Voan os chicharriños de Viveiro
Timiraos, Ricardo - martes, 30 de julio de 2019
A Mari Carmen Chipe e o seu formidable equipo de Bágoas da Terra con fondosa gratitude. O amigo Xulio Xiz, dirixe a festa.
O Landro, paseniño, vai cantando e carretando as bágoas do inverno. Leva, acougadas nas frores da ribeira, almas de xentes que fuxiron e penas dos calados que esmorecen nise mar que todo o perdoa. Camiña na procura dun mar namorado, pai dos chicharriños. Un mar afeito ó fero traballo e pan duro. Un mar de bicos no areal de Covas.
E na Praza de Viveiro D. Nicomedes viste as galas de festa e sol. Acó Lorenzo só ven de vacacións, así que cómpre aproveita-la xenerosidade e disfrutar disa gaita que suspira, dises mozos que troulean e erguen os seus pés como ás das geivotas. E de gueivotas nós entendemos. Ata falamos con ilas. Falar, falamos. O caso é que escoiten os ladridos dos cas.
Hoxe é a Mostra. Así sen máis. E iso non queda nunha postal que esmorece en papel amarelo; nin unha Santa Compaña na que só se ven pantasmas; nin siquiera un cadro multicolor con sabor a tango. Non, a Mostra é un fermoso poema de amor escrito polas xentes do pobos do mundo a iste noso Pobo. E cómpre ser agradecido coa máis fermosa xenerosidade. Para iles bicos brancos de sabor a mel.
Un Landro vestido de colores, un ceo cuberto de amigos que nos ven, un ar que escoita as almas que pregan nas cancións, un vó que que racha o tempo e queda grabado na memoria dos que cremos noutro Alén. Un Alén onde bailan as volvoretas ó compás dos soños.
Viveiro hoxe estoupa en fogos artificiais e brinca ceibe para gostar da liberdade. A mellor menciña para a vida. As pernas troulean sen reparo e a música acouga a nosa alma coa mellor tenrura. Os nenos, anacos de Deus, visten de gaiteiros e rín coa leicia de non saber por qué. Felices eles e ata felices nós vivindo neles.
A xente arremuíñase. Non busques peros, nin esperes o que xa sabes. Escoita o punteo da guitarra, o harmónico son da acordeón, a voz leda da cantiga, o doido lamento da dor, o ronco zoar da voz dun home. Fíxate na finura, na elegancia, nas cariñas rebosantes de amor
escoita o ben acompasado fungar doutras xente que, coma ti, verten ledicia feita de sacrificio e loita. Repara na arte. Porque é filla da libertade e froito das persoas sensibles. Non mires para ninguén, porque o mundo está feito de miseria. Mira para o estrado porque alí está Deus traballando nun novo Paraíso sen constructores.
Mira como brincan os danzantes; como os bailarins non renuncia a voar e brincan e saltan en pulos moi xeitosos; como calcetan cos pés fermosas prendas para agarima-los corazóns da xente. Son remuiños de fe trouleando na procura dun sorriso.
E así, no medio do soar da música, co melódico acento da lingua, coa algarabía e trote dos pés, co rebulir multicor das roupas e coa simpatía dos bailarins fugit tempus -como ise fenomenal grupo musical de Viveiro- fuxe o tempo, e con il a vida, deixando en nós un gratísimo pouso coma se leramos un libro fermosísimo e multicultural que nos aluma o camiño co luar das estrelas. E para a serenidade da vida cómpre velas.
Mil grazas e moitos máis parabens.
Viveiro celebra a súa XLI Mostra Folclórica Internacional, do 1 ao 4 de Agosto de 2019.

Timiraos, Ricardo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora