Frei Xosé na Terra Chá
Blanco Torrado, Alfonso - miércoles, 23 de enero de 2008
Parte desta comarca tivo a fortuna de ser guiada por Frei Xosé, o bispo que finou o día 8: Meira, Pol, Rábade, case todo Outeiro de Rei, parroquias de Begonte, Guitiriz, Castro de Rei... E outros, sen ser das lindes diocesanas, tan arbitrarias coma as das outras administracións, fomos acollidos sempre por este pastor, con agarimo. Sabíamos que o que a boa árbore se arrima, boa sombra o acubilla. En momentos de treboada, sentimos o seu alento e amparo, e axudounos a seguir navegando no mesmo barco, a pesares das turbulencias, que asemellan querer afundilo, pero con temóns coma el, non hai medo. Non me acae a escrita de circunstancias, a necrolóxica, pero cómpre ser agradecido, cos que deixan unha estela de ben.
Compartimos o seu lema: Paz e Ben, o saúdo das súas cartas, en varias xeiras, celebracións familiares e acontecementos públicos. Lembro con devoción, a súa sensibilidade para o patrimonio, que foron legando os benfeitores que crearon comunidade ao longo dos séculos. Coma nunha confirmación, no berce do escritor Manuel María, comprendeu o desacougo do poeta, que non aturaba que a pía bautismal, na que se cristianizaran xeracións de veciñas e veciños de Outeiro de Rei, estivese alí afastada no adro, privada da súa forza simbólica, coma manancial da fe naquel colectivo. Escoitou a denuncia profética daquel home comprometido co pobo, e, axiña, a testemuña en pedra da historia da parroquia foi rehabilitada dignamente. Os dous compartiron púlpito, e sobre todo un aferrado humanismo, no traslado dos restos mortais de Don Xosé Fernández, dende Outeiro ata a igrexa da Milagrosa que el cimentara. Como non adoita acontecer no presbiterio, o sobriño deste, Manuel María, e o Bispo de Lugo, falaron a mesma linguaxe: a que expresa a alma do pobo, sen alleamentos. Frei Xosé pronunciou unha ladaíña, que repito a cotío: Volcóuse cos pobres. Desprendíase de todo. Dáballe a quen lle pedía esmola. Gracias Señor, porque nestas persoas estase a reflectir a túa vida.
Entraba no corazón, con estes xestos humanizadores, por iso, o pobo captou a mensaxe, e vive para sempre no medio del. Ningún bispo foi despedido con tanto agarimo nos últimos tempos, quizais o Cardeal Quiroga Palacios, pero noutro marco mediático. O xeito franciscano creou un sentir común, alí onde pousaban as súas sandalias pacificadoras. !Que fermosos os pés do mensaxeiro..., cando se sumou aos que protestaban pola guerra de Iraq.
O seu saial, non lle permitía ensoberbecerse con hábitos que se pregan ao poder. Así, no enterro do investigador da historia chairega e crego, Nicanor Rielo, en Arcos de Frades, que fora granxa do Mosteiro de Meira, sincerouse.
Ante cregos e leigos e leigas, das 5 dioceses, e ata da zona galega de Astorga, outra anomalía do mapa diocesano, aseverou con esa dimensión profética da súa pastoral: Foi un crego que percibiu, con claridade, a íntima conexión que existe entre os pobos e a súa lingua, de tal xeito que sentía fondamente coma o descrédito ou a estimación da lingua ou do pobo, se condicionaban mutuamente. Sabía que honrar e enaltecer a lingua e a cultura do pobo, é honrar e dar prestixio ó pobo que se expresa nesa lingua... Oxalá que a morte de Nicanor nos mova a todos a facer realidade as boas intencións do Vaticano II, sobre o uso das linguas vernáculas e as do Concilio Pastoral de Galicia sobre a liturxia en galego. Oxalá que, a partir de hoxe, mañá, e no futuro, recemos a Deus na nosa lingua coa mesma naturalidade coa que a utilizamos nas nosas conversas cotiás.... Asemellaba unha reprimenda, se non fose que sempre acompañaba a palabra coa dozura. Pero aquela sementeira, na primavera que abrollaba, segue sen dalo froito debido nas parroquias. Sen dúbida, que a labarada que está a provocar Frei Xosé, liberaranos de tantos complexos e desidias.

Blanco Torrado, Alfonso