Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entre o Fito e o fendetestas

sábado, 07 de septiembre de 2019
Leo que o Concello de Ourense seica lle vai dar un xiro copernicano á política cultural da cidade porque ós ollos dos novos xestores municipais, co seu alcalde á cabeza, disque hai actividades ou espectáculos de carácter que saen máis caros cós que se organizan nos teatros de Broadway.

Leo iso e lévame a nova cara unha serie de reflexións que teño abordado unhas cantas veces nesta mesma columna e que adoitan teren abondo que ver co interminable exercicio do funambulista que camiña por riba do arame -con barra ou sen ela, con rede ou sen ela- á hora de decidir e definir calquera proxecto do ámbito da xestión cultural.

Facendo a comparativa cos prezos dos musicais americanos ou dos espectáculos con cartel na Gran Vía madrileña ou en calquera sala da Latina, pregunto eu: As actividades culturais ou espectáculos, se se quere, han ser gratuítos ou non? No seu caso, han ser economicamente rendibles ou non? Todo canto é rendible en termos económicos é cultura ou é outra cousa? Traer -por exemplo- á cidade unha vintena de grupos de teatro universitario de moi diversas comunidades autónomas e doutros lugares do mundo e establecer contactos de futuro con eles, ten que ser -en termos de diñeiro- un proxecto de saldo cero. Si ou non? Dito doutro xeito, conseguir manter unha estructura teatral estable na cidade que leva o nome de Ourense por Galicia, pola península Ibérica ou polo mundo adiante, é cultura ou non?

En fin, serían moitas as cuestións que darían pé para un debate profundo -que se cadra sería oportuno ter- cos principais actores culturais da cidade como protagonistas e cos xestores políticos ou institucionais como oíntes e é posible que, se realmente se quere abordar o futuro da política cultural da terceira cidade galega en serio, algo sairía a conta. Algo máis, sen dúbida, có que sae botando simplemente man dunha argumentación reduccionista que o resume todo en que se unha iniciativa cultural lle custa á institución máis de 10 euros -poñamos por caso- por cada espectador, xa non debe ser financiada.

Sobre todo porque, a xente que leva anos na xestión cultural sabe que non hai frauta máxica cuxo son garanta que os ratiños corran detrás dela a mogollón polo simple feito de que o frautista sopre e sopre con moita arte e aínda máis devoción.

Pero do mesmo xeito que non hai frauta máxica para que o "Fito" -ímolo personalizar para que se entenda mellor- consiga meter no Teatro Principal e no Auditorio a milleiros de espectadores, tampouco nada lle garante ó novo goberno que o futuro "Fendetestas" no que teñen depositadas as súas esperanzas culturais, vaia causar sensación o día que o manden saír amortaxado en procesión polas rúas da cidade.

E como nada disto está garantido, atrévome a suxerirlles ós novos xestores culturais de Ourense que recúen e incorporen máis variables cá do rendemento económico á folla de calculo de viabilidade dun proxecto cultural. Pois, como eles ben saben, esa variable foi a que colocaron como principal uns listos na nova Lei de Contratos do Estado e xa ven como nos vai!
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES