Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 04 de septiembre de 2019
Dúas rutas turísticas

Sempre pensei que me sentiría divinamente sentado nunha nube de algodón. Pero para subir a ela foi como facer camiño ata o monte Calvario. Cheguei canso, claro. Pingas de OrballoPorque xa me cansara hai ben anos cando realizara a ruta da cruz, é dicir, a ruta de Xesucristo coa cruz ó lombo. Eu fixera o mesmo: cargara coa cruz, cunha cruz de madeira de carballo (que non é o mesmo que se fora de piñeiro, por exemplo) e fixen todos os vía crucis do Noso Señor, os que marca a biblia, creo. A maiores de chegar cos ombreiros todo esfolados e practicamente en carne viva (porque a dor era tanta que tiña que cambiar dun ombreiro para o outro), ó final do camiño non sentía as pernas. Agora entendo o de Sylvester Stallone para interpretar a Rambo: tivo que realizar a mesma ruta turística. Ser será turística, pero é ben fodida. Digo que subín á nube de algodón para sentar nela e contemplar o panorama. Pouco puiden axexar, guichar (outra nube gris ó lonxe, unha nave espacial fungando, unha estrela fugaz caendo e un avión de pasaxeiros que, estes, non crían o que estaban vendo) porque a canseira era tal que só se me pechaban os ollos. Non obstante, con forza, con consistencia, con vontade empreguei o meu tempo vixiando o espazo sideral e tramando algunha ruta turística semellante á do monte Calvario. Hai que ser sufridos!

Percorrido de necesidades

Antigamente a máxima potestade nunha provincia caía no Gobernador Civil, e cando este se dedicaba a visitar zonas, concellos ou lugares ía acompañado, por suposto, por un gran séquito de autoridades, ás que había que tratar digamos que demasiado ben. Así, o xoves 7 de agosto de 1958 o xefe provincial do Movemento, ou sexa, o Gobernador don José María Quiroga de Abarca, aproveitando que inauguraba a luz eléctrica na parroquia de Zorelle e Maceda, percorreu así mesmo os concellos de Paderne de Allariz, Baños de Molgas e Vilar de Barrio. Ó meu concello, ou sexa, ó de Baños de Molgas chegou xa de noite, pero aínda así puido contemplar como eramos de bos como anfitrións cando viu polas rúas arcos triunfais con pancartas e inscricións de agarimo e benvida. Os meus veciños (eu aínda non nacera) esperárono como auga de maio, así como certas comisións parroquiais, eclesiásticas e a corporación municipal, encabezada polo alcalde don Eduardo Laherrán de La Sota. Este, no discurso de salutación, axiña nomeou as principais necesidades e problemas do termo municipal que “quedou moi atrasado no progreso”. A contestación foi de promesas, claro, “para que Baños de Molgas se incorpore rapidamente ó concerto dos demais concellos da provincia”. Pero as necesidades eran tantas que, as promesas... Iso si, despedímolo con vivas mostras de afecto e entusiasmo. Faltaría máis!

A ascensión ó ceo

Terrible a ascensión ó ceo daquel que pensaba que todo era subir. Non se imaxinaba que todo o que sobe, baixa. Por moito fillo que fose de quen era. Non tardou en baixar, claro. E a aterraxe foi aínda máis tremenda do que se pensaba. Non se pode ir pola vida arrastrando fama de listo, espelido e intelixente. Todos caemos desde as alturas se non temos a que agarrarnos. Todos temos medo ante o descoñecido. E todos presumimos ante aqueles que se senten inocentes. Aínda que ás veces, estes, saben Pingas de Orballodisimular a súa inocencia. Pero os soños... Como soñar é tan bonito. Ascendemos se fai falta ata o sétimo ceo ou ata máis alá do universo. Logo, a realidade ponnos no sitio apropiado, nesa aterraxe que nos esmaga os miolos, a intelixencia, a presunción e a bravura. Unha coraxe falsa, claro. Porque xa no medio da ascensión entendemos que, máis tarde ou máis cedo, hai que caer. Que non queda outra que encomendarse ó espírito da salvación, por se esta chega. Pero hai certas alturas que van máis alá dunha hipotética salvación. O trompazo será de primeira división. Ou de desfeita humana. Deberiamos analizar mellor os nosos actos antes de lanzarnos á aventura daquilo que non coñecemos a fondo. Ir de bravos pola vida, ás veces, ten os seus reveses, ten as súas aterraxes nese campo de aviación chamado a realidade. É bonito ascender ó ceo pero cun bo paracaídas no entendemento.

A culpa non é do papelame

Ten o seu aquel o funcionamento cara ó público da oficina da Xerencia Territorial do Catastro de Ourense. Entrei e atopei a típica maquiniña de dar cita coas súas correspondentes seccións: información, rexistro xeral, certificacións, etc. Como levaba papeis que pensaba que podían estar ben, pois para que perder tempo pedindo cita para Información se xa podía rexistralos. Así fixen: saquei directamente número para rexistrar. Había creo que seis mesas para atender. Tocoume a 2. Non levaba todo ben. Vale, de acordo. A pedir cita para Información. Unha boa cola, claro. Esperando, vexo que as seis mesas atenden todos os asuntos. Polo que a mesa 2 tamén atendía os asuntos de información. E digo eu: se tamén informa, por que non me informou xa? Para máis aquel, e cando xa me tocou ir á mesa 1 (que moi ben me puido tocar a 2), tal información consistía en avisarme que me faltaba a declaración de herdeiros. Só isto. Á da mesa 1 (muller, si) conteille o mesmo que ó da mesa 2 (home, si) e lanzoume a frase da declaración de herdeiros. Nada máis. E volvo dicir eu: só era unha maldita frase!, que a puido dicir desde un primeiro momento o da mesa 2. Traballei toda a vida na administración, sei como vai isto e por iso sempre lle tiven pánico ó papelame administrativo. Claro que, ás veces (digo, moitas veces), non é culpa do papelame, senón de quen tramita tal papelame. Con razón, uns que estaban por detrás miña na espera se queixaban dos funcionarios e a min doíame na alma (porque fun funcionario), pero, moitas veces, hai que darlles a razón.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES