Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xocas e os Coelerni

jueves, 25 de julio de 2019
Obrigas cotiáns que temos as persoas e que converten os nosos días con respecto ós das outras persoas en mundos completamente paralelos, non me permitiron estar nantronte pola mañá en Facós, nin logo pola tarde na sala dos baixos da Deputación, onde tiveron lugar dous merecidos actos de lembranza e homenaxe a Xaquín Lorenzo "Xocas", o etnógrafo de Lobeira que tanto fixo para que as sociedades do futuro poidan saberen como eran os xeitos de vida, na aldea, dos nosos devanceiros.

Vaia, pois, esta columna como desculpa por non cumprir con quen me remitiu con toda xenerosidade o correspondente convite e como achega persoal á devandita xornada de lembranza.

Para elo, permítame, benquerido lector, facerme eco dunha pequena anécdota que é ben posible que xa a teña escrito algunha outra vez, nesta columna ou en calquera outro espazo, pero que estou seguro de que lle resultará completamente descoñecida, incluso para a inmensa maioría dos veciños da miña vila, descendentes directos dos coelerni, que quentaron o caldo nos pequenos lares de Castromao cando os invernos eran verdadeiramente invernos.

Direille, primeiramente, que don Xaquín era un experto coñecedor do xacemento arqueolóxico de Castromao, de onde, xunto con Ferro Couselo e outros ilustres investigadores ourensáns exhumou moitos e importantes vestixios documentais dos que os celanovenses nos sentimos certamente orgullosos malia que en moitos casos nin sequera os coñezamos.

Un dos principais é a coñecida como "Tábula de Castromao", que ben coñece o arqueólogo Eduardo Breogán Nieto e que se trata dunha placa de bronce gravada no século II (é dicir, hai case 1.800 anos), onde cunha perfecta escritura latina se di que os nosos "tátara-tátara-tataravós" acordaron asinar un pacto de hospitalidade cun alto mando militar romano dos que andaban de conquista por aquí.

Don Xaquín dixo sempre que unha reproducción daquel documento debería pendurar de forma permanente na fachada do mosteiro porque era a nosa carta de natureza e non había moitos pobos no mundo que contasen cun documento de identidade tal e tan ben conservado. Pronunciouno nun discurso cando recibiu o premio "Celanova, Casa dos Poetas", non lembro agora o ano, e deixouno por escrito en máis dunha publicación.

Logo do seu falecemento, hai agora 30 anos, a algún quedounos gravada na memoria a súa proposta e quixemos cumprir co seu desexo, pero iso que chaman de xeito impersoal "Patrimonio" decidiu que a fachada monacal non era o seu mellor sito, polo que finalmente procuróuselle un digno asento na "Praza das Pitas", onde aínda se atopa hoxe en día para xeral coñecemento de que á miña vila non lle resulta allea “unha de romanos”.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES