Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A eterna peregrinación

lunes, 02 de septiembre de 2019
A eterna peregrinacin No momento en que estás a ler este Recuncho levamos xa tres días de novenas no santuario da Nosa Señora dos Milagres, no concello de Baños de Molgas. Eu aínda non fun nada. Pero non necesito ir para saber o que representan para min e o que representan para a contorna.

As novenas na honra á Santiña do Medo son o gran acontecemento anual de case toda a provincia de Ourense e parte do estranxeiro. Nestes dez días (nove de novena e un de festa maior) asoman por esa localización do Medo persoas de todas as razas e condicións, uns máis crentes que outros, pero todos coa ilusión de que se cumpra algo. Algúns nin saberán o que, pero é igual: soben ata o santuario por se acaso, non vaia ser que... Outros subimos porque temos que subir. Porque sempre subimos. Porque, aínda que non subira, teño que subir á forza. E subirei. Achegareime dous ou tres días ou os que sexan, pero hai que cumprir coa tradición, co afán e, por suposto, cos recordos (recordos de tirarme aí boa parte da infancia e toda a xuventude).

No meu caso tamén teño que cumprir coa familia, pois só que sexa pola miña nai, non queda outra que plantarme ante ese marabilloso santuario e pensar en quen me pariu. Porque a Virxe dos Milagres para a miña nai son xa palabras moi pero que moi maiores. Sempre lle quixo máis á Santiña que ó propio San Salvador de Baños de Molgas, e a pesar de telo e visitalo a dous metros da súa casa.

Dez días de devoción nos Milagres, que se poden resumir este ano en tan só tres: os dous domingos e o Rosario das Antorchas. Que ás novenas lle caian dous domingos faise notar, principalmente na afluencia dos peregrinos. E logo, para máis aquel, se un dos domingos é o propio Día 8, non hai palabras para a descrición da afluencia. O Rosario das Antorchas é a noite máis bonita do ano. Logo tamén hai outro día que está fóra deses tres pero que tamén é especial: o Rosario da Aurora, onde cada parroquia peregrina de madrugada ata o recinto santo.

Penso que ano tras ano se vai perdendo aquilo que tiña de místico, de relixioso, de católico; pero tamén creo que vai ganando de folclórico, de turístico, de simplemente ir ver a ver que hai. Dunha ou doutra maneira, estes días Os Milagres son a eterna e bendita peregrinación.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES