Touriño, cal e area
Editorial - viernes, 18 de enero de 2008
Para os que temos de Touriño a imaxe de home cabal, pausado, politicamente correcto, o home tranquilo que a Galicia lle acae, ás veces sorpréndenos.
Encáixanos ben a súa presencia nunha rolda de prensa que anuncia que as herdanzas inferiores a cento vintecinco mil euros non pagarán imposto de sucesións, falando de que melloran os prazos en canto á atención sanitaria, proclamando en fin que Galicia vai ben nesta etapa que el a patronea á fronte dun goberno bipartito, con todas as dificultades que unha xuntanza política así comporta.
Non nos encaixa que se meta en camisas de varas de medida imprecisa para criticar que Alfonso Carrasco Rouco fose nomeado Bispo de Lugo por parte da xerarquia católica, polo feito de ser sobriño dun Cardenal.
Con esto da división de poderes, corresponderán ó estamento civil as ramas lexislativa, executiva e xudicial, pero a Deus o que é de Deus, e organice a Igrexa os seus operarios do xeito que estime máis convinte de xeito que seguen o seu trigo en tempo e forma.
Queda lonxano o tempo en que os bispos se sometían en terna á Súa Excelencia ferrolana que escollía o que tiña mellor expediente policial.
Neste caso, se acaso, escolleron o de mellor expediente académico, veciño de diocese, que fala galego, e que mentras non demostre o contrario é a grande esperanza dunha feligresía non especialmente practicante ou fervorosa pero que garda pola Institución e polas crenzas un respecto maioritario.
Entendemos que foi un erro de Touriño pronunciarse así sobre este tema. Encárguese o poder civil dos asuntos do vivere e deixe os de filosofare ou de credere para a autoridade competente, eclesiástica por suposto.
Góstanos máis o Touriño de sempre. Do mesmo xeito que nos gostará que Monseñor Alfonso non critique a Touriño cando cambie algún Conselleiro.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora