Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O derradeiro

sábado, 20 de julio de 2019
Pendura estas semanas nunha sala de exposicións da miña vila, que noutrora foi almacén de sal, local da fronte de xuventudes, cuarteliño da policía municipal, biblioteca e non sei cantas outras cousas, unha exposición fotográfica que convida ó visitante a ser ollada paseniño porque, sobre todo, tan pronto un se adentra na sala de súpeto convoca en comandita ós pensamentos.

É, o seu autor, fotógrafo experimentado por máis que non fose a fotografía o seu medio de vida, senón un xeito de expresión colateral de todo canto ó longo da súa vida ten ido vendo, tanto en paisaxes alleos coma na ollada máis próxima, xusto na cal se centra esta na que agora reparo.

Chámase Carlos Teijeiro o fotógrafo e titúlase "Esquecementos" a mostra, montada en pequeno formato e coa técnica da fotografía analóxica (volverán os tempos, coma as anduriñas) en branco e negro, máis dada -tal vez porque o onírico o mentemos en branco e negro- ó evocativo cá técnica dixital que agora nos posúe.


Por que traio a esta columna unha exposición fotográfica aparentemente local e, como dixen ó principio, montada en formato pequeno? Podería estar preguntando vostede agora mesmo.

Pois ben, explicareillo.

"Esquecementos" é o producto dunha chea de anos de paseos de Carlos Teijeiro polas aldeas do municipio de Ramirás á procura do silencio. Pero non dun silencio xordo e profundo que pode provocar nas criaturas medo, senón dun silencio graficamente expresivo, en tres dimensións e parado de súpeto no tempo.

Teijeiro procurou casas deshabitadas e dentro desas casas tratou de convocar ás pantasmas que quedaron morando alí dentro cando pechou a porta o derradeiro. Pantasmas en forma de mesas empoeiradas, cadeiras desvencelladas, baúis pechados e ó mesmo tempo abertos, baleirados ou ateigados de vellos documentos, reloxos detidos quen sabe en que momento... Pantasmas que so fan preguntas que, como acabo de escribir, só teñen como protagonista ó derradeiro. O derradeiro que durmiu naquela cama. O derradeiro que arrincou a folla do calendario. O derradeiro que lle deu corda ó espertador que xa non se esperta nin a el mesmo. O derradeiro que leu aquela carta escrita ó outro lado do océano...

Teijeiro esculcou, entrou e con todo o respecto co que pode ollar un escenario a cámara dun excelente fotógrafo, pediu permiso para que aquelas fotografías en tres dimensións ameazadas polo paso do tempo puidesen ser fixadas a través do nitrato de prata, convertendo cada unha delas nunha monumental homenaxe ó "derradeiro".

Se ten vagar e gusta de contemplar imaxes que desencadean preguntas, dea un paseo pola praza maior da miña vila. Seguro que algunha halle ser contestada por algún “derradeiro”.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES