Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Feliz festa!

viernes, 02 de agosto de 2019
Os devotos das festas con historia, das celebracións especiais que afortunadamente existen en terras lucenses, témolo complicado esta primeira fin de semana de agosto, por ter que elixir xa que coinciden tres acontecementos de primeira orde.

A máis nova destas celebracións, e xa vai pola edición XXII, é o Filandón do Courel, que organiza en Folgoso o músico Xosé Luis Foxo, courelán que despois dunha longa traxectoria en Cataluña veu para Ourense para fundar e dixirir a Real Banda de Gaitas da Deputación ourensá. Este Filandón dedícase á música, canto e baile tradicionais da montaña lucense, para divulgar a grande riqueza cultural da comarca, e para render homenaxe aos máis veteranos e destacados dos seus practicantes.

Na Terra Chá, chega á súa XL edición o Festival de Pardiñas de Guitiriz, acreditado entre os primeiros do país galego, que ten conquistada á xente moza chairega e de toda Galicia, e fai que estes días sexa o balneario guitiricense de Pardiñas o centro galego da música folc, da artesanía e das artes en xeral. O Festival é creación e obra rotunda de Alfonso Blanco Torrado, activista cultural e crego, procedente do Ponteceso de Pondal, afincado na Chaira desde hai preto de medio século, do que se ten dito que sen ter bailado na súa vida ten posto a bailar a toda Galicia.

E o máis veterano dos tres, a Mostra Folclórica Internacional de Viveiro, que desde 1979, esta é a edición XLI, organiza a agrupación Bágoas da Terra que dirixe Maricarmen Chipe, e fai pasar pola praza Pastor Díaz da cidade do Landro aos máis destacados grupos folclóricos de todo o mundo.

Os afeccionados á festa cultural poden escoller, xa que logo, entre a cultura tradicional da montaña lucense no Courel, a música do mundo celta en Pardiñas ou o folclore máis exótico do Mundo en Viveiro, e eu tería por amizade e relación que estar en todas tres, todas organizadas por amigos, a todas invitado, pero por pura razón física só poderei estar nunha delas, e será na Mostra Folclórica Internacional de Viveiro, da que son presentador desde os primeiros anos 80, e van alo xa corenta anos.

Folgoso, Guitiriz ou Viveiro merecen a atención dos festeiros lucenses e galegos… Escollan cal escollan, seguro que acertarán. ¡Feliz festa!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES