Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Non xenerosidade: Responsabilidade

viernes, 19 de julio de 2019
Os nosos políticos fan un uso dos termos que non se pode perder de vista, porque afogan as denotacións semánticas dos mesmos no barullo das connotacións, que máis ou menos conscientemente, lles interesa en cada ocasión, e deste modo despachan xenerosidade alí onde teñen responsabilidade, deber, obrigación. Por isto non se perde o tempo na explicación de certos termos, aínda que as mans alleas nas prácticas filolóxicas teñan que realizar algunha consulta.

Se nos tomamos a molestia de recorrer aos filólogos, ás fontes nas que eles deixan o resultado das súas investigacións, como é o caso da Wikipedia, podemos ler que o termo XENEROSIDADE ten o seu significado orixinario na nobreza herdada dos maiores, e ata o século XVIII o adxectivo “xeneroso” utilizábase para cualificar ao individuo nobre e valente. E fundamentan esta semántica etimolóxica en que o termo XEN estaba relacionado co nacemento, familia, “xente”, etc.; pero tamén con XENUÍNO. Parece que despois empezou a ter o sentido de hoxe, o que ofrece o DRAE, “dadivoso”, “franco”, “liberal”, en primeira acepción.

En latín, a semántica de GENUS confirma os sentidos sinalados, cos significados de raza, familia, orixe,…, xénero, especie…, maneira, modo. Xa Cicerón escribiu o seguinte: ID GENUS HOMINIS, GENUS HOC HOMINUM, EJUS GENERIS HOMINES (=xentes desta especie, de este carácter, calidade e condición) – Dic. Etimológico Latino-Español, Raimundo de Miguel -. Segundo parece, este “genus” ven do indoeuropeo GEN, dar a luz, parir… Pero en todo caso, hai que contextualizar o termo, posto que o que é nunha cultura cortesía, pode ser noutra xenerosidade. Tamén existen investigadores, que se ocupan desta temática, que afirman que sobre a xenerosidade prevalece a AVARICIA, e resaltan que na xenerosidade nunca se espera algo a cambio (nin tan sequera un ministerio…!).

A RESPONSABILIDADE, require resposta, e, como di o DRAE, implica a obrigación de responder por algo ou por alguén: Ser responsable, cando menos en política, non comporta só responder as inquietudes propias dun mesmo ou do seu partido, senón, principalmente, non abandonar as alleas e, sobre todo, as de interese estatal, porque así se saíu á palestra pública electoral ofrecendo respostas aos cidadáns para que o elixiran e confirmaran como REPRESENTANTE deles na gobernabilidade do país, e, con este fin, o político que ostenta representación non debe descoidar, con actitudes pasivas ou de indiferenza, e negarse a colaborar na corrección de anomalías. Non pode ignorar ou esquecer que toda responsabilidade vai unida estreitamente aos deberes, e, por conseguinte, ENTRAÑA COMPROMISO, que é unha obriga implícita ou explicitamente contraída.

Pero en España, ademais dos problemas habituais, as pulsións da PARTITOCRACIA encárganse de agravalos, e parece que non acabamos de decatarnos de que ven a ser a mesma deformación da democracia. Nela priman os intereses dos partidos, que funcionan dunha férrea e disimulada forma oligárquica, como o evidencia esa contumaz práctica de distanciamento cos afiliados e votantes, a menos que dun modo audazmente estratéxico, utilizando os medios dixitais de comunicación, o líder se propoña que lle confirmen estrañas decisións do seu comité oligárquico, encargado de interpretar os contidos ideolóxicos, a veces, segundo persoalmente a el mellor lle conveña, ata incluso esvaecelos, esquecendo a auténtica relación representativa.

Permítanme que lles insista un pouco máis sobre a REPRESENTATIVIDADE, porque mercé a ela a sociedade civil debera de sentirse reproducida no Parlamento, mediante os representantes elixidos na mesma. E sobre todo se esa representatividade se garante nun sistema de goberno no que se defenda a relación: unha persoa, un voto. Precisamente por isto, nin os sistemas parlamentarios, nin as leis electorais, proporcionais, son realmente representativos, como é o caso da aplicación da regra de Hondt. E así o cren algúns estudosos desta temática, afirmando que a mellor representatividade está regulada por aquelas leis electorais uninominais por distritos. En referencia a nosa democracia, leo – da Transparencia internacional a cargo do proxecto ENIS, financiado pola Comisión Europea – o seguinte, na miña tradución ao galego: “No marco institucional da democracia española prima a procura da gobernabilidade sobre a garantía da representatividade, aínda que, NA PRÁCTICA, ISO NON GARANTE QUE OS GOBERNOS SEXAN EFICACES”. Non obstante, nin este marco se respecta.

Tomando o anterior como presupostos, non parece que os líderes políticos, neste mercado de ofertas e contra–ofertas, á solicitude do Sr. Presidente do Goberno en funcións, para acadar o número suficiente de votos necesarios na súa investidura, deban falar de xenerosidade, sobre todo tendo en conta, en todos eles, o empeño que poñen en obter as mellores “contra–prestacións” para cada partido, en formulacións de defensa do interese xeral, de recheo e coador electoral.

A virtude da auténtica xenerosidade non anda por estas leiras e da hipócrita faise un uso indebido. Polo menos no ámbito político, como o evidenciou a ESTRAÑEZA que causou o ex-Presidente de Francia, hoxe concelleiro no concello de Barcelona, cando deu un exemplo de xenerosidade, cedendo, a cambio de nada, os seus votos á Sra. Colau, a favor da unidade de España, aínda que, en certo modo, habería que falar que, aínda así, fíxoo en previsión dunha virtual contra–prestación excelente, impartindo unha lección de ALTA RESPONSABILIDADE E PRAXIS POLÍTICA, que sobrevoa aos nosos neófitos como algo estraño: Mareos do sentimento de auto–suficiencia!.

Sen dúbida, estamos nunha etapa histórica na que os conceptos básicos para regular non só a convivencia, senón tamén o sentimento de equilibrio persoal, son considerados irrelevantes, nun contexto no que a obsesión científica e tecnolóxica absorben o pensamento do home/da muller, separándoos dos valores humanos: Certas concepcións post – e trans - humanistas só os consideran como rémoras dun pasado que hai que superar. E ata onde todo isto conduce e debilita a densidade deontolóxica do home/da muller nos seus comportamentos está balizado, concretamente no ámbito político, polos parámetros da IRRESPONSABILIDADE, A QUEBRA DA REPRESENTACIÓN PARLAMENTARIA DA SOCIEDADE CIVIL E A PARTITOCRACIA CON LÍDERES INCLUSO VÍTIMAS DUNHA ATRABILIARIA EGOLATRÍA.

A irresponsabilidade dos líderes políticos tradúcese na incapacidade que evidencian para concordar dinámicas encamiñadas a dar solución á diversidade de problemas sen resolver, no ámbito do interese xeral do Estado, en parte fomentada por falta dunha aclaración contundente –aos demais líderes -- de parte do Sr. Presidente en funcións do Goberno, de ata onde pensa chegar con concesións aos secesionistas cataláns, porque isto disuádeos de facilitarlle a investidura, xa que el non está sobrado da necesaria confianza e non parece nin pertinente nin competente agravala cos erros dos presidentes que lle precederon: Mendigar cooperacións a cambio de engordar a vista cun nacionalismo tradicionalmente teimoso (incluso os houbo que falaban catalán na casa… e agora rinchan na praza!).

A sociedade civil, que tampouco pode quedar satisfeita das súas votacións, acaba sentíndose moi pouco representada nun Parlamento no que se cambian insultos por argumentos capaces de xustificar as grandes xestións de estado, e do que se aproveitan algunhas señorías para xerar tensións, con exhibicións impropias do lugar e xesticulacións de egolatrías solapadas, e tamén explícitas, a procura de ministerios decisivos que só poden dirixir con autoridade, cavilan arrogantemente! aqueles que contan cun ego tan absorbente que, por onde pasan, ata enrarecen a afiliación partidista. A veces, o Parlamento parece un lamentable espazo no que se xogan incómodas partidas á “partitocracia” estatal, que con extrema delicadeza pretenden controlar as presidencias.

E, para terminar, descúlpenme a seguinte cita, de sabor hegeliano e traducida ao galego por min, por se lles serve de excitante á reflexión do seu contido, sobre todo a certos políticos neófitos, que ofreceron un cambio drástico nas estruturas sociais nada máis conquistar o poder:

“O revolucionario que soña cunha “revolución permanente”, que NEGA CALQUERA ESPECIE DE TRADICIÓN E QUE NON TEN EN CONTA O PASADO CONCRETO MÁIS QUE PARA SUPRIMILO, conduce necesariamente, ou ben a nada da anarquía social, ou ben a súa propia anulación, física ou política”. (As maiúsculas son miñas, e a cita corresponde a Alexandre Kojève, na súa obra titulada “Introducción a la lectura de HEGEL”, Ed. Trotta, S.A., 2013, Madrid, P.560).
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES