Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Isaac Díaz Pardo e o Patrimonio Cultural Galego

martes, 15 de enero de 2008
Polo común entendemos por patrimonio, o conxunto de bens que herdamos ou que podemos deixar como herdanza. Isaac Díaz Pardo é un home que, non só conservou muito dos bens que partillamos a xente da Galiza, más tamén colaborou a incrementar eses bens.

A imaxe que temos de nós mesmos como povo diferenciado e como colectividade é construida a partir da paisaxe como medio natural e da estética e das formas que construímos cos instrumentos da nosa cultura.   

O Laboratorio de Formas de Sargadelos foi a idea revolucionaria nada da mente de Seoane e de Isaac coa que a modernidade expresou a estética de Galiza. Nelas sentímonos identificadas/os a maioria das/os galegas/os. Destrás da estética está sempre a ética que a inspira.

Tras as Formas do Laboratorio está a ética do compromiso e da fé nun povo, e non só a crenza de que o povo, en xeral, ten o direito a expresarse libre e digno. De que a arte é dinamismo e liberdade e tamén identidade.

O Laboratorio de Formas de Sargadelos transformou as terras en creación humana. O mellor barro, os caolíns de Burela nados do fogo da terra, mútanse en pezas fermosas identitarias e cun valor acrescentado muitas veces maior ao da mineiría estractiva que tantos estragos está a facer na Galiza. A partir deses caolíns un inúmero grupo de persoas traballan, crían, venden ou compran acrescentado a riqueza do País para alen de dar forma a nosa identidade.

O grande éxito de Isaac foi encontrar o nicho ecolóxico-empresarial que combinase a industria coa ética, a riqueza e a cultura. Que grande diferenza coas explotacións mineiras que só procuran o carto rápido estragando ríos, desfacendo montañas, desrespeitando a saúde dos operarios e da Terra (louseiras do Courel o Valdeorras, cuarcitas do Pico Sacro, minas de Rio Torto, etc...).

Diaz Pardo conseguiu facer unha empresa cultural complexa que vai mais aló das cerámicas, pois a editorial do Castro, comprando a imprenta Moret da Coruña aceptou o compromiso de imprimir, sempre co selo da estética identitaria o máis amplo abano da cultura: Xeoloxía, Etnografía, Natureza, criazón literaria, e a súa maior empresa: A Recuperación da Memoria Histórica da Galiza.

A restituzón da honra aos dehonrrados da guerra incivil do 36. Este home tomou sobre sí a responsabilidade de toda unha nazón, dirixindo unha empresa cultural privada, que tería que ser responsabilidade dun Ministerio ou dunha Consellaría.

Rescatou o noso Patrimonio do esquecemento e colaborou có seu dinamismo e criatividade axudandoo a andar cara ó futuro. Nun tempo de fame de cultura e liberdade tivo a valentía de pór en andamento unha idea orixinal, pondo ao servizo da sociedade todo o seu saber en arte e en industria.

Eu non sei se noutras nazóns hai un exemplo semellante. Eu non o coñezo. Aqui foi algo extraordinario. Isaac Díaz Pardo fainos sentir orgullo de sermos desta Terra e deste Tempo que partillamos con él.

Ouvin dicir que o día 23 de xaneiro reúnese un Consello de Administración  das Empresas do Castro e Sargadelos na que intentan votalo fora totalmente delas. Como galega non deixo de preguntarme: que vai ser do Museo Carlos Maside, da Editorial do Castro, do Laboratorio de Formas... quen se vai lembrar que o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, legado de Isidro Parga Pondal fora acollido no Castro cando non había na Galiza quen garantise a sua protección; que vai ser da estética e da ética empresarial e, en fin, como podemos dar testemuña do noso agradecemento a tal persoa que imaxinou un mundo fermoso e harmónico e que foi quen de mantelo por máis de 30 anos.

Que sempre estivo na primeira liña de defensa de Galiza escoitando e axudando en todo canto proxecto cultural se lle propuxo. Agora a barbarie do mercantilismo quere dar cabo dese mundo. Os responsables de tal feitoría deberían ser conscientes de estar a matar a galiña dos ovos de ouro. Se ainda non o son, o tempo llo demostrará, e pasaráselles factura pola desfeita que propiciaron.
Figueroa Panisse, Adela
Figueroa Panisse, Adela


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES