Blanco promete ferrados de autopista
Editorial - jueves, 24 de enero de 2008
As promesas de Blanco non e que sexan valor seguro porque ata agora non cristalizaron, pero tampouco se poden botar en saco roto as afirmacións feitas no desempeño do seu cargo polo que é secretario xeral do partido no goberno e posible futuro ministro se os socialistas gañan as próximas eleccións.
Na súa recente estadía en terras galegas, Blanco prometeu cento cincuenta e cinco quilómetros máis de autovías para o final da próxima lexislatura, en 2012, no caso que gañaran os socialistas.
Pero se temos en conta que neste periodo vai entrar en funcionamento a A-8 que desde Asturias ven entroncar en Baamonde coa A-6, case son eses quilómetros, e esa obra está en marcha sexa cal sexa o resultado da próxima xornada electoral.
Prometeu tamén que para daquela estará rematada ou ben avanzada a autovía Lugo-Santiago, que pasa por Palas de Rei, e que se se pretende iniciar este ano as obras cabe supoñer que todo está en marcha, tamén independentemente do resultado.
O certo é esto. Gañe quen gañe, o que goberne non ten máis remedio que facer autovías e outras obras similares se quere quedar á altura dos tempos e do país. Ou sexa, que o argumento non vale. Ou vale para todos.
Como unha parte dos quilómetros prometidos por Blanco pasa pola Terra Chá, que se rexe polas medidas establecidas por Manuel María ferrados de corazón, fanegas de alma-, agradezamos ó mediático político lucense a promesa de tantos ferrados de autopista e que Deus llo pague con fanegas de ilusións, tantas coma a nós nos producen as súas promesas.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora