Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En agosto, comer e beber do noso

lunes, 05 de agosto de 2019
Imaxínense, amigos lectores e lectoras, que un millón dos dous millóns setecentos mil habitantes que ten Galicia fosen asiduos consumidores de produtos galegos. E que a mesma cantidade de xente valorase nas súas opcións de compras preferenza por aqueles que se etiquetan en lingua galega. Os resultados prácticos serían evidentísimos: maior apoios ás explotacións agrícolas, e un impulso decisivo para abrirlle outros espazos de uso á lingua galega.

Ata o menos entendido en economía e políticas demográficas saben que Galicia vive mergullada nunha desfeita por mor dos desequilibrios territoriais. Ese coñecemento empírico vén dado polo contacto directo que todos temos coas nosas aldeas e pobos que están a sufrir unha desertización incesante coa sangría de enxurradas migratorias cara as cidades e vilas máis importantes de Galicia. Nelas concéntrase o 75% da poboación; todo o contrario do que acontecía nos anos setenta no que só o 25% poboación vivía nas cidades. Como se pode explicar que en catro décadas o rural galego chegase a tal estado de abandono? A literatura económica infórmanos con detalle das causas, que son múltiples; pero unha, a fundamenta, é que os gobernos desentendéronse por razóns que tamén son coñecidas, de aplicar unha acertada planificación estrutural para aproveitar os recursos naturais e facer habitable o rural.

Mais cómpre que nesta desfeita participan por omisión outros axentes sociais e políticos que descoidan o artellamento de estratexias que poñan en pé a solidariedade da Galicia atlántica coa do interior. Sen ela non pode haber cohesión social, fundamento básico para o desenvolvemento económico.

O Foro E. Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros veñen promovendo todos os anos, coincidindo coas festas do nadal e as do verán, senllas campañas publicitarias para chamar o exercicio colectivo desa solidariedade necesaria coas nosas empresas de transformación agroalimentarias.

Cómpre que neste mes de agosto os xantares familiares e os encontros culinarios cos amigos servan para modificarmos os hábitos de consumo. Non facelo así é guindar pedras no noso tellado. Canto máis potente sexa o sector agroalimentario, máis posibilidade teremos de crearmos riqueza propia e fixar poboación no rural, que é, ademais, a que mantén vivo o noso patrimonio cultural e lingüístico tan esluídos en vilas e cidades.

Por esta razón apelamos á conciencia dos galegos para que modiquen os seus hábitos de consumo e prefiran os nosos produtos, e dentro deles aos que se etiquetan no noso idioma. Etiquetados en galegos temos bos viños, licores, cervexas, vermús, xenebras, espumantes, leite, iogures, queixos, carnes, embutidos, mel, requeixón, conservas vexetais e de peixe (estas aínda poucas), chocolates, galletas, ovos, aceite, vinagres, xelados, fabas, fariña, pìzzas… Produtos todos eles elaborados por empresas radicadas no rural. E habería máis se os consumidores quixesen. Porque o seu poder é de tal magnitude que son quen de regularen a oferta e a demanda.

Non desaproveitemos estes meses de verán para constituírmonos en escola aberta de galeguismo gastronómico e apoiarmos aquilo que é noso, a economía e a lingua. O maxisterio lúdico arredor dunha mesa pode ser moi útil.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador)
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania