Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Hamza e Baída

miércoles, 04 de septiembre de 2019
Este foi por certo un verán especial. Deses que desexas que non se acaben e pechas os ollos á realidade aínda cando todos os almanaques che marcan a fin de agosto. Quedan poucos días para que Hamza e Baída volvan aos seus fogares no Sahara e a nosa vida volva á rutina. Eles son os inocentes culpables de que este verán fora distinto e transitara un período de adaptación mutua que agora está en todo o esplendor do froito. É inevitable a sensación de que agora tiña que empezar todo… mais quedan días ledos no que nos rimos e aprendemos a convivir e a aprender mutuamente. Quen pense que isto é caridade está na ignorancia máis supina porque isto nin sequera é unha cooperación, máis ben é un intercambio no que medramos todos. Baída e Hamza ensináronnos moitas cousas do Sahara que non sabiamos e demostráronnos ata que punto alí segue perenne o espírito do Principiño.

Exercitamos moito a comunicación non verbal e procuramos abrir os sentidos para sementar confianza. A cadeira de rodas ou o andador convertéronse moitas veces nun xoguete que facilitaba a creación do vínculo emocional. Tamén nos axudaron a descubrir un pobo resiliente e profundamente respectuoso coa diversidade; un pobo esperto que nos transmite, a través dos seus nen@s, valores excepcionais como o exquisito trato coa xente maior.

O máis grande foi coñecervos e poder compartir con vós unhas vacacións inesquecibles que agardamos poder revivir e mellorar o vindeiro ano. Non en tanto, hoxe grazas a vós, podemos dicir que o 2019 foi un verán único que nos permitiu voltar á propia infancia, revivindo con vós felicidades pasadas. De novo, pisamos parques, descubrimos bambáns, volvemos ollar as atraccións, estivemos pendentes dos debuxos e vivimos cunha intensidade especial determinados anuncios de televisión como o de bedland que nos levaba a facer o balar da ovella ou o do botixo ao que, en vez de pedirlle unha canción, pediámoslle que nos fixera a habitación. Xa non os podemos ver máis que dende os vosos olliños…

Gustounos moito xogar con vós ás cartas, o parchís e o dominó aínda que ás veces, dun xeito un tanto descarado, faciádesnos trampas. Ademais, gustoume vivir con Hamza as mañás de praia en Oza, acompañados da xente da Fundación María José Jove.

Todo foi un camiño cara a confianza que nos levou a gozar plenamente estes derradeiros días.

Este luns volvedes ao voso lar e nós ficamos esfollando o almanaque cara o próximo verán.
Agardando que traia toda esa ledicia na que aprendemos, para sempre, a poñer en práctica o segredo que o raposo lle confiou ao Principiño: o esencial é invisible para os ollos.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES