Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cando Vilalba proxecta rúas amplas

martes, 13 de agosto de 2019
Observando vellas estampas da trama urbana de Vilalba convencémonos da brevidade da memoria e da distorsión que o tempo ocasiona nos recordos.

Para algúns o pasado é o que recordan, o que imaxinan recordar, o que están convencidos de recordar, o que presumen de recordar e o que queren recordar. Son aqueles que argallan na mente figuras que non se axustan ao realmente sucedido ou habido. Pero as imaxes non manipuladas e os documentos contrastados con obxectividade devólvennos ao pasado real.

Velaí que dúas estampas datadas nos primeiros anos do 1900, xunto con documentos alusivos, aclaran como se solucionou un paso estreito da trama urbana vilalbesa que estaba situado ao pé da gran torre do castelo. Foi esta unha zona que, perdida ou abandonada a idea de crear a gran praza que rodease a solemne torre, estivo sometida á arbitrariedade da especulación inmobiliaria.

Situémonos. A daquela chamada praza do Castelo, hoxe Suso Gayoso, conectábase por medio da travesía do Castelo coa tamén praza Maior ou da Igrexa e máis adiante coa praza do Pan ou do coronel Pena. As tres lindaban co exterior da muralla do castelo. A comunicación entre as prazas, con grandes aglomeracións de xente en días de feira, víase obstaculizada por un punto estreito: o lugar onde finalizaba a vella corredoira reconvertida en travesía do Castelo e que dende a praza do mesmo nome chegaba á Maior. A beira sur dese lugar estaba ocupado pola casa sinalada co daquela número 8 e propiedade de Pilar García, de Nete. De seguido, detrás do cruceiro, edificárase a de Ramona García, filla da anterior, onde en tempos houbo estanco de tabacos. Por fronte, con solaina, a de Nemesio García, irmán de Ramona.

Cando Vilalba proxecta rúas amplas O caso era que entre as casas de Pilar e Nemesio o aproveitamento do espazo era tal que polo camiño ou travesía só cabía, e sen exceso, un carro do país. A casa de Pilar, ademais, apoiaba a súa parte traseira na muralla do castelo e por algunha razón considerouse que era ese edificio o responsable do estreitamento do camiño.

A situación complicouse en 1897 cando o promotor e construtor Valeriano Valdesuso comprou o castelo ao duque de Berwick e Alba. O novo propietario procedeu a derrubar a muralla que circundaba a torre e coa pedra deu en construír casas que, en plena especulación, resultaron ser de cabida escasa e calidade cuestionable, todas elas ao longo da beira sur da travesía que nos ocupa. E resultou que cando desmantelou a parte da muralla que servía de apoio á casa de Pilar García, o edificio cedeu en parte, a fachada fendeu e toda a construción se deteriorou.

Así as cousas en xaneiro de 1909 a situación do predio era de abandono total. A prensa local clamaba por dar saída á travesía do Castelo onde se facían obras novas e aínda se habían facer máis. El Eco de Villalba expoñía que calquera día podía caer e ocasionar unha desgraza, que só se utilizaba como urinario público e que, de derrubarse, a vila podería ser dotada dunha fermosa rúa céntrica e comercial. Iso si, indemnizando a propietaria polo xusto prezo. Finalmente insinuaba que as autoridades locais xa facían xestións para liberar ese espazo e pasalo a dominio público.

Pero negociar, xa se sabe, por veces é difícil. Ao mes seguinte o mesmo xornal informaba que se presentaran dous operarios enviados pola dona da casa para facer reparacións do edificio e que case de inmediato apareceron dous axentes da autoridade para impedir tal actuación. Máis tarde o silencio nos documentos insinúa que houbo tratos e amaños. Ao final a casa derruíuse e o tramo final da travesía ou rúa tivo folganza abondo para permitir o paso de máis dun carro.

Cando Vilalba proxecta rúas amplas Andando o tempo, e por outras razóns, máis casas foron expropiadas e os espazos ampliáronse. As transformacións realizadas na unión da travesía do Castelo coa praza Maior resultan evidentes. Logrouse a pretensión de que carros e persoas poidan circular con folganza por este lugar e a súa contorna, iso si, sempre que modernos condutores non teñan outra idea, asunto este do que é testemuña a foto actual que se parte en dúas polos sempiternos cables da luz instalados onde cadre.

Sirva este retallo da intrahistoria de Vilalba para ilustrar como as imaxes antigas e os documentos gardados volven a poñer no seu lugar feitos esquecidos e recordos esvaecidos pola brétema do tempo. E rematamos honrando a quen con tempo, traballo e celo gardou imaxes e documentos que hoxe permiten estas liñas, en definitiva, a Antonio Peña e a súa liñaxe.
Pombo Mosquera, Xosé Antonio
Pombo Mosquera, Xosé Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES