Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Do xabaril á rula

lunes, 26 de agosto de 2019
Do xabaril  rula Remataron as vacacións políticas e volve o barullo da investidura. Unha barafunda tal que empeza o asunto a ser un pouco esperpéntico. É máis, ó final vai ser que si, que haberá novas eleccións, que teremos que votar de novo; co risco, por suposto, da abstención: porque a xente, penso, que empeza a cansar de tanta trapallada de pactos, de declaracións e de medias verdades ou mentiras enteiras. Menos mal que sempre nos quedará París, digo o xabaril.

Porque anda a cousa quente no medio rural pola desfeita do porco bravo. E, por que non, tamén xa no medio urbano: empeza a campar a pracer, á vontade, ás súas anchas por vilas e cidades. Case xa é amigo noso. Vémolo nunha viaxe, por exemplo, e aminoramos a marcha do coche para contemplalo. Vémolo fozando nun lameiro á beira dun río e sacamos o móbil para fotografalo e ensinalo nas redes sociais. Os agricultores e gandeiros queren batidas para exterminalo. Pero, o pobre, que culpa ten; el xa vivía neste mundo antes de chegar nós. Ten que buscarse a vida coma calquera ser vivo. E cada vez ten menos onde vivir; porque o ser humano avanzou, avanza e avanzará sempre na conquista do que non é seu. E quen di o xabaril, di o lobo. Ollo ó dato, non vou en contra dos gandeiros e labregos (profesión á que pertencín, pertenzo e pertencerei sempre), pero creo que hai outras opcións para que eses dous animais non nos fundan na miseria e sen ter que aniquilar a eses dous bichos ós que pouco a pouco lles roubamos o seu territorio.

De exterminios vai seguir este Recuncho. Porque a Xunta de Galicia lávase as mans ante a caza da rula, unha ave en perigo de extinción. Unha ave que ten o seu aquel na nosa comunidade; non xa só como animal en si, senón incluso polo seu nome: apelación cariñosa que adoitamos usar para esa muller á que queremos, á que amamos, pola que sentimos algo máis que agarimo. A nosa Xunta prefire pagar a multa que lle imporá a Comunidade Europea, que, por suposto, sairá do noso vivir. Porque esta si ten intención de protexer a esa ave que, a maiores do seu nome, usa ese canto tan significativo e realiza eses niños que me asombraron sempre: que con poucos caxatiños xa cumpre para asentar os ovos e criar a súa prole. Ningún animal é imprescindible. Todos son necesarios.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES