Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A lúa

lunes, 22 de julio de 2019
Aínda que queira non podo falar do Goberno porque, no momento de escribir este Recuncho, aínda non hai nada de nada. Semella que, ó final, si se vai formar; pero ó mellor aínda os flocos e contraflocos dos pactos mandan todo ó garete. Así é que vou falar de algo que non me traizoa nunca. Porque cada vez que miro para ela, a moi condenada sorrí e chíscame un ollo.

A lúa. Estes días hai celebracións, comentarios, artigos, documentais, anécdotas e estudos a darlle cun sacho. Porque está de aniversario. Hai 50 anos que uns americanos puxeron o pé nela. Estes pensan que a conquistaron. Pobres! Cando na realidade é unha cousiña aí tan ben posta, que é ela a que nos conquista a nós desde que o mundo e mundo. A lúa é moito máis que unha conquista, que un descubrimento. Quen non mira para ela e, a maioría das veces, queda extasiado, ou soña, ou lle compón versos, ou lle enfoca unha cámara. Cantas películas pode haber sen que en algunha escena non saia a nosa amiga? Penso que ata se poderían contar cos dedos das mans.

A lúa atrae, a lúa fascina, a lúa hipnotiza, a lúa abraia, a lúa ensínanos a súa cara en catro fases; por se non posa ben dunha maneira, seguro que cando está na fase chea, aí xa racha con todos os sentimentos. A lúa inflúe nas mareas. Certo. Pero tamén a lúa é un mito: que se hai que sementar en tal fase, que se hai que recoller en tal outra, que se hai que parir en cuarto minguante, que é mellor non embotellar en cuarto crecente. Ela, pobre, non di nada. Ela tan só está aí para que a contemplemos. E gocemos.

Gozar non podemos gozar coas perspectivas de futuro de Ourense. Porque o mercado laboral segue expulsando traballadores fóra da provincia, segundo dicía o sábado este xornal. Estamos acabadiños; sen traballo, sen poboacións, sen nada. Dixen sempre que eramos e somos o ollo do cu. Menos mal que xa temos aí o ano 2021, no que, a Xunta, di que, grazas ó Xacobeo, crearemos o demo (ou o Santiago) de postos de traballo. Un maná! Pero, claro, ata o 2021 estaremos a velas vir, a ver como caen os pans cocidos do ceo. Se caen. Como a lúa non nos mande algo...
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES