Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A cultura do liño no Concello de Vilalba, Lugo (4)

jueves, 29 de agosto de 2019
5. O Ripado
Os mozos son encargados desta tarefa, na que poden intervir tamén mulleres, se non hai suficientes homes. Para o ripado levanse os feixes ás airas e alí desatanos. A continuación, sepárase a bagaña do liño co ripo ou ripanzo, especie de peite vertical, de madeira de castiñeiro, provisto de dentes serrados e longos, e disposto no medio dun banco de catro patas. Neste aparello traballan dous mozos, sentados de cara e cunha perna por cada flanco; ámbos os dous collen os seus mangados de liño polo raiz, e bátenos alternativamente contra o peite, para que se vaia desprendendo a semente. Esta vai caendo enriba dunha colcha ou manta, que se coloca no chan baixo o ripo. Logo, mentres o liño volvese a poñer en feixes e atar da mesma maneira, que cando se trouxeron da terra ; a bagaña ponse en calquera lugar escuro para que fermente. Algún tempo despois, sácase a bagaña ó sol para que seque. O efecto da calor da lugar a que se abra o coaño e deixe caer a liñaza, que se garda para a semente do ano seguinte, logo de que quede ben limpa. Se hai excedente véndese na feira. A liñaza usábase para facer cataplasmas, que aliviaban a tos e outras doenzas ligadas coa gorxa e os xeonllos.

6. Empozar o liño
Despois de ripar o liño, transportase en feixes ao rio ou a unha poza existente no lugar. Chegados alí, vanos botando a auga e tapando cunhas ramas de bidueiro ou salgueiro, e con pedras. O liño queda na auga de 10 a 15 días, dependendo da temperatura da auga, para que podreza a casca de fora da planta pola acción microbiana. É vixiado a diario, e para saber cando está listo para ser sacado da auga, cóllese unha presa e aprétase; se queda pegada xa se pode sacar (1). Nalgunhas comunidades o tempo de empozado é menor. Por outra banda, como na maioría das localidades tanto o arrincado da planta, como a ripa e o empozado levabase a cabo no A cultura do liño no Concello de Vilalba, Lugo (4)mesmo día, era habitual que o dono da casa, onde tiveron lugar estas tarefas, dese unha cea aos que interviron nestes labores; ás veces, logo había algo de farra.

7. A seca do liño
Logo de que o liño coceu na auga, lévase en feixes a un campo o a un prado, onde se desfan e vanse espallando en carreiras ao sol, formando un tendal, no que permanece o liño ata que o sol o seque, operación que ven durando uns catro ou cinco días. Unha vez enxoito enféixase de novo e lévase para a casa, onde é gardado nun alpendre ou palleira.

8. A maza do liño
Este labor ten como finalidade estragar as partes leñosas da planta para que queden libres as febras aproveitables. Nos seus inicios o liño mallouse co mallo ou manle. Tratábase dun apero de labranza composto de dúas pezas de madeira: a mangueira ou moca, que podía ser de salgueiro, e a pértega, de carballo; ámbas as dúas estaban unidas por unhas correas de coiro (cazulas). Os malladores dispoñíanse na aira en dúas ringleiras, uns fronte aos outros e co liño no medio; cando uns baixaban o mallo os outros levantábano. Esta tarefa adoitaba facerse ao mediodía, cando máis quentaba o sol, e soía poñerse o liño coa raiz para arriba e ben apretado.

Logo, usouse un instrumento de pau curto e contundente con forma de martelo, que recibía o nome de maza ou mazuco duns 40 cm., realizado en madeira de freixo, salgueiro ou abidueiro. Para manexar a maza compría posuír unha boa resistencia, xa que pesaba moito. A operación da maza realizábase en mazadeiros ou mazadoiras, mesas de pedra, que se encontraban nas portan dalgunhas casas; tamén, na primeira lousa que se tivera a man. O mazado pódese explicar do seguinte xeito: “ o mazadeiro/a toma un mangado de liño polo extremo do mesmo e pono sobre a pedra. Daquela procede a sacudilo coa maza, poñendo atención de facelo xirar para que mace de modo uniforme por tódalas partes. Ó rematar, colle de novo o mangado polo outro extremo do brazado e repite o mesmo, ata que queda ben batallado. Entón o mangado recibe o nome de maza ou mazado, ó que lle fan nun lado unha especie de moño ou nó, quedando con el cara arriba, que quere dicir: liño mazado. Cada dúas mazas forman un par e cando a muller remata con doce pares -24 mans ou mazas-, enféixanse formando un augadoiro” (2). Nalgúnhas comunidades tamén se levaba a cabo a remaza, que consistía en repetir a tarefa da maza coa finalidade de acadar unha maior perfección no resultado. Sen embargo ás veces o liño non quedaba branco ao rematar estes labores, polo que había que empozalo de novo. Así, atado en augadoiros metíase de novo na auga catro ou cinco; logo, levábase a un campo, onde se espallaba, enxugaba mais sempre conservándoo en pares; xa enxoito, enféixabase do mesmo xeito e levábase para a casa. Ás veces, nalgunhas localidades -Rois (A Coruña)- empregouse un aparello de madeira, que movía unha persoa cos pés, namentres que outra vai poñendo presas do liño entre os dentes (3).

Nalgunhas bisbarras para mazar o liño usouse o mazote, tamén denominado trillo do liño. Era un aparello de catro patas, que levaba varias táboas transversais cun eixe común e que encaixaban unhas nas outras; a metade quedaban fixas e as outras elévabanse por medio dunha travesa cun mango. Entre elas íase colocando o liño, que se mallaba rubindo e baixando a parte móvil do aparello (4).

9. A Deluba
No outono leváse a cabo este labor despois da cea na cociña ou nun corredor da casa. Adoitan intervir mozos e mozas da mesma parroquia e das veciñas. Mentres que as mulleres teñen “un rol” activo neste labor, pola contra os homes mostran “un rol pasivo” no labor mais activo na animación da xuntanza.

A tarefa podemos resumila do seguinte xeito: unha muller desfai un augadoiro e vai repartindo un par a cada delubador. O par toma o nome de estriga. Para delubar, cóllese a estriga coas dúas mans, unha por cada extremos, e refréganse con forza, para que o liño perda a parte leñosa, que quedou logo da maza. A medida que se vai delubando unha estriga, retórceselle unha punta e ponse de pé a un lado, como se fixo cos pares na maza. Ao se axuntar dazoito estrigas, átanse formando un feixe, que agora se chama afusal. Ao rematar o traballo, os afusales gardanse case sempre nun alpendre (5).

10. A Espadela e a Tasca
A cultura do liño no Concello de Vilalba, Lugo (4)Nos últimos meses do ano realizábase a espadela. Era un labor comunitario, que tiña lugar normalmente no patio da casa ou nunha dependencia caseira. As mozas, que participaban, aportaban os seus aparellos: espadeleiros e espadelas. O espadeleiro está formado por unha táboa de castiñeiro, que amosa o bordo superior afiado, e que está espetada perpendicularmente a outra, que lle serve de apoio. A espadela, que recibe tamén o nome de “rela” nalgunhas comunidades, e un aparello que asemella a unha especie de coitelo, ancho e curto, realizado case sempre con madeira de carballo; adoitan amosar ornamentos variados como as rocas e os fusos. Para espadelar, as mulleres poñianse de xeonllos no chan co espadeleiro diante e coa espadela na man dereita. Ao memo tempo, unha muller desataba un afusal e ía dando unha estriga a cada espadeleira. Logo, esta poñia no bordo superior do espadeleiro a porción de liño -estriga- e golpeabao verticalmente coa espadela para retirar os tomentos ou febras defectuosas. Estes eran aproveitados denantes para facer saias ordinarias, cirolas dos homes ata que foron abandoados pola baixa calidade. Ao rematar este labor bailábase e cantábase no propio lugar do traballo e, tamén, contábanse contos e narracións.

Este proceso segue co tascado, que non é máis ca unha segunda espadela, aunque máis perfeccionada, realizada na casa, e sen tanto ritual como a primeira. Nalgunhas localidades e concellos, como o do Corgo, usábase únicamente “a tasca”, realizada cun intrumento moi sinxelo, denominado tascón. A nivel xeral, este estaba formado por un banco de madeira sobre o que ía espetado perpendicularmente, ben no centro ou nun dos lados, unha pequena taboa de madeira. No Corgo, ían cravadas perpendicularmente sobre o banco dúas pequenas taboas de madeiras. Neste aparello podía traballar unha moza o dúas segundo o número de taboas, que estivesen espetadas no banco. Neste concello o habitual era que dúas mozas, sentadas cunha perna por cada flanco do banco, pasasen con forza e repetidas veces as estrigas do liño sobre candanseu taboa vertical. Desta labor saía unha estopa basta, chamada tasco ou tarasco, que nalgunhas ocasións usabam para realizar os fiados dos sacos ou as cordiñas utilizadas para atar os chourizos (6). Ao rematar a tasca o liño volvía quedar gardado en afusales e estrigas.

Notas:
1. LÓPEZ PÉREZ, Ana Belén.: Ob. cit., páx. 16.
2. GIL DE BERNABÉ, Xosé Manuel.: Ob. cit., , páx. 44.
3. GIL DE BERNABÉ, Xosé Manuel.: Ob. cit., , páx. 42.
4. LORENZO, Xaquín.: Os Oficios, Vigo: Galaxia, 1983, páx. 232.
5. LORENZO, Xaquín.: Os Oficios, Vigo: Galaxia, 1983, páx. 232-233.
6. GIL DE BERNABÉ, Xosé Manuel.: Ob. cit., páx. 53.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES