Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Falando de pasamentos

jueves, 15 de agosto de 2019
Nesta irredenta, paradoxal e fermosa Galicia continúan a atoparse non poucas sorpresas. Dicimos -e é verdade- que nela, nese algo máis do cincuenta por cento das entidades todas de poboación (vilas, aldeas ou lugares) do Estado español que existen de feito en Galicia -territorio este que nos seus bos tempos era polo demais bastante máis extenso ca agora- a xente vai paseniñamente emigrando ou morrendo sen que os poucos que nacen ou nelas se asentan cheguen a reparar a sangría poboacional. De xeito que se fala incluso de que habería actualmente algo máis de dous milleiros de núcleos de poboación abandonados, algúns deles incluso postos á venda...

Por iso, cando hai un par de días, co gallo do pasamento dun vello amigo que tiña xa cruzado a fronteira dos 91 anos, me dirixín dende a beira da ría de Vigo ata unha das moitas aldeas minguantes en poboación da coñecida Terra de Montes, fiquei unha vez máis non pouco sorprendido. A igrexa, aínda que pequena, estaba ben ateigada de xente, mais fóra, en agradábel conversa no adro, coido que habería aínda máis que no interior da mesma. De modo que a soidade e a nostalxia dos tempos pasados semellan recibir así de cando en vez un saudábel balón de osíxeno. Isto é o bo que ten a técnica ó nos ofrecer gratas posibilidades de trasladármonos desde un determinado lugar a outro ben distante, podendo así tecer redes de relacións e contactos que noutros tempos non eran sequera imaxinábeis.

É este en realidade un derradeiro e benfeitor servizo que cada un dos nosos defuntos, coa súa muda e recorrente presenza, nos fai ós vivos. O de contribuír coa súa marcha, por dolorosa que sexa, á vida dos aínda vivos. De feito, os variados e complexos rituais tradicionais que acompañaban ata non hai aínda moitos anos en Galicia o pasamento dos nosos finados tiñan, segundo nos instrúen os antropólogos, como explícita ou implícita motivación a de insuflar vida nunha concreta e pequena comunidade que ante a experiencia da morte dalgún dos seus integrantes se percibía ameazada na súa mesma existencia.

Nestes específicos e humanamente complicados encontros que se realizan co gallo do pasamento, a presenza dos cregos (tradicionalmente cantos máis numerosos fosen tanto máis prestixioso e eficiente se pensaba que sería o acto relixioso) forma parte insubstituíbel dos mesmos. Eles, pola súa parte, precisan encontrarse a si mesmos e entre si mesmos, porque tamén eles, que tan a miúdo están en contacto coa morte dos demais, non poden menos de ser ben conscientes de que a eles lles pasará loxicamente, máis cedo ou máis tarde, outro tanto. Nesta ocasión puiden escoitar directamente dun deles, co que endexamais por certo me tiña atopado con anterioridade e ben entrado xa en anos, entre outras variadas historias e anécdotas, este ocorrente dito, que –segundo o meu vello costume- axiña anotei nun papel pra del non me esquecer.

É o seguinte, que -como o amábel lector destas liñas axiña percibirá- é seguramente ben axeitado á solemnidade do acto é á agachada temática de fondo que axita as interioridades de cada quen: “Os curas teñen anos, mais os anos non teñen cura”...
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES