As voces polifónicas da cidade
Pinto Antón, J.A. - viernes, 19 de julio de 2019
Lugo é cidade con espléndida pegada romana, medieval e moderna. Unha polifonía de historia dúas veces milenaria.
Non somos moi proclives a dirixir o ollo mediático ao mellor de nós mesmos: hai acontecimentos que pasan desapercibidos. Unha pena. Ocurríu o sábado pasado coa II Noite Coral: 'As Voces da Cidade'. Catro corais uníronse para inundar de polifonía as pedras románicas, góticas, renacentistas, barrocas e neoclásicas da catedral.
O Gruppo Vocale San Bernardo, Orfeón Lucense, Sólo Voces e a Coral do Hospital de Lugo, co organista Matteo Marelli e os trombóns do Mascoulisse Quartet, conformaron unha sorte de demiurgo, artistas creadores, artesáns dun calidoscopio de voces polifónicas.
O dicionario di que polifonía é palabra que vén do grego: moitos sons. Combina sons simultáneos en que cada un expresa a súa idea musical e forma cos demais un todo harmónico. Os expertos explican que o XVI foi o século de ouro deste tipo de música que acadou o máis alto cumio de beleza.
Así foi nunha xornada de música polifónica que convocou en varios escenarios da cidade a moita xente, aínda que pasara inadvertida para a maioría. Na apoteose final, na catedral, as catro corais baixo a batuta de Giulio Mercati interpretaron 'Sapientiam omnium' de Jacob Handl, 'Super flumina Babylonis' de Luca Marenzio e 'Tota pulchra es, amica mea' de Hieronymus Praetorius. A gran beleza, a polifonía, a música culta ten unha vocación fondamente popular e non elitista: non pode ser couto dun club de exquisitos. A música é arte democrática que nos fai mellores.
Aquí estamos acostumados a outro tipo de polifonía onde o ruído substitúe aos sons e a furia borra a beleza nos pentagramas sociais e políticos da sociedade. Máis aló do chiste, non é verdade que estemos obrigados a consumir lixo porque millóns de moscas non poden estar equivocadas. Hai unha responsabilidade social e política de educar á cidadanía. Ou de deseducala. Cadeas televisivas dedicando a programación á urea e á caspa. Tertulias de pólvora e queroseno. Horas infinitas con personaxes cativos do deporte e a farándula. Ofertas mediáticas que xibarizan a cultura e condenan a vivir nun ecosistema intelectualmente tóxico. Silencios informativos.
Hai claro, outra cidade, outro país, outra sociedade que aposta pola excelencia e a cultura, o traballo invisible e teimudo, aínda que mediáticamente sexa invisible. Tamén os medios teñen responsabilidade educativa.
Aquí, en Lugo, o sábado, a mellor polifonía do s. XVI fixo tremer as pedras venerables. E sementou emoción en tantas, tantos que asistiron ao portentoso milagre de beleza. Nace da inspiración dos autores e decanta co traballo durísimo de mulleres e homes, de músicos que regalaron á cidade a polifonía dunha fermosa noite coral.

Pinto Antón, J.A.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora