Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Verdade e coherencia

viernes, 06 de septiembre de 2019
Se faltar á verdade o entendemos como MENTIR, e carecer de coherencia como INCOHERENCIA e incluso, desculpando algunha imprecisión, como INCONGRUENCIA, que ambas poden ser deliberadas, penso que estes termos ben merecen que lles dediquemos unhas liñas, para axeitalos, e incluso darlles maior precisión semanticamente, nos ámbitos de xestión política.

Pero os lectores desta modesta colaboración, por suposto, non poden esperar a análise que esixe o termo VERDADE, nin en profundidade, nin na extensión necesaria para traer aquí as definicións da mesma, vinculadas ás diferentes correntes filosóficas a través da historia. Así que, quen desexe máis documentación, eu recoméndolle a lectura da seguinte obra: “Teorías de la verdad en el siglo XX”. Editores: Juan Antonio Nicolás y María José Frápolli. Ed. Tecnos, 1.997, Madrid.

Quixera ofrecerlles, iso si, a incardinación dalgunha propiedade atribuída á VERDADE, sempre necesario no ámbito dos procesos políticos, e para iso é mester algún grao de análise da mesma, coa advertencia xa feita no relativo á profundidade que esixe e á extensión das definicións que se deron da mesma vinculadas ás diferentes correntes do pensamento, como, por exemplo, as fenomenolóxicas, as hermenéuticas, pro-oracionais, pragmáticas, etc.; pero sen renunciar ás referencias indirectas, se fora preciso.

Dedico unhas breves liñas con referencia á radicación da VERDADE, conceptualmente, nas tres raíces tradicionais. Na grega ALÉTHEIA, que conduce á idea de descubrimento do SER, da realidade, oculto polo velo da APARENCIA, que hai que superar para desvelar e facer patente á oculta realidade, a súa autenticidade, que, cando esta se estende ás persoas, implica CONFIANZA e adquire o matiz dunha FIDELIDADE, dando seguridade e firmeza, que ven a ser a dimensión da verdade posta de manifesto na tradición hebrea (EMUNAH). E no fondo de todo isto late a ADECUACIÓN da idea ou concepto que temos dunha cousa a esta mesma, como tradicional definición da verdade, recollida na a escolástica como ADAEQUATIO REI ET INTELLECTO. E tampouco está de máis lembrar a raíz latina VERITAS, da que deriva veracidade.

Talvez sexa conveniente aquí facer unha breve alusión á verdade desde a perspectiva da coherencia que unha persoa mantén dentro dun sistema aceptado, dentro do que pode deducir conclusións que considera válidas; pero esta validez concluinte no parece que garante a verdade daquelas, porque manterse fiel aos principios que fundamentan un sistema non implica necesariamente desvelar a realidade e, incluso–creo–pode presumirse de coherente nun sistema articulado para a perversidade. Ademais esta clase de verdade é obxecto da “polémica cuestión de se a coherencia é pertinente tan só como MERO CRITERIO POTENCIAL DE VERDADE FÁCTICA, ou se é inherente, dalgunha maneira, á definición da verdade, por reflectir un ASPECTO ESENCIAL DA SÚA NATUREZA”. (Cita extraída do libro referido no segundo parágrafo, páx. 497; miña a tradución ao galego e maiúsculas que substitúen bastardiña do autor).

Tamén o DOGMATISMO e o ESCEPTICISMO son conceptos de actitudes relativas á certeza do coñecemento da realidade e de relevancia nesta temática, especialmente no ámbito da política: A actitude do dogmático consiste en aceptar como certo o que é máis ou menos posible, e a do escéptico presentarnos o certo como dubidoso e probable. E como queira que a actitude ante a verdade vai cargada dun sentido moral intelectual, o dogmatismo e o escepticismo son dúas formas de inmoralidade, sobre todo intelectual, porque os dogmáticos pretenden dominar a verdade, mentres que os escépticos adoitan desprezala como inexistente, moitas veces cun evidente compoñente intencional.

Por outra parte, non deberíamos confundir “mentir” con “falta de veracidade”, porque esta última afecta a ACTITUDE FUNDAMENTAL da persoa: É posible, sen tan sequera chegar a mentir, non ser veraz no seu ser e conduta. Trátase aquí da “mendacidade” que compromete toda a vida da persoa, e que pode non darse conta que a pasa contando mentiras e medias verdades. Xustamente por isto, unha persoa mendaz se pode identificar cun sistema político, un partido, etc., e deixarse levar sen rexeitamento pola mentira dun líder ou compañeiro en beneficio do partido ou da ideoloxía, na crenza de que está procedendo correctamente.

Se mentir é “dicir ou manifestar o contrario do que se sabe, cre ou pensa” (DEL), vai acompañado dunha desconsideración, teoricamente arrogante e practicamente interesada, das raíces que dan significado á verdade: desvelar a realidade, manter a fidelidade ao desvelado (e a lealdade á quen se lle comunica), e xerar a necesaria confianza, indispensable esta nos procesos políticos que comportan unha certa representación cidadán; pero tamén en todos os outros ámbitos da vida humana que encerran comportamentos especialmente esixentes de cualificacións axiolóxicas, incluso na mesma aplicación da ciencia.

Consecuentemente, non se presenta nestes tempos nada fácil comprender como os pobos na actualidade, a hora de facer uso da súa soberanía estatal, se manifestan cunha evidente incapacidade de reacción para valorar debidamente a falta de veracidade nalgúns representantes nos parlamentos e na xestión pública dos intereses cidadáns, chegando incluso algúns a dubidar de si os políticos gozan de certa franquía para mentir. Eu recórdolles, a este respecto, que xa a Ilustración sentou como condición fundamental PARA A CONVIVENCIA HUMANA a esixencia da veracidade, para os cidadáns e para os políticos.

Desgraciadamente, España, na actualidade, é unha excelente escola de prácticas mendaces, na que se estende, traendo á palestra os remoles dunha absorbente actitude ególatra, con descaro e insensibilidade, a inversión da fundamental esixencia da veracidade, para dar satisfacción á afección a OCULTAR, VELAR E DOGMATIZAR A VERDADEIRA REALIDADE.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES