Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Adoece o sistema político español de herestesis?

viernes, 23 de agosto de 2019
Apresúrome a explicar un pouco o termo “herestesis”, que procede do grego “aíresis”, herexe (“airetikós, herético) e, tal vez, en conxunción con “ístemi”, establecer. (Sométome gustoso á corrección dos filólogos). Parece que o termo empregouno o famoso “politólogo” norteamericano, WILLIAM RIKER, que brillou polos seus traballos na temática política, sobre todo no mundo anglosaxón no século XX, centrándose, primordialmente, nos procesos democráticos.

Utilizouno para designar, fundamentalmente, a MANIPULACIÓN dos procesos políticos, e dunha maneira especial dentro dos implicados polo poder, para axustalos ao interese de cadaquén, crebando a auténtica representación que ostentan dos cidadáns cando ese poder o teñen atribuído os políticos por representación e elección dos mesmos. E aínda que para decatarse disto non é necesario esforzarse moito, sobre todo cando ós políticos metidos nestes mesteres non lles sobra moito miolo, Riker apunta ideas aproveitables.

Aquí en España, levamos tempo dándolle voltas a algunhas posibles reformas electorais; pero as vontades dos nosos políticos non chegaron aínda a concordar, porque son algo baila na criba: Aceptan un suposto cando consideran que os favorece. Os adversarios fan o mesmo, e, como teñen alternancia no poder, tamén a teñen neste empeño discordante e reiterado, sempre vixiando que non os poda prexudicar. Reparen que escribo “os poda prexudicar”, a eles, sen dúbida, porque o interese xeral só está presente nas retóricas encamiñadas a xustificar os cambios de opinión. Un exemplo de herexía ocasional!.

Pero miren por onde o talentoso Mr. Riker lles bota unha man. Sostén que todos os métodos de votación deixan bastante que desexar e apoiase no famoso TEOREMA DE IMPOSIBILIDAD DE ARROW, Premio Nobel de Economía (1.972), norteamericano, que o formulou así, segundo Wikipedia, en tradución miña ao galego: “Cando se teñen dúas ou tres alternativas para que un certo número de persoas voten por elas (ou establezan unha orde de prioridade entre elas), non é posible deseñar un sistema de votación (ou un procedemento de elección) que permita xeneralizar as preferencias dos individuos cara a una “preferencia social” de toda a comunidade; de maneira tal que o mesmo tempo se cumpran certos criterios “razoables” de racionalidade e valores democráticos”.

Non obstante, o político “herestético” que aproveita a fraxilidade da estabilidade social para manipular preferencias sociais ao seu favor, non pode loxicamente xustificar as súas actuacións no “Teorema de Arrow” nin nos razoamentos de Riker, porque os poderes como administrador do interese dos cidadáns, que para tal función se lles confiren, non deben ser utilizados para o seu proveito persoal e familiar. E neste caso, se a dotación intelectual dos mesmos é de baixo nivel, seguindo o asesoramento de habilidosos asesores, ciscan as súas actuacións de argucias que, por non ser da colleita propia, xa está todo o pobo advertido, por máis que os que se aproveitan o disimulen hipocritamente.

Non descarta Riker, tampouco, que o populismo pode presentarse cunha nova versión que chegue a constituírse nunha ponte para algunha forma de ditadura, saltándose olimpicamente a división dos poderes lexislativo e executivo, incluso mediante artimañas de legalidade, para burlar impunemente os espazos acoutados de cada poder, e, tamén, alterando as normas electorais, para legalizar os apoios. Pero antes é mester preparar o terreo atacando con tanta contundencia as estruturas estatais que lexitimaron os primeiros nomeamentos dos contumaces, como con incompetencia e inoportunidade política.

Por suposto, que as opinións de Riker encontraron opositores, e, entre eles, destacou o profesor de Ciencias Políticas da Universidade de California, San Diego, Gerry Mackie, sostendo que o “Teorema de Arrow” establece posibilidades teóricas, pero non empíricas e é enganoso. Polo tanto, defende a interpretación populista da democracia, contra a afirmación de Riker de que non hai vontade do pobo, xa que, incluso, non podemos saber ata onde foi manipulada. Para este intelectual, a manipulación é omnipresente, e defende unha concepción liberal da democracia, porque facilita a destitución dun representante que actúe mal.

A preocupación do político “herestésico”, no fondo, parece que só consiste en persuadir para saír coa súa, non tanto para dar razóns convincentes. Pretende ganar, intentando levar aos seus opoñentes a elixir entre opcións inaceptables, por prexudiciais para eles. E as deliberacións que median están impregnadas de enganos e solapadas insinceridades. Polo tanto, o gran prestixio acadado por Riker non parece que sexa o premio a encontrar mecanismos institucionais eficaces para impedir que as medianías fantasiosas se perpetúen no poder. E non ofrezo exemplos, porque conto coa perspicacia dos lectores para descubrilos no noso entorno político, pensando nesa nova modalidade política da que se adoita facer uso coa esperanza de que facilite a introdución dun disimulado hibridismo de democracia directa, por se devén xeradora dalgúns impactos desexados, que propicien a perpetuación no poder.

E poño fin a estas liñas, facendo unha referencia á OLIGARQUÍA, que, como saben, trátase dunha forma de goberno cuxo poder está nas mans duns poucos. É este un termo grego composto de dous: “olígos”, pouco, pequeno, escaso… máis o verbo “árcho”, guiar, mandar, gobernar. E aínda que pode haber discrepancias sobre a etimoloxía, non quero enrodelalos máis nesta temática, senón formularlles unha pregunta: TALVEZ NON PODE DARSE O CASO DE QUE DENTRO DOS PROCESOS DEMOCRÁTICOS ACTUAIS SE SOLAPEN OLIGARQUÍAS QUE PARTICIPEN NOS GOBERNOS CON ESTREMO CUIDADO DE NON SER DETECTADOS POLO POBO NIN POLOS CONTROIS PARLAMENTARIOS?. Pensen nos poderes fácticos e ocasionais, e na natureza dos mesmos, e non esquezan as argucias TOMADAS EN ALUGAMENTO por algún dos nosos políticos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES