Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Casas de aldea

viernes, 30 de agosto de 2019
Repaso os xornais de datas atrasadas que o día a día non me permitiu ler e reparo nunha reportaxe comparativa sobre a recuperación e rehabilitación das casas de aldea de un e doutro lado da raia e que non deixa de ser un chanzo máis na empinada escaleira diferenciadora que separa o dinamismo social do Norte de Portugal e o desta cara norte da raia seca, cada vez máis avellentada, despoboada e abandonada por todo o mundo e incluso por nós.

Leo o titular da información, que di que a raia lusa xa saca ó mercado o tripla de vivendas baleiras cás que se ofertan nos concellos limítrofes da provincia de Ourense, e véñenme á memoria dous casos de hai xa uns cantos anos dos que foron protagonistas dúas persoas por min coñecidas e os propietarios doutras tantas vivendas que cara o norte e cara o leste non se separan da miña propia casa o que vai -digo literalmente- dun tiro de pedra ou dunha cansada carreiriña dun can.

Nos dous casos, as persoas ás que fago referencia eran e aínda son persoas novas que estaban iniciando un proxecto de vida e que andaban á procura dunha casiña non moi grande, que tivera algo de terreo de rousío e que non se atopara moi lonxe da vila para poder manter así dun xeito cómodo o fío umbilical co núcleo urbano de servizos, por iso da escola para as crianzas e outras moitas necesidades laborais, sociais, culturais e de ocio que todos queremos ter canto máis á man mellor.

As dúas vivendas cumprían perfectamente os criterios por eles pedidos e, malia que o seu estado era próximo á ruína total nos dous casos, toda a estructura pétrea estaba perfectamente recuperable cunha ben deseñada e dirixida rehabilitación.

Sen embargo, cando ámbolos dous se interesaron seriamente por elas, de súpeto zoparon cun dos tópicos máis desgraciados do noso Adn antropolóxico. "Se a vendemos, perdemos a memoria dos nosos pais e da nosa infancia e dáme pena...", dixéronlle ó primeiro. O argumento que utilizaron para negarlle a venda á segunda foi un pouco máis prosaico e, probablemente neste caso non lles faltase razón: "É que a casa é de tantos que nin sequera sabemos quen ten e quen non ten dereito para asinar os papeis".

O caso é que hoxe en día, uns cantos anos despois, as dúas antigas vivendas son dúas auténticas ruínas ás que cada inverno se lles ve caer un anaco un pouco máis grande de parede ata que se convertan en estructuras arqueolóxicas coma as dos castros. Mentres, as dúas parellas e catro nenos que entre uns e outros teñen hoxe en día, procuraron asento noutras solucións e a miña aldea, que hoxe podería ter 8 veciños máis, continúa o seu lento proceso de demolición.

É dicir, que á Galicia rural non a matan os marcianos lanzándonos raios gamma paralizadores no medio das treboadas. Da Galicia rural –descúlpeme a crueza-, queirámolo ver ou non, os máis abxectos asasinos sómoslle principalmente Nós.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES