Fabricio Artellás, o listo
Fabricio Artellás quería ir pola beirarrúa esquerda da Valenzá, pero daba o sol. O fillo da Carracha colleu entón pola beirarrúa dereita, pola que daba a sombra. O fillo do Alacrán era listo. Porque el ben vía, ben notaba que a calor era suprema, extraordinaria. Como Fabricio sempre tivo algo de esaxerado, tamén aquí esaxerou un pouco. Díxolle a

un, a un calquera que pasaba polo seu lado, que, á sombra, habería polo menos uns 42 graos. Cando na realidade, á sombra, non sei se chegariamos ós 33 graos. Certo que a calor era suprema, extraordinaria, pero estaba a levantarse un pouco de aire que daba a sensación dun alivio fresquiño. Certo tamén que o dos 33 graos foi así á ollo. Claro que esta expresión non procede moi ben para descubrir ou describir a temperatura. Creo eu (e tamén o cre Fabricio Artellás, o fillo da Carracha e do Alacrán, que nacera nun recanto dun pequeno barrio de Baños de Molgas) que a expresión á ollo é máis ben para medir ou para analizar ou para adiviñar unha distancia. Por iso é que o da temperatura ós 33 graos sería máis ben por intuición ou polo tacto da calor na pel. Non o cres así, Fabricio?. Será. Se ti o dis. Dáme a razón coma os parvos. Pero Fabricio é un tío listo. Moi listo. Percorreu toda A Valenzá pola sombra. Aínda así suaba coma un carneiro. Quizais porque a esaxeración esa dos 42 graos xa o facía suar.
Polo Arnoia abaixo
Corrín polo río abaixo e non afoguei. Porque o río estaba seco. Nunca tal se vira. Había anos en que o río Arnoia levaba moi pouquiña auga; pero sempre había algunha cando discorría pola vila de Baños de Molgas, máis en concreto, desde o balneario ata a

fonte do muíño. Pero hoxe... hoxe ía seco. Podía correr por el que non afogaba. E claro que corría. Tiña que aproveitar. Outras cousas máis raras se viran nese mesmo río. Unha vez vira, tamén polo río abaixo, correr unha troita de pé. E o domingo de Resurrección de non lembro que ano (quizais alá polo 1968) vin a Jesucristo saír do Pozo d´Agrade. Non hai quen me quite da cabeza que estaba resucitando precisamente nese momento. Ó mellor errei, pero entenderase que era moita coincidencia de Cristo. Tamén no 1975 (ano arriba, ano abaixo) botei 33 tardes seguidas choutando polos pasadoiros (nós diciamos pasaus) para cruzar o Arnoia para o monte de Pinouzos, xusto onde hoxe está a ponte da estrada que nos leva a Foncuberta ou á Chaira ou á Lagoa de Almoite. A Pinouzos ía coas vacas para o monte. Mais era raro ir 33 tardes seguidas para o mesmo lugar. Ás veces ía para As Costelas, ou para O Lameiro Longo, ou incluso para o Medo. Aínda que, para este, iamos máis polas mañás. Pois desde a ponte de Pinouzos botei a correr polo Arnoia abaixo e non afoguei. Porque estaba seco.