Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un escultor secuestrado

jueves, 12 de septiembre de 2019
O pasado venres recibín unha chamada de Acisclo Manzano, lacónica e aparentemente imperativa, na que me exhortaba a que asistira á inauguración da súa exposición: "Mañá inauguro en Xunqueira de Espadanedo. Tes que vir! Se ti non vas mañá a Xunqueira eu non vou o domingo a Celanova!

Loxicamente, que non coñeza a Acisclo e lea isto podería pensar que a comunicación verbal do escultor é innecesariamente arroutada e sobre todo pouco diplomática para tratar de conseguir o efecto pretendido... E nada máis lonxe da realidade. Pois a Acisclo hai que interpretalo no rexistro retranqueiro no que se desenvolve a cotío no seu entorno de confianza, do mesmo xeito que hai que interpretar á súa inxente e case inabarcable obra artística, porque cada perspectiva pode agachar unha obrar diferente e sorprender a quen a admira, con dúas ou tres obras na mesma peza.

Porque en Acisclo aniñan, en comuñón laica e á par, a campechanía e a retranca galega ou, mellor dito, a rexouba e o retrouso ourensán. É dicir, un xeito de ver a vida en positivo e con alegría, desde a súa perspectiva singular, esa que é capaz de mantelo -a piques de cumprir os 80 anos- eternamente novo. Tan novo que ó falar con el, un decátase de que os proxectos ferven na súa cabeza como as obras que, sen aínda sen traballar imaxina no toro de madeira ou na informe masa de arxila.

E é que Acisclo amosoume, hai xa unha chea de anos na súa fermosa casa-obradoiro de Viduedo- un xeito de gozar da arte, que só está ó alcance dos propios artistas e que me deixou completamente sorprendido e ó mesmo tempo abraiado, ó pé daquela máxima, penso que migueliana, de que fronte un bloque de pedra ou de mármore de Carrara, a figura está dentro e, para poder contemplala, só hai que lle quitar o material que lle sobra. Aí é nada!

Pois ben, para Acisclo, nesa sorte de ver a arte denantes de que poidamos vela os demais, o seu privilexio radica en que, cando se pon a traballar e a maxinar as formas que quedarán cando lle saque ó bloque o material que lle sobra, con certa frecuencia -acostuma a dicir- "eu vexo a peza dentro e se me parece, non só ben feita, senón fermosa e digna de gozar, eu gozo da súa visión espacial e logo, se me peta, póñome a facer outra cousa, porque para min a obra imaxinada xa cumpriu a súa función primordial".

Lembrei todo isto na sala do claustro de Xunqueira de Espadanedo mentres contemplaba -e gozaba- desa colección particular que Acisclo atesoura na súa casa e que desta volta foi quen de trasladar ós outeiros da Ribeira Sacra para goce de tódolos demais. E lembreino, sobre todo, cando nos fixo outra declaración de principios, ó asegurar que el era "un escultor secuestrado" pola arte. Un secuestrado que xamais rescataremos para que nos siga permitindo gozar, polo menos daquelas obras que el deixa pasar polo filtro do seu imaxinario e finalmente chegan á figura tridimensional.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES