Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ollar nas orixes

jueves, 18 de julio de 2019
Vivimos nun mundo de hipertrofia escópica. As imaxes aséxannos por toda parte e hai un exceso do visual que, paradoxalmente, nos volve cegos para o esencial. É o imperio da iconosfera, un pesadelo gobernado polo Gran Irmán, que nos satura de fotogramas e deixa que nos devore a gran balea infartada por un ventre anegado de celuloide comercial e flocos de millo.

Precisamos, máis que nunca, educar a ollada, aprender a aprehender, ser capaces de subtraernos ao engado do espello deformante, regresar ás orixes, á transparencia radical da mirada que non esconde, revela, que non engana, guía, unha percepción ética e estética do fílmico; vale dicir, un regreso á autenticidade do ‘xesto Lumière’ para deixar atrás, definitivamente, as sombras da caverna.

Fernando Redondo Neira, un dos nomes imprescindibles do ensaísmo cinematográfico galego, profesor de Comunicación Audivisual na USC e estudoso da historia do noso cinema e da proxección sociocultural deste, ve publicado Os amorodos de Bergman, a monografía coa que se fixo acredor do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, convocado pola Editorial Galaxia -editora do libro- e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, concedido por un xurado do que formaron parte Carme Adán, Luís Alonso Girgado, Patricia Arias Chachero, María Xosé Porteiro e Carlos Lema.

Os amorodos de Bergman é un ensaio arredor do cento de películas que a Sociedade Amigos do Campo filmou entre os anos 1925 e 1934. Son, estas, gravacións de pequenas viaxes e excursións polo territorio galego, saídas comunais que foron captadas pola Packard 9’5 mm de Alfonso Piñón, imaxes que funcionan a un tempo como testemuño histórico e como memoria dun tempo e dun colectivo entrañado, identificado coa columna vertebral do país, coa súa paisaxe constitutiva e definitoria, cun ser antropolóxico plasmado en imaxes, en acenos e símbolos.

Hai neste traballo luminoso de Redondo Neira toda unha Teoría da Percepción implícita, unha concepción do cinema como segunda oportunidade ou rexurdir vívido do vivido. Por iso estes rexistros fílmicos son tan valiosos, pois mercé a eles sabemos -e vemos- a posición significada e significante dos Rof Codina, Xaime Quintanilla, Felipe Bello Piñeiro, Santiago Montero Díaz e outros senlleiros que formaban parte da Sociedade Amigos do Campo.

Agora ben, o estudo de Redondo Neira vai alén e é, asemade, unha indirecta historia do cinema galego de Preguerra e, abrindo o ángulo ata o plano xeral, un deitar a ollada na conformación diacrónica da sétima arte nas primeiras décadas do pasado século a través das belidas metáforas das bolboretas de Nabokov, o cabaleiro de Italo Calvino ou o axolotl de Cortázar.

Magnificamente escrito, cunha impecable documentación, informativo ao extremo e por completo suxestivo, Os amorodos de Bergman é un ensaio maior, que nos recupera no pasado, nos explica no presente e traza un vieiro posible de futuro.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania