Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non basta...!

viernes, 09 de agosto de 2019
Só unhas breves palabras, que estamos en tempo de vacacións e de investiduras, e as canles da recepción cognitiva, co lixo ideolóxico parlamentario, sen a limpeza da brillantez duns contidos de ideas e conceptos estimulantes, están moi atoados, e atordados polos aplausos no baleiro do substancial, despois das enfáticas palabras introdutorias, que, froito dunha arrogancia sapiencial, daban a impresión de que abrían un sendeiro de solucións, para terminar esgotando a paciencia dos oíntes sen case tocar o fundamental. Sospeitábamos que os que descoñecen a complexidade do diálogo xamais poden saír lucidos nos ámbitos “dialóxicos”.

Pero eu aquí, nesta sinxela colaboración–e non se estrañen polo desvío temático!–, vou referirme un pouco ao mundo rural, xa que, do parlamentario abundan opinións moi intelixentes e documentadas, que eu non podo ofrecerlles, e nisto podo aducir a miña vida no rural durante oitenta e oito aniños, salvo algúns obrigados intervalos nas cidades, e, polo tanto, permítanme presumir de que podo dicirlles algo seguramente máis axeitado.

Os anos que levo como aldeán deberan de servirme para facerme cunha achega empírica abondosa para avaliar as ofertas teóricas que nos ofrecen os antropólogos, sociólogos, economistas, etc., acerca da vida rural, e moi especialmente en todo o relacionado coas causas do despoboamento neste medio, cunha estruturación científica, que non lles debo negar, porque parece garantir os valores epistemolóxicos das diferentes exposicións que eles fan; pero os aldeáns, ben sexa por ignorancia, ou ben porque contamos con máis vivencias empíricas que nos permiten valorar mellor a casuística rural, sempre encontramos que algunhas propostas saídas do ámbito teórico, polo menos, non parecen suficientes, non bastan, e, incluso, cando se levan a práctica, poden resultar ineficientes ou perturbadoras.

Invitoume a recuncar nesta temática a información que recibín relativa á reunión que, o 26 de Xuño deste ano, celebraron en Albares (Guadalaxara) varios expertos en desenrolo rural e tecnolóxico, acompañados do coordinador para España do proxecto Europa Creativa, precisamente para profundar na realidade da “España esquecida”, e “explorar posibles alternativas económicas, baseadas nas tecnoloxías dixitais que están transformando a sociedade e “empoderando” ás persoas”.

Segundo se deduce da información, pretenden levar aos pobos rurais o servizo de “banda ancha”, é dicir, no argot das telecomunicacións, unha rede que presenta unha alta capacidade de traslado de información, cunha aceptable velocidade medida en bits por segundo. E ós territorios aos que se lles aplica, incluso os cualifican de intelixentes.

Pois ben; terei que explicarlles por que esta información me suxeriu estas liñas. Creo que é fácil de comprender, se vostedes se decatan de que, aínda que é eloxiable levar esa sofisticada tecnoloxía ao mundo rural, preocupa, non obstante, a cavilación de se vai aparellada, como se adoita facer, dunha pretensión de HOMOXENEIZAR as aldeas e pobos rurais, realizando neles proxectos, por exemplo, de industrialización agropecuaria, poñendo en perigo o verdadeiramente orixinario e peculiar nas nosas aldeas e pobos rurais, a oferta da mesma natureza, de carácter HETEROXÉNEO, con predominio do diverso e diferencial, en matices e peculiaridades, reflectidas na flora e a fauna, olores, perspectivas, etc. E isto faime preguntar se estamos en presenza dun transplante de contornas e ambientes híbridos, ou dunha auténtica potenciación dos valores tradicionais.

Pero tamén comprendo que a solución para reverter o despoboamento, consiste en ofrecer oportunidades económicas, se ben tal vez proceda facelo con adecuación e respecto ao medio. Certamente que as facilidades que proporcionan as explotacións agropecuarias dotadas de todos os servizos técnicos, manteñen a poboación implicada nas aldeas e non se pode negar que responden as esixencias dos tempos; pero a prudencia aconsella escoitar as xentes do rural, para que as melloras non sexan só de orden económico, senón que faciliten o máis posible a coordinación coas ofertas naturais. E tamén a embarazosa lexislación publicada para dar respaldo aos proxectos de mellora rural, que as veces semella froito de leguleios, debería ser moito máis cautelosa co mesmo.

Penso que non debe perderse de vista, en calquera solución que se arbitre para este medio, que as persoas que viven nel van configurando a súa PERSONALIDADE coas posibilidades que lles ofrece, e se este se altera ou se limita drasticamente, buscan acomodos noutros lugares, non só para eles, senón tamén, principalmente, para os descendentes, e ata onde isto poda influír nas decisións de ter máis o menos fillos, non parece que mereza unha consideración científica e, por isto, non se investiga como as repercusións das carencias económicas ou tecnolóxicas.

Pero, en todo caso, as opcións neste contexto de posibilidades están aí, e todas as achegas delas deveñen, precisamente, elementos configuradores da nosa personalidade, porque –e repetímolo–non somos en absoluto alleos ao enfrontamento FORMAL coas cousas da contorna como unha REALIDADE , ó que fai alusión X. Zubiri, na página 22 da súa obra “Sobre el Hombre”, nestes termos, traducidos ao galego: “Por suposto, a realidade non designa un obxecto, senón a MANEIRA como o obxecto QUEDA no enfrontamento humano”. (Maiúsculas, miñas). Por conseguinte, parece lóxica a esixencia de que esa “maneira habitual de quedar as cousas” nas xentes do rural non se vexa truncada por aspiracións descontextualizadas e que non toman en consideración TODAS as dimensións persoais do home/da muller.

Sen dúbida, resultan estrañas, e incluso triviais, estas reflexións, ás solucións técnicas e económicas para o mundo rural; pero eu formularía as seguintes preguntas por si abren espazo as mesmas: ACASO NON OPTAMOS COAS COUSAS E COS NOSOS IMPULSOS POR UN MODO DE ESTAR NA REALIDADE?. E se isto é así, NON SE PERTURBA A CONFIGURACIÓN DA PERSONALIDADE DE AQUELAS PERSOAS ÁS QUE SE LLES FURTAN ALGUNHAS POSIBILIDADES, OFRECIDAS POLA NATUREZA, E NAS QUE OPTAR?.

Creo, pois, que ben vale a pena procurar comprender que a integración persoal non é unha MERA integración, senón que se trata dunha integración “REALIZANTE”, en e por unha actividade psico–orgánica superior. Xustamente a persoa vai forxando a súa personalidade na contorna e, ademais, nos tempos históricos nos que desprega o seu decurso vital, e, por iso, non bastan, aínda sendo indispensables, os amaños tecnolóxicos e económicos que descoidan outras dimensións humanas potenciadas no contexto no que se vive. Eu diría que EN VEZ DE PRESTABLECER, PRESUPOÑÉNDOA, NOS PROXECTOS, UNHA ARTIFICIOSA HARMONÍA ENTRE OS DIFERENTES COMPOÑENTES DO MUNDO RURAL, TAL VEZ HABERÍA QUE ACADALA POTENCIANDO AS OFERTAS DA NATUREZA.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES