Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Principios de Incertidume

viernes, 18 de enero de 2008
O mundo agoniza connosco
(Allué, 1960)

Non será para tanto. Pero, por si acaso.

Inda que a Física foi a primeira en acuñar un principio deste nome, resulta inevitable considerar tamén outros posibles principios homónimos que significan soamente iso.

Habería así varias clases de incertidume; entre elas, unha á que, igual que no caso da certeza, puideramos chamar incerteza certa, irresoluble, “científica”; unha especie de verdade ó revés.

Nestas condicións, semella que soamente hai un xeito sensato de atinar: soslaiala. Por exemplo: para evitar a incertidume dos atentados o mellor é cambiar de itinerario, para a peste a corentena e para os partes meteorolóxicos as “sombrillas”.

Tódalas linguas acreditan o espontáneo coñecemento deste principio; tal fan termos coma “absterse”, “inhibirse”, “expectante”, “pendente” etc., pero sobre todo o coloquial “por si acaso”. Máis alá del, en Galicia, a incertidume é xa un rasgo idiosincrásico que probablemente nos ven do mar e do minifundio.

Pero a verdadeira novidade do principio non é esta. A novidade está na propia prolongación da súa lóxica: non aplicar agora este principio dende o Poder suporía contraer algunhas responsabilidades; e non “pitonísicas”, hipotéticas nin retrospectivas senón certas e actuais. É o caso dos que fai pouco negaban teimosamente o efecto canceríxeno do tabaco. Porque isto, sabelo nono sabían e, polo tanto, dada a súa desmesura, facían algo máis que mentir. No extremo contrario, temos o caso dos técnicos atómicos aqueles que puxeron a punto unha bomba sen saber moi ben o que era.

Igualmente, se hoxe en día é “cientificamente” imposible confirmar nin negar o efecto canceríxeno das antenas radiotelefónicas ( por non saber ademais nin qué son os cánceres nin qué son as ondas) o sensato sería a súa erradicación provisional -polo menos, a espera de solucións técnicas alternativas: cableados, satélites, etc...-. Porque neste suposto, calquera que sexa o futuro, ós permisivos comportamentos gobernamentais, xudiciais e ata ténicos poderían resultar xa, en se mesmos, homicidas.

Unha vez máis, é curiosa a espontánea conivencia dos intereses, a inercia, a insensatez e a desinformación; todos eles, co seu inconfundible aire de familia.

Non sempre os “alcaldes” son responsables de tódolos terremotos; pero inda teñen outras oportunidades. A Humanidade, ó albur de políticos para os que -coma é natural- os seus máis insubornables problemas son frecuentemente eles mesmos, vai ter que empezar a pensar xa pola súa conta. Á espera de elo, ocuparémonos eiquí soamente dunha das súas máis clamorosas incurias: as relativas ó “cambio climático”.

Curiosamente, moita xente, que cree cegamente nunha termodinámica e nun electromagnetismo que descoñecen, semella en cambio escéptica diante outras novas de análogo orixe pero moito máis doadas. Coa estraña coherencia de que falábamos, óese dicir por aí repetidamente cousas tan inefables coma as de que “se os meteorólogos erran á escala dos días ¿cómo van a acertar á escala dos anos?”, que “o clima sempre sufriu cambios”, que “hai outras cousas que facer”, que “a interesada campaña de Albor (¡o Nóbel de coña ise!) non é fiable”, que “non vivimos no futuro”, que “ata Zapatero descubriu co este motivo o ecoloxismo” (¡suprema refutación meteorolóxica ista!), que, según Bush, “son necesarias mais certezas” -¿máis?- e, se nos descoidamos, que nin o home chegou nunca á lúa nin Colón a América -coma xa empezan a dicir algúns noctámbulos da radio-. Algunhas destas persoas semellan pois non ter fillos e non sei se pais. No mellor dos casos, e nun alarde de humor, os máis prudentes inda aconsellan moderación: “¡que non cunda o pánico!”, din -coma se así fora a refrescar-.

No estremo contrario, outra moita xente coida ter xa abundantes evidencias dun cambio sistemático, aceleradamente ascendente, inédito, biolóxicamente significativo e catastróficamente correlacionable coa civilización.

Pero tamén empeza a prodigarse entre os políticos o caso do coxo aquel que, sendo o máis rezagado dun grupo de fuxitivos roubaperas, berraba diante ós cas: “¡¡¡non corrades que é peor, que é peor...!!!”.

Coido pois que, nun mundo históricamente pragado de erros e antagonismos, temos xa suficientes motivos para acollernos provisionalmente a máis segura dialéctica da incertidume. Non fai falla ter razón neste asunto: só sentido común. Nin fai falla optar: só apartarse. Inda que teña outros inconvenientes, a redución de emisións resolvería xa por agora calquera inquietude apocalíptica.

Pero non merecería a pena falar de todas estas obviedades se non fora porque baixo delas ben puidera agazaparse unha culpabilidade puramente lóxica e inesperada. Esta é a cuestión.

Coma a maior parte dos sucesos importantes, nada máis local que o “Katrina”, o “Rita” ou o hipotético quentamento tecnolóxico da nave Terra. Sirva pois todo isto coma testemuño de simpatía e pragmática adhesión ó I Congreso galego sobre “MEDIO RURAL, AGRICULTURA Y CAMBIO CLIMÁTICO” que se celebrará nos días 28/2 e 29/ 2 deste ano bisesto. Todo un desafío, por certo.



**EL CAMBIO CLIMÁTICO Y LOS MONTES ESPAÑOLES. J.L. Allué. Cuadernos de la Sociedad Española de Ciencias Forestais. INIA. Madrid 1995.
Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES