Cando tocan a voda
Xiz, Xulio - lunes, 14 de enero de 2008
Normalmente, nas vodas, ven ser de lectura obrigada a epístola de San Pablo e outras lecturas similares, adaptadas á perfecta ortodoxia relixiosa.
Para facilitar o traballo dos lectores, e por se enriquece minimamente o abano de lectura, cedo todos os dereitos do texto que segue, que coido pode ser lido en ceremonias relixiosas ou profanas.
Un máis un, igual a un.
Alguén escribiu, e alguén cantou eso de en la calle, codo a codo, somos mucho más que dos. Porque os números, ás veces non cadran, ou non din a verdade.
UN máis UN, na rúa, loitando ou plantando cara, son ás veces moito máis ca DOUS. Pero neste caso, no que estamos a celebrar unha xuntanza de amor, UN máis UN, dan UN como resultado. E eso desexamos, que os DOUS xuntos sexan UN toda a vida.
Mesmo neste caso no que é UN máis UN é igual a UN, o resultado pode e debe manterse no futuro cando aumenten os membros da unidade familiar, sendo a suma de todos igual a UN. E cando eses membros a maiores, andando o tempo se independicen, seguirán eles sendo UN como resultado perfecto dunha suma que non ten nada que ver coas matemáticas.
E os que andamos darredor, que seremos cada día máis, somos o marco onde eses números se escriben, e seremos tamén testemuña dese UN maiúsculo que hoxe se escribe nos papeis.
Pura Vázquez, poeta de Ourense, dixo moi claro como ten que expresarse UN que aspira a ser UN xuntándose a outro:
Teño unha frol en ti asolagada,
-amor, amor-, nadándome na ialma.
Teño meu goio en ti, teño meu goio,
-amor, amor-, nacéndome nos ollos.
Teño meu soño en ti, teño meu vaso,
-amor, amor-, nos labres emborcado.
A miña sede en ti, en ti meu canle,
-amor, amor-, doéndome no sangue.
Estes DOUS que temos aquí, en realidade é UN. E ó que non lle sallan as contas é mellor que non as bote. Porque, exemplo final, nas matemáticas UN por UN é UN. Nesto do amor, do que aquí falamos, UN por UN, da como resultado INFINITO. Amén.

Xiz, Xulio