Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A cultura do liño no Concello de Vilalba, Lugo (2)

jueves, 15 de agosto de 2019
II. Referencia históricas sobre o cultivo so liño

1. Xerais

Algúns pensadores aluden que a planta do liño procede de Mesopotamia ou do Cáucaso europeo, e o seu cultivo ten unha antigüidade de 5000 anos (1). Tamén faise referencia coma un cultivo idóneo para tecidos finos no Antigo Testamento. Así no Libro do Éxodo 35-6, dise; “Cada un traerá xenerosamente en ofrenda para o Señor ouro, prata, ou bronce púrpura violáceo, escarlata e carmesí, liño ou pelo de cabra”. Asi mesmo polo A cultura do liño no Concello de Vilalba, Lugo (2)centro e norde de Europa non fallan achádegos que proban a existencia no neolítico de tecidos de liño, lá e algúns outros, así como o uso de determiñados aparellos semellantes aos de hoxe para a súa elaboración (2). Sen embargo vai ser Exipto hai uns 3000 anos onde o liño floreceu como unha industria artesanal reflectida nas pinturas conservadas nos túmulos dos faraóns da XII dinastía. Posteriormente os fenicios, celtas, gregos e romanos laboran este cultivo para a fabricación de vestidos, velas e redes, sendo Roma quen difunde o seu cultivo polo Imperio. Con respecto á Peninsula Ibérica ésta documentado que este cultivo e a súa utilización vén dende os tempos prehistóricos; así atópanse restos do ano 2500 a.C. en Almería, e do ano 2000 a.C. no Algarve (Portugal) (3). Na Europa medieval o liño é o tecido máis usado, sendo importante a súa presencia na parte occidental do noso continente. Logo, a finais do século XVIII, a Revolución Industrial posibitou que este cultivo tivese un desenvolvemento importante, que dura ata mediados do século XIX. Neste momento comezan a xurdir as plantacións de algodón, que motivan que o cultivo do liño vaia tendo unha baixada considerable na súa producción. Esta merma do liño débese a que o algodón é unha planta barata, de moita fibra, que demanda escasa atención e, polo tanto, pouca man de obra (4).

2. Referencias en Galicia
Nesta comunidade é mester agardar á cultura castrexa para encontrar testemuñas directas, que nos autoricen enxergar certas sinais que poida reflectir o labor textil, que se levaba a cabo na Galiza protohistórica. Así, tanto Estrabón como Plinio -pensadores romanos- fan mención aos tecidos galegos, como o liño dos Zoelas, que, logo, os romanos ían usar para a súa indumentaria de caza. Ademais destas testemuñas cómpre tamén lembrar algúns achádegos, como fusaiolas, agullas, fíbulas, pesos de tear, atopados nos castros, e que nos permiten establecer algunha ligazón cunha incipiente industria textil proxectada preferentemente a realizar roupas de liño para o verán e de lá para o inverno, algo moi habitual ata non hai moitos anos. É patente que o emprego textil do liño e o seu desenvolvemento deuse a partir da época romana como queda reflectido na valiosa terminoloxía latina ligada ao mencionado cultivo. Así, termos como Liñar, Liñardelo, Liñarega, Liñares, Liñariño, Liñaza, Liñeira, Liñeiro, etc... fan posible a evidencia de tal feito.

Na Idade Media hai un predominio do liño, que da lugar a creación de oficios e gremios, que van a ser o xerme dunha influente ocupación artesá, potenciando neste intre un importante desenvolvemento económico e unha conexión comunitaria. Nesta época hai numerosas referencias ao liño e a súa actividade tanto en textos oficiais como particulares, citas curiosas transcritas en vendas, testamentos e foros, o que revela a súa importancia na vida rural e popular. Un bo número de rendas e prestacións pagábanse en liño nesta época e , tamén, nos séculos posteriores.

A principios do século XVIII o cultivo desta planta constitue, nunha Galicia superpoboada e cunha parcelación difusa, a principal actividade económica do medio rural, empregándose as fincas máis selectas para os plantíos liñeiros. É mester resaltar neste desenvolvemento o traballo da muller que ademais de axudar ao home nos A cultura do liño no Concello de Vilalba, Lugo (2)traballos do campo máis livianos, leva a cabo as tarefas do fogar, cuida dos animais domésticos, cultiva as hortas, e nas pausas que lle deixan estes traballos adicase ao labor do liño. Polo tanto non resulta extraño pensar que das súas mans saian elaboradas mantas, colchas, lenzos de cama, mantelos, saias, medias, que posibilitan unha disponibilidade pecuniaria no marco familiar para mercar as provisións necesarias para o seu sostén. Nos rexistros referentes a finais do século XVIII e inicios do XIX, a única exportación organizada na cidade de Lugo e a dos lenzos, e que o número de teares relacionados corresponde co das vivendas. Sen embargo xa a mediados desta centuria as condicións xa non son nada favorables para o liño, que debía ser traído doutras rexións e mesmo do extranxeiro a altos costos, por culpa da disminución paulatina dos sementados. En consecuencia e malia que o liño que produce o Reino de Galicia é coñecido por ser un dos máis especiais de Europa ao remate desta centuria e comezos da seguinte vaise producindo unha recesión da administración liñeira. O cultivo do liño resulta traballoso e caro, é dicir, procésase en formas propias dunha organización económica precapitalista, o que da lugar a que a máquina moderna saia triunfante e agás en situacións moi concretas a industria caseira dos tecidos vaia desaparecendo. Ademais a decadencia deste cultivo ven agravada pola importanción do algodón, fibra máis barata o que provoca unha entrada importante.

No século XX houbo recuperacións momentáneas do liño. A primeira foi logo da 1ª Guerra Mundial debido ao alto prezo das teas industriais, ainda que o retroceso do liño era xa tan intenso que resultou difícil atopar liñaza para sementar (5). A Guerra Civil e a 2ª Guerra Mundial tamén obrigaron a recuperalo ata o lustro 1950- 55 finando a partir do ano 1960 debido a rápida expansión das fibras artificiais. De todos os xeitos na década dos setenta aínda botan algo por costume en Vilarmeao, Requeixo e Ramil, na serra de Covelo (Ourense). Por outra banda o movemento dos teares segue en lugares da Coruña e Pontevedra e, especialmente, nas terras luguesas de A Fonsagrada máis xa cunha ambición case de autoconsumo. Asi mesmo é mester salientar a arte popular exercida na Costa da Morte (Camariñas), gracias ás palilleiras, que executaron os encaixes de liño. Nos últimos lustros cómpre sinalar as experiencias de asociacións como a das mulleres de San Bartolomeu de Insua (Vilalba), que tentan proxectar ao exterior o desenvolvemento deste cultivo, para que as novas xeracións saiban non só como era a súa dinámica, senón tamén o esforzo, que levaba, ata acadar o producto. Tamén, e mester mencionar a algúns museos, que teñen entre as súas referencias ao liño. Así podemos mencionar ao museo de San Paio de Narla (Friol), ao da Fonsagrada, ao do Saviñao, e, como non, ao micromuseo de Anseán (O Corgo), que xorde como froito dunhas xornadas sobre o liño, organizadas pola Asociación Arumes de O Corgo, a finais da década anterior.

NOTAS:
1. GIL DE BERNABÉ, Xosé Manuel.: O Liño, Vigo: Ir Indo, 1992, páx. 20.
2. LORENZO, Xaquín.: Os Oficios, Vigo: Galaxia, 1983, páx. 223.
3. LÓPEZ PÉREZ, Ana Belén.: Ob. cit., páx. 9.
4. GIL DE BERNABÉ, Xosé Manuel.: Ob. cit., , páx. 22.
5. MARIÑO FERRO, Xosé Ramón.: Antropoloxía de Galicia, Vigo: Xerais, 2000, páx.204.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES