Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A sinfonía inacabada de Abreu

viernes, 26 de julio de 2019
José Antonio Abreu é un dos nosos, un orgullo para todos. Creou da nada Sistema Nacional de Coros e Orquestras Infantís e Xuvenís de Venezuela. De Venezuela?. De Venezuela. Un título así de longo para unha realidade que chega máis aló do convulso país latinoamericano.

Violíns contra bolívares sucios, clarinetes e tubas fronte ás armas que envelenan o presente e matan o futuro. Un neno músico, unha rapaza tocando nunha orquestra sinfónica éche unha victoria contra a desigualdade, contra delirantes fortunas que medran estercadas de miseria. Nenas condenadas á pobreza, rapaces marcados pola violencia atoparon unha táboa de salvación na arte, na cultura. Na música. Miles de instrumentos son armas revolucionarias, millóns de partituras nos atrís son manifestos de futuro. O seu Sistema de Orquestras foi unha aposta social antes que programa cultural. Hoxe ten un futuro incerto nun país que esvara a non-país pola fuga de talentos e falta da apoios.

Cómpre recordar a José Antonio Abreu, un visionario que logrou convencernos de que os recursos investidos en música producían o cento por un en progreso humano. Tamén era economista. Sabía que a mellor arma para vencer a pobreza era un instrumento musical. E colocou miles deles nas mans da rapazada dos barrios marxinais onde Mozart chegou a ser un veciño máis. Dos once pioneiros que ensaiaban nun baixo... ata unha rede de máis de 300 conservatorios polos que foron pasando ata dous millóns de alumnos. O 85% deles eran nenos pobres, rapazas condenadas.

Cultura, música, educación para quen máis necesita educación, éche o seu legado. Porque con Abreu, a música culta, a música clásica saltou das élites exquisitas aos paisaxes da marxinación. Toda unha sinfonía liberadora chegaba aos oídos de todos para proclamar a portentosa noticia de que 'a cultura para os pobres non pode ser unha pobre cultura'. Máis tarde chegarían os recoñecementos como o Premio Príncipe de Asturias 2008. Tamén foi candidato ao Nobel concedido a outros con menos mérito.

O novidoso Sistema de Orquestras Infantís e Xuvenís saltou fronteiras: centenares de escolas de música seguen ese modelo. Nese caldo de cultivo medran xeracións de músicos novos que acaban tocando nas mellores orquestras. Nenos tocando a carón de profesoras, rapazas sentadas xunto a músicos adultos. Aprendendo xuntos, como aquí en Galicia, terra de músicos. Nas nosas bandas conviven os que empezan cos que saben. Aprenden a sentir orgullo de tocar ben, de facer algo grande, tanto que merece recoñecemento e aplauso.

O infatigable Abreu xamais quixo vacacións. Ao fin, colleunas todas xuntas. Sentado no seu palco, a carón da morte, está a escoitar a súa obra, unha inmorrente sinfonía felizmente inacabada.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES