Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 21 de agosto de 2019
Ás cinco da tarde

Cinco da tarde. Vai sol. Estou á sombra. Unha lagarta sobe por unha parede para apousentar no alto, ó sol. Unhas follas de cerdeira bambean un chisquiño, tan só un chisquiño. Porque o aire que corre é pobre, moi pobre. A tarde está calorosa. Un corvo que corvea moi cerca. Ruído entre unhas xestas que hai ó pasar a parede onde está a lagarta. Non creo que sexa un xabarín, a estas horas. O máis seguro é que ande a furgar por aí un lagarto ou unha serpe. Fuxan os Ventos canta “brazos para a seitura”. Eran outros tempos. Aqueles tempos nos que si había seitura; un traballo que, eu, particularmente, odiaba. Era o que menos me gustaba de todos. Menos incluso que o da herba seca. E iso que lembro algunha vez que chegaba de Madrid, no expreso, ás seis da mañá, sen durmir e sen me deitar e como xa se empezaba a ver, collía a gadaña e marchaba directamente para o lameiro ou a parcela que houbese que segar. Agora, grazas a Deus, nin hai seitura nin hai sega da herba. Agora, por non haber, xa non hai nada; nin tan sequera a viña. Agora podo berrar ben forte que vivo coma Deus! Vivo coma Deus! Xa era hora! A agricultura na nosa contorna xa se sabe como está. Cinco e cuarto da tarde. Vai sol. Sigo á sombra. A lagarta hai un cacho que marchou porque me viu mover a cabeza e asustouse. Non lle pensaba facer nada. Gústanme eses animaliños. Remato co jazz de John Coltrane.

Quedei canso

Quedei canso. Quedei canso de andar por eses camiños que alguén vai deixando sen trello nin trambello, ou sexa, sen xeito nin dereito, é dicir, sen ton nin son. Unha cousa é que che poñan atrancos e outra é xa que inicies a carreira tropezando. Acaso ninguén se dá conta de que, ó tropezar, a maioría das veces, acabas caendo? Si, si, xa sei aquilo de que te levantas unha e cen veces. Pero, e os trompazos?, as rabuñaduras?, as roturas de tibia e peroné?, ou de cúbito e radio? A ver, hai que ter algo máis de coidadiño ou de sentidiño común co que se deixa nos camiños. Só pensar nos obstáculos xa súo. Coido que cando unha persoa súa, axiña cansa. Porque rebenta cos golpes. Porque rebenta coa angustia. Porque rebenta cos sentimentos. Porque rebenta cos pensamentos. Sabedes que hai pensamentos que fan suar, non si? E que cansan, que cansan unha barbaridade. Quedei canso. Quedei canso de iniciar un camiño que, maldita a hora en que o principiei; non lle vexo a fin. Estou farto xa de ter o corpo cheo de chagas físicas ou de mágoas morais. Porque caio e, si, volvo erguer. Pero o carallo é que volvo caer unha e cen veces. Porque hai moito paspán solto e deixando atrancos, estorbos, obxeccións, impedimentos a máis non poder, a darlle cun sacho. Xa estaba farto dos sachos, e agora isto. Non hai dereito! Menos mal que agora descanso. Súo, pero descanso.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania