e en Baltar da Pastoriza, mais en Vilalba non acougaba.
Se a capital da Terra Chá está chea de ferrados de corazón de irimegos, Pepe Chao e Bernardo Gª Cendán, ambos os dous in memoriam para sempre no noso corazón, creadores un da romaxe e outro do poema do Coa forza do noso pobo hoxe proclamo o meu Credo, musicado como na gloria por Mini e Mero, e moitos máis animadores, precisamente nesta terra, por que a Romaxe en Vilalba non acougaba?
O espírito da Romaxe ven de aló de moi lonxe cando o vento forte que produciu un ruxido na apertura das fiestras da Igrexa cheas de ferruxe nos gonzos e dos pechos. Pois fora Xoán XXIII quen mandara abrilas para que entrara o ar fresco. Aínda máis, sen portas nin fiestras, libre como o vento, seguindo as prácticas de Xesús de Nazaret, fóra do templo, sen atrancos: no monte anunciou as benaventuranzas; no campo, na beiramar, compartiu a abundancia de pans e peixes; polos camiños benzoaba aos nenos, curaba á xente, anunciaba a Boa Nova aos pobres. Neste ambiente evanxélico e anovador comezaron as Romaxes no ano 1977, e así por Galiza adiante ían sementando a ledicia da Boa Nova de Xesús de Nazaret.
Estas maneiras de raigame cristiá non as vía a xerarquía galega que botaba para atrás a participación nas romaxes de curas e de fieis.Vencidos os atrancos do longo tempo do peche do Vaticano que parece como se quixera entornar as fiestra e pasarlles o peche impedindo entrar na Igrexa o signo dos tempos. Agora co ánimo xa anovado do papa Francisco, sen impedimentos trasnoitados da Xerarquía, celebramos con ledicia este ano a Romaxe en Vilalba, que, pola miña parte, dende agora queda confirmada como Capital Irimega.
Como irimego de base invítovos de corazón aos que non coñecedes estas celebracións, os demais non a precisan, compartillar esta romaxe pois de veras quedaredes cheos de ferrados de corazón. Hai unha mensaxe senlleira que dá para remoer ao voltar para a casa. Tamén resulta ser un día de encontro de familias, amigas e amigos, compañeiras e compañeiros; dá tempo para cambiar impresións, falar do divino e do humano sen présas; hai comida en abundancia para compartir; sentados e acomodados como na multiplicación dos pans e dos peixes. Ademais o Meteosat anuncia bo tempo e 23º.
Benvidos á Romaxe de Crentes Galegos

Ferreiro Currás, Anxo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora