Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un patrón, dous alcaldes e moita censura

lunes, 05 de agosto de 2019
Un patrn, dous alcaldes e moita censura Hoxe é Nosa Señora das Neves, patroa de Maceda, onde traballei máis de 25 anos. Pero mañá... mañá é San Salvador, patrón de Baños de Molgas, onde nacín, onde me criei e onde vivirei sempre aínda que non viva alí. O San Salvador, para un servidor, xa son palabras maiores. É dicir, procesión ó canto e festa a rachar. [FOTO] Moi católico non son (quizais porque me atormentaron con tanto catolicismo), pero a procesión non a perdoo. Nunca lla perdoei. Nin tan sequera cando traballaba; ou pedía o día por asuntos propios ou... (agora que estou xubilado, podo dicilo) me “escaqueaba” tan só un chisquiño, o tempo xusto da procesión.

Quérolle moito ó Día 8 dos Milagres, pero o San Salvador... o San Salvador é o noso patrón, o día grande de Baños de Molgas, un día sagrado para a vila e creo que para os habitantes da vila. Agora que non traballo, podo botar máis tempo. Botareino. Pois aínda que xa non teño casa alá, eu mesmo me invito á dos irmáns, se é que antes non me invitan eles. Non creo que se me neguen.

Non hai moito chamámoslle tolo ou chalado a Abel Caballero, e deixamos escapar moita risa e moita crítica polo fastuoso alumado público co que nos obsequiou na época do Nadal. E agora vai e resulta que o alcalde de Santiago, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, quere seguir os pasos do vigués. Para iso xa aumentou a partida orzamentaria de 100.000 a 180.000 euros para o mesmo cometido. Aínda segue a ser ridícula en comparación coa de Vigo, que o ano pasado foi de 4 millóns e medio. Pero por algo se empeza. A risa xa empeza a converterse en tan só sorriso.

Alguén virá que bo te fará. Creo que di así o refrán. Aquí si que hai moito, moito tempo que acusabamos a Manuel Fraga das veces que metía a tesoira para censurar todo tipo de escritos ou opinións na súa época de ministro da Gobernación, é dicir, mediados dos sesenta; cando agora mesmo, na actualidade, algúns están a vir que ata poden facer bo ó Manoliño. Andan por aí certos politiquiños que se dedican a censurar as actuación de Def Con Dos e de Pedro Pastor, o fillo do gran Luis Pastor. Porque non comungan coas leis básicas do pensamento deses presuntos políticos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES