Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Oracion ao Apóstolo dos Camiños

martes, 13 de agosto de 2019
Señor Santiago, Patrón dos Camiños: desde un remanso dun dos teus vieiros, os que camiñamos na percura da túa casa en Galicia, baixo a túa protección, queremos agradecer o teu ánimo para as nosas ánimas, facer testemuña de gratitude polo teu amparo, e pedir que esa protección se extenda a todos os que camiñan polos teus vieiros cara a Capital de Occidente, en tempos territorio final do mundo coñecido.

Tres motivos básicos se nos ocorren, apóstolo noso, para camiñar polos vieiros da vida; para que calquera persoa na antigüidade e aínda agora se poña en camiño cara ao descoñecido, deixando a súa terra e as súas xentes, moitas veces só entre o ceo e a terra.

A peor das razóns, é a das persoas que -en soedade ou por pertencer a un grupo- debe camiñar fuxindo dalgún perigo, ou da fame e da miseria, buscando nun incerto destino a paz, a vida tranquila, e un futuro mellor para el e as súas xentes. Por esas xentes que por milleiros, por millóns, camiñan por eses mundos de Deus, pedímosche apóstolo de xeito especial por ser os mais necesitados de comprensión e apoio.

Outra razón é a dos que responden a unha chamada, a un impulso, a unha necesidade sen que un perigo os obrigue a desplazarse… a xente que camiña movida por un ideal, por un sinal, por algo que os arrastra irremisiblemente cara a un fin.

E unha terceira, que non precisa desa chamada senón que o afán persoal o converte en camiñante polo feito de coñecer xentes, visitar terras lonxanas, comprender actitudes e comportamentos; ter, en fin, unha visión da vida máis ampla e clara.

E logo estamos nós, os camiñantes na percura do teu sepulcro en Compostela, que non temos detrás de nós ningún perigo que nos impulse, que ninguén nos persegue nin nos obriga, que o facemos no uso do noso libre albedrío seguindo algún dos innumerables camiños que abriron os nosos devanceiros e nós temos a obriga de rescatar, utilizar e potenciar.

Claro que algo hai tamén, patrono de Galicia, de chamada a poñernos en camiño, que se o facemos voluntariamente tamén hai na nosa conciencia o impulso irrefrenable de buscar a paz comulgando coa natureza, co Camiño, coas persoas, co espíritu de todos os que camiñaron antes ca nós, buscando elevarse sobre o mundo real, sobre os problemas de cada día, sabendo que sufrindo os rigores do camiño exterior elevaremos o noso espírito logrando completar un camiño interior que nos fará máis fortes,máis humildes, máis humanos, máis sensibles, máis libres. Como fixo o noso amigo, ao que hoxe lembramos e rendimos homenaxe, Miguel Freire.

A quen non saiba camiñar, pode parecerlle extraño, Señor Santiago, que acudamos a ti para pedir axuda para seguir os teus camiños… e sen embargo desde a máis remota antigüidades os humanos camiñantes tiveron a necesidade de mirar ao ceo para pedir protección…

E houbo deuses dos viaxeiros en Xapón, en Chile ou en México… E os exipcios tiveron a Menu especialmente para viaxar polo Nilo; os gregos, Hermes, o mensaxeiro, señor das fronteiras e dos viaxeiros; os romanos, o deus Términus para protexer as fronteiras, Juno que custodiaba as portas e camiños; e os deuses lares compilares para protexer fogares, camiños e cidades… os celtas pregaron a Lugh e a Mentoviacus; os galos a Viator; os nórdicos, a Odin, deus caminante; e ata os teus camiños acugulan milladoiros na honra de Mercurio, protector dos viaxeiros… e dise que un santo Cristián, San Cristobal de Licia, é o patrón dos viaxeiros…

Pero nós, Fillo do Trono, non somos viaxeiros, somos peregrinos… facemos camiño ao andar, que si os camiños foron abertos polos pasos dos peregrinos que nos antecederon, cada paso que damos por un dos teus camiños contribuimos a que os camiños vivan, mantemos a túa memoria… e seguimos pola terra aquel camiño de estrelas que o emperador Carlomagno soñou no seu pazo de Aquisgrán.

Grazas, apóstolo de noso, pola túa protección, pola túa inspiración; pola túa chamada, pola túa acollida… por darnos compañeiros como Miguel Freire, que se na vida nos acompañou, segue agora inspirándonos.

Invocámoste como patrono dos Camiños, quizais nunca así declarado, pero titular ao fin de todos os camiños que conflúen en Compostela, que se en tempos oscuros tiñamos esquecido o fervor da peregrinación, e só tiñamos noción da existencia do Camiño Francés, os recordos, os estudos, os documentos lembráronnos que os teus camiños veñen desde Francia, desde Portugal, desde Andalucía… Ata en Canarias hai un Camiño de Santiago, recorrido por milleiros de peregrinos que non podían chegar á lonxana Compostela.

Chamámosche patrono dos Camiños desde Lugo, desde o Camiño Norte, sabendo que nestas nosas terras fixérono os nosos; fixéronnos, ademais, un Camiño da Costa, un Camiño do Interior ou Vía Rexia, un Camiño do Inverno, o Camiño Primitivo, a Vía Kunig ou o Camiño Francés. Pois Lugo é a terra con máis camiños, polo tanto os lucenses somos os máis camiñantes, e os que vimos pasar máis peregrinos, e os que máis axudamos a que os peregrinos puidesen camiñar.

Por iso, a nosa oración, Señor Santiago dos Camiños a Compostela… por iso a nosa oración de agradecemento por Miguel Freire; pola túa intercesión; a nosa oración de petición de axuda por todos os que camiñamos polos vieiros da vida, especialmente por todos os que te temós por patrón, por amigo do Señor, e amigo noso.

Xa que o Señor nos dixo que cando varios de nós se xuntasen no seu nome alí estaría el… nos sabemos Señor Santiago, que cando hai un grupo de peregrinos camiñando cara ao teu sepulcro, ti vas con eles… ti estás aquí connosco, acompañándonos, alegrándonos, dándonos vida… daí que o Camiño signifique vida para todos nós.

Remato, Señor Santiago, esta oración que é de todos, oración de ledicia e de esforzo; oración de petición e agradecemento; oración por Miguel e por todos nós; oración que non pide nada material pero que moito agarda no eido no que ti gobernas: Paz para o noso mundo; tranquilidade e prosperidade para as nosas familias; solidariedade entre os que camiñamos cara a ti; e que nos axudes, sobre todo, aos que camiñamos a facer camiño… porque aínda que temos tantos camiños marcados, prefixados, queremos como dixo Machado facer camiño ao andar… facer camiño ao peregrinar… facernos máis grandes por dentro, e á vez máis pequenos, inocentes e humildes aos teus ollos; mellores persoas, para nós e para os demais; facernos dignos de ser servidores directos do patrón dos Camiños á Capital de Occidente. Que sexa así.

(Palabras de Xulio Xiz o 29 de xuño de 2019, en Mondoñedo, na Finca El Remanso, no decurso das xornadas "Abrindo Camiño", organizadas pola Asociación de Amigos do Camiño Norte da Provincia de Lugo)
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES