Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

viernes, 19 de julio de 2019
Estamos afeitos

Xa estamos tan afeitos ós naufraxios das pateras que empezamos a pasar un pouco das noticias, das pequenas novas que saen nos xornais, porque, tamén é verdade, que cada vez ocupan menos espazo, menos liñas nas súas páxinas. Por exemplo, hai xa algúns días, en Túnez, naufragou unha patera con 81 desaparecidos e, nada, un pequeno recantiño nunha páxina dos periódicos. Se o naufraxio fose nun país “civilizado”, todos os medios de comunicación estarían analizando os por ques, os prós e as contras, a altura das olas, a madeira da patera ou a elasticidade do bote, a circunferencia do flotador, as millas que levaban percorridas e as millas ou metros que faltaban para arribar ó seu destino. Así mesmo, usarían algunha páxina máis ou algún Pingas de Orballoinformativo extra para distribuír ós ocupantes da patera en xénero, idade e circunstancias, para rematar, iso si, cunhas biografías exhaustivas de todos os afogados. Para concluír, por suposto, nunha calamidade chea de mala sorte. Mentres que, a realidade, amosábanos tan só un número exacto: 81 e o demais, que máis dá, eran simples inmigrantes que que carallo ían buscar a outros países. Estamos tan afeitos que nos volvemos inmunes antes as calamidades da nosa existencia. E hai moitas. Pero quen as padecen son os demais, os inadaptados, os negros, os mouros, os inferiores, os baldroeiros.

Polos lameiros da...

Quero botar a correr polos lameiros da misericordia, pero non consigo moverme do sitio. Non me sinto áxil, non me noto lixeiro. Quizais porque un asubío, un simple asubío trastornou todos os meus pensamentos. Ás veces, a sinxeleza vólvese criminal, destrutiva, algo non esperado. Pero é igual; hai que seguir para adiante. Aínda que custe botar a correr polos lameiros da conmiseración. Sei que en minutos, ou incluso en segundos, correrei coma un galgo polos camiños da esperanza. Porque todo pasa e todo cambia. Como cambian as tornas cando o si se volve non, ou viceversa; cando o sorriso está preñado de romanticismo e se volve bagulla chea de dor, ou ó revés. Quero botar a correr polos lameiros da incomprensión. Non sempre o verso do poema se le como foi escrito, nin a noite calma os nervios dos soños. Quen máis quen menos opta pola ilusión dunha eternidade sentada nunha vida sosegada, nunha vida chea de palpitacións por un desexo que foi, que é, e, por que non?, que será. Quero botar a correr polos lameiros da inxenuidade. Sempre hai esperanza aínda que os atrancos sexan enormes, case insuperables. Pero aí está a esperanza, no “case”. Todo consiste en pegar un brinco e pasar ó outro lado. Se no primeiro intento non vai, berramos, berramos moi forte e seguimos choutando. Ou rebentamos ou pasamos. Pero ningún lameiro me fará recuar.

Turismo Cinematográfico

Pingas de OrballoXa o dicía Rubén Blades: “a vida dáche sorpresas...”. Levei unha grande hai poucos días en San Leonardo de Yagüe, na provincia de Soria, cando dando un paseo coa muller, e de casualidade, atopeime coa estación do ferrocarril desa localidade e cuns paneis publicitarios que me deixaron pampo. Tanto que non me explico como, logo de buscar datos e máis datos sobre ese municipio para pasar uns días de vacacións, non atopei nada relacionado coa rodaxe da película “Doctor Zhivago”. Porque eses paneis explicaban que nesa estación (agora pechada e coa vía do tren convertida en paseo) e nos piñeirais próximos rodáronse escenas do filme de David Lean. A gran anécdota estaba en que, logo de fartarse de esperar no inverno a que nevase sobre Soria (había que simular que se estaba en Rusia) e non facéndoo, non lles quedou outra que rodar no mes de xuño, polo que a Omar Sharif tiñan que limparlle o suor cada dous por tres, xa que, o pobre, andaba máis que abrigado e a calor era moita. Un afeccionado fotógrafo da localidade deixou constancia desa rodaxe na que, por suposto, participaron moitos veciños, que compartiron espazo e tempo co gran Omar Sharif e coa fermosísima Julie Christie. Pero sigo sen entender por que o concello non se aproveita desa ocasión. Hai moita xente que se dedica só a iso, ó turismo cinematográfico: a ir polos lugares nos que se rodan películas.

A almofada verde

Pouso a cabeza sobre unha almofada verde e contemplo o azul do ceo. Dun ceo con tres ou catro nubes que se deslizan cara ó sur na busca dunha eternidade que non ten fin. Penso na claridade do día cando está a piques de asomar o luscofusco dunha conciencia diaria, ou semanal. Non a calquera hora hai ceos que debuxan un conto mentres intento vencer o sono. Agora cada quen que pense o que queira sobre o refulxir das estrelas. Soergo un chisco a cabeza e deixo que a almofada verde se inche para, nuns segundos, deixar caer de novo esta miña intelixencia que, por suposto, é efémera. Tan efémera que non sei como fuxir do cometa que levo dentro. Quero agarrarme á cola deste pero a distancia é tan enorme, tan inxente que deixo que se perda tras a miña ollada. Unha ollada que se enche de auga porque a melancolía é o pracer de estar triste. Non estou triste. Pero tampouco estou para botar as campás a voar. Por iso deixo a cabeza sobre a almofada verde, pecho os ollos e o “Bolero” de Ravel lévame polo espazo sideral seguindo o ronsel do cometa. Soño co bater de ás dunha rula gris e sinto que a vida corre ás présas. Aínda que, de cando en vez, acougo sobre o seu niño e noto como a felicidade infla a almofada verde para que a miña melancolía empreñe de ledicia, de amor e de consolo. Que máis quero!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES