As bestas na Gañidoira
Xiz, Xulio - jueves, 17 de enero de 2008
Na Gañidoira, sendo eu pequeno, os coches da feira ían tan despacio que os nenos que viaxabamos na baca baixabamos en marcha, corríamos detrás, e volviamos subir a aquel lugar incrible para viaxar.
Moito despois, xa conductor, teño atopado cabalos no medio da estrada entre a neboa, moito máis afeitos ca o sorprendido conductor a compartir aquel selvático territorio no que nós eramos forasteiros.
Supoñíase que as obras feitas nesa estrada ían marcar definitivamente territorios, reservar a estrada para os vehículos, pechar o acceso dos animais, e facer máis segura a viaxe dos que por aquí se arriscan a circular.
Tres bestas pagaron coa súa vida días pasados a incursión no asfalto, tendo que felicitarnos de que non houbese víctimas humanas. Eu teño a certeza de que a Divina Providencia vela polos que por aquí circulamos, desde a miña experiencia do pasado agosto cando as obras parece que esixían incribles desvíos case en ángulo recto.
É de lamentar a morte das bestas no corazón do seu territorio e, prevendo desgracias, alguén debe tomar nota de que, rematadas as obras desta estrada, é o momento de pensar nunha segunda fase na que se separen os mundos humano e animal por seguridade de ambos, se constrúan vías lentas para poder adiantar, se reforcen as proteccións laterais en evitación de saídas de rúa, e se poña ó día unha estrada que pode ser magnífica pero que por agora ponnos medo.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora